viernes, 7 de septiembre de 2007

Mª VICTORIA VILLAVERDE, VIÚVA DO ESCRITOR E POLÍTICO GALEGUISTA, RAMÓN DE VALENZUELA

Unha vida de película foi a que lle tocou vivir a Mariví Villaverde (Vilagarcía, 1922), xunto ao seu home Ramón de Valenzuela, que descansa no cemiterio de Adina dende o ano oitenta. Unha chea de idas e venidas debido á persecución política e militar que sufriron os galeguistas durante a guerra civil primeiro, e durante a dictadura, despois. Dúas biografías entrelazadas por un sentimento compartido, cun mesmo ideal político e un mesmo xeito de loitar pola súa terra. A súa herdanza literaria e políticamente incorrecta, só era posible noutros paises durante o réxime, polo que as súas obras foron publicadas primeiro na Arxentina e despois en Galicia. Ramón Valenzuela, de profesión mestre, foi tal vez o primeiro escritor galego que baseou a súa obra en denunciar as atrocidades levadas a cabo en cárceres e campos de concentración durante a guerra fraticida española.

¿COMO E PORQUE CHEGARON Á ADINA?
No ano 44 Ramón e eu decidimos casar e vivir en Galiza, durante unha tempada vivimos en Noalla e algúns fins de semana nos desprazábamos ata Portonovo porque Ramón era cuñado do famoso médico da vila mariñeira Don Fernando Lalinde. Ó pasar por Adina, parábamos nun lar de fermosas vistas ó mar e baixábamos das bicicletas, e sempre comentábamos ilusionadamente a posibilidade de mercar unha terra alí para facer unha casa onde vivir. Tras unha emigración “forzosa” a Bos Aires, regresamos a Madrid no 66, escollemos a capital nun principio porque era máis sinxelo pasar desapercibido. Unha vez asentados, eu comecei a traballar por toda Galiza de representante comercial de porcelanas e cristal de Bohemia importado de Checoslovaquia. E no 74, despois de moitas trabas para mercar o terreo, fixemos a tan desexada casa, naquel lar de Adina co que sempre soñábamos dende 30 anos atrás. Nun principio, o “noso proxecto” era o de pasar alí medio ano e o outro medio en Madrid, pero agora só veño na tempada do verán.
¿COMO RESUMIRÍA A PERSONALIDADE DO SEU HOME?
Era un home moi optimista, por moi mal que estiveran as cousas sempre se sentía feliz, porque aproveitaba o lado bo ata das circunstancias máis adversas, como cando estivo sesenta días nunha celda de incomunicación, en Ávila, na que a maioría dos presos toleaban en pouco tempo. Era moi boa persoa, cun carácter excepcional.
¿QUE DESTACARÍA DA OBRA LITERARIA DE VALENZUELA?
Hai tres obras publicadas: NON AGARDEI POR NINGUÉN, ERA TEMPO DE APANDAR e O NARANXO. Un dos grandes méritos da súa obra, é a publicación destes libros cando ninguén se atrevía a facelo.
¿E A SÚA ACTIVIDADE POLÍTICA?
Era fundamentalmente galeguista, aínda que tivo tendencias comunistas polas circunstancias dos “aliados” durante a II Guerra Mundial e a conseguinte postguerra. Tivo unha participación moi activa durante toda a súa vida, dando “mitins” e conferencias por todo o mundo, ata en Portonovo dou algunha charla moi popular.
¿COMO SOBREVIVIU Á ÉPOCA DO FRANQUISMO?
Ramón pasou tres anos encarcelado en Ávila (dunha condea de vinte anos e un día), algún tempo en campos de concentración e moitos anos emigrado “forzoso”, ata que volvemos a España intentando pasar do xeito máis desapercibido posible. Nun principio tiñamos a esperanza de que “Os Aliados” remataran coa dictadura, igual que sucedeu co nacismo, pero parece que España non interesaba tanto e o franquismo perdurou demasiado no tempo.
¿QUE RELACIÓN TIVO CON CASTELAO E OUTROS INTELECTUAIS DA ÉPOCA?
A Castelao xa o coñecía de antes da guerra, incluso participaron xuntos en varios mitins, (Valenzuela foi un dos escollidos para transportar o cadaleito de Castelao), tamén participou en diversos momentos da súa traxectoria con Seoane, Cuadrado, Neira Vilas, Blanco Amor e unha longa lista de persoaxes galegas que formaban un movemento intelectual irrepetible.
¿QUE RELACIÓN TIÑA CO POBO E HABITANTES DE ADINA?
Era unha relación moi cercana, Ramón falaba moito cos veciños das cousas cotiás, as viñas, o tempo, os problemas familiares, etc, pero era máis reticente a falar de temas políticos porque a xente tiña moito medo a todo, en especial a expresar opinións que se desmarcaran das habituais, eran bastante medroñentos. !Secuelas do réxime!
¿QUE ANÉCDOTA DESTACARÍA DA SÚA VIDA ?
Houbo un feito moi anecdótico, que foi a asistencia á nosa voda dun policía que viña a investigar a ver se alí se podería estar “cocendo” algo sospeitoso.
¿QUE RELACIÓN TIÑA COA IGREXA CATÓLICA?
Deixamos de creer nesta relixión cando vimos que un asesino, visto cos meus propios ollos, asistiu a unha misa despois de cometer un asasinato, e só lle fixo falta trinta segundos de confesión para redimir da súa cara calquera síntoma de arrepentimento, saíndo da Igrexa coma se non houbera pasado nada. Non podo crer nunca relixión así.
¿QUE AUTORIDADE LOCAL FOI A PRIMEIRA EN RECOÑECER A SÚA OBRA?
Ningunha, os primeiros en valorar a súa obra foron os membros dunha asociación de Portonovo, que fixeron as xestión precisas para poñerlle o nome de Valenzuela a unha rúa.
COMO REPRESENTANTE DA OBRA DE VALENZUELA, O ESCRITOR DE MÁIS RELEVANCIA RELACIONADO CON ESTE CONCELLO. ¿NON CREE QUE DEBERA SER ATENDIDA POLA CONCELLEIRA DE CULTURA?
Neste Concello non interesa moito o movemento literario nin o patrimonio cultural, non hai cines, nin teatros, nin incentivos para concursos literarios, nin nada de nada, por iso temos unha escasa vagaxe de escritores, pintores, etc. Se non se sementa non se recolle. Somos unha sociedade que depende dos veraneantes, sociedade de consumo que non deixa pegada.
¿VALÓRASE POUCO ÓS ESCRITORES LOCAIS?
Por suposto, menos mal que existen persoas coma vós. A Ramón encataríalle saber que a mocidade de Adina fai unha publicación que loita polos valores que tanto defendeu. Incluso para min foi unha grata e inolvidable sorpresa coñecer a xente coas vosas inquedanzas, e vos animo a que sigades traballando e facendo historia, porque demostrades moito máis que sentimento pola vosa terra.

CONCURSO DE PINTURA AO AIRE LIBRE EN SANXENXO

O Círculo Cultural Deportivo de Sanxenxo organizou o día 17 de agosto a II Edición do concurso de pintura ao aire libre “Paisaxes de Sanxenxo”, no que se deron cita un total de nove pintores. Entre os artistas encontrábanse coñecidos do concello, pero tamén xente vida de fóra, en concreto de Cambados, Vilagarcía, Raxó e ata Boiro.
Despois de selar os seus lenzos ás dez da mañá e pintar os seus cadros no lugar elixido, concentráronse na Praza de Pascual Veiga onde expuxeron as súas obras desde as 19:00 ata as 22:00 horas.
O xurado composto por Miguel Mantilla (pintor e mestre de Arte), Francisco Romero (pintor e galerista) e Francisco Hernández (presidente da Cultural de Sanxenxo), elixiron como gañadores a Andrea López, cunha obra de factura contemporánea e Ramón Costa, máis figurativo, os cales recibiron un premio 500 € cada un.

O FÚTBOL SALA FEMININO, UN DEPORTE EN AUXE

A Asociación Xuvenil SARAIBA DO MAR constitúese o 20 de xaneiro de 1999 no marco do Concello de Sanxenxo. A Asociación xurge como colectivo xuvenil que pretende traballar en beneficio dos xóvenes do Concello de Sanxenxo, recoller as súas inquedanzas e tratar de aportar o seu gran de area á xuventude. A intención é aglomerar as necesidades da xuventude e dar saída ás mesmas, por medio da organización de actividades e cursos que respondan ás demandas de tempo libre de tódolos xóvenes.
Deste modo, a finais de 1999, nace a idea de formar un Equipo Feminino de Fútbol Sala que encha ese oco que o deporte feminino ven reclamando insistentemente. O que nunha primeira tempada foi unha aventura dun equipo de doce xogadoras, en seis tempadas despois converteuse nunha realidade de catro equipos e cincuenta xogadoras, nas categorías xuvenil, cadete, infantil e benxamín. Este clube, na actualidade conta con catro equipos e unha escola base de fútbol sala. En tódolos nosos equipos conseguimos reunir a un grupo de xogadoras xóvenes, chegadas de distintos puntos do municipio.
Na actualidade temos un total de corenta e oito xogadoras federadas nas categorías de xuvenil, cadete e infantil. Cada equipo conta cun entrenador que colabora con nós desinteresadamente.
Os resultados deportivos foron chegando co traballo dos monitores que colaboran desinteresadamente co equipo. Ainda que os desprazamentos non son moi longos, temos que contar coa axuda dos pais e nais das nenas para poder desplazarnos aos partidos. Esto supón un grande aforro económico.
Con esta estructura e a escola base, que xa conta con cinco equipos, aseguramos a continuidade do fútbol sala feminino no Concello de Sanxenxo a medio e longo prazo.

RESTAURACIÓN DO NENO XESÚS

Unha semana antes da celebración das festas da vila de Portonovo, na procesión que sube as imaxes cara a Igrexa parroquial de Adina, unha delas sufriu un percance. Concretamente, o Neno Xesús que leva nos seus brazos a Virxe do Carme, co movemento saiu do enganche metálico que o suxeitaba e caeu ao chan. De forma precipitada, era necesario arranxar os problemas da pequeña imaxe, xa que uns días máis tarde tiña que acompañar á Virxe nas procesións con motivo das festividades dos patróns.
O párroco don Xosé decidiu proceder á restauración inmediata da talla, que posuía alteración graves provocadas pola caída, e outras que viñan dadas polo paso do tempo. O dano máis grave era a perda de capa pictórica producida polos golpes e o mal manexo da imaxe. Tamén tiña unha grosa capa de suciedade pola acumulación de pó e escrementos de insectos. Pero a alteración máis grave foi a separación dunha peza na parte da nuca. Esta peza é tallada de forma separada polo escultor para introducir os ollos de cristal, e logo, unha vez colocada a peza no seu sitio, selábase con cola de carpinteiro. Co tempo, as propiedades deste adhesivo, van desaparecendo, o que fixo que o golpe tan forte producirá a separación do resto do corpo.
Nada máis entrar no obradoiro, o que se fixo foi un análisis histórico-artístico e físico-químico da peza. Antes de intervir é preciso coñecer a obra e o seu estado, para poder determinar o tipo de productos, materiais e tratamentos a desenrolar. A primeira actuación foi unha limpeza mecánica (por medio de bisturí) e química (con disolventes acuosos), onde se eliminiou a capa de suciedade, e máis profundamente, os repintes que se fixeron na faciana co paso do tempo e que non eran orixinais (coloretes, beizos, ollos…).
O seguinte paso foi adherir a peza da cabeza cun adhesivo polivinílico. O saneamento do oco fíxose con anterioridade para deixar ese espazo vacio totalmente limpo. Unha vez completa a obra, procedeuse a estucar aquelas faltas de pintura, ou aquelas lagunas onde o soporte de madeira encontrábase á vista. Mediante unha pasta de sulfato cálcico aglutinado, cubríronse tódalas faltas salientables, e posteriormente lixáronse para nivela-las ou darlle forma, como foi no caso dos cabelos. Por último, coa reintegración cromática ditas faltas retomaron a súa cor, mediante a aplicación de tintas de acuarela sobre o estuco, que devolvían a unidade estética á peza. O barnizado da obra foi a etapa final deste proceso de conservación e restaruación, no que fixo falla respetar un tempo de secado, para que as alteracións climatolóxicas e ambientais non afectasen á talla.

REUNIÓN DE CATALINA GONZÁLEZ COS VECIÑOS DE ADINA

O pasado día 22 tivo lugar a primeira reunión dende as pasadas eleccións, que a alcaldesa de Sanxenxo mantén cos veciños de Adina. Nela abordáronse case tódolos temas relacionados coa parroquia, destacando entre eles, o comezo das obras da Praza de Adina, as melloras na rúa Poleiros e a futura realización da Casa de Cultura. Tamén se estudiaron outros temas non menos importantes como as irregularidades urbanísticas nesta zona do rural, a posible apertura de tres novos accesos, o desenrolo do SAU 14 , etc. Os veciños tamén preguntaron polo futuro desdobramento da actual vía rápida pois moitos veciños de Adina se verían afectados.
En canto ó ámbito social tratáronse temas tan diversos coma o problema do botellón e outros coma o da realización das festas locais. O tema medioambiental, a protección do patrimonio e os tendidos eléctricos ocuparon gran parte da xuntanza..
O colectivo veciñal aproveitou a ocasión para felicitar a González pola súa elección como alcaldesa, e por levar a cabo diversas solicitudes realizadas ultimamente pola Asociación de Veciños como o asfaltado de Rial á Xesteiriña, a rede de saneamento e auga en Pedrouzos, colaboracións varias no local social, etc.
Os representantes veciñais propuxeron levar a cabo esta reunión de xeito periódico, e agradeceron a atención recibida ata ben entrada a noite por parte da Rexidora e os seus acompañantes, o seu Secretario e o Concelleiro de Urbanismo, que tomaron boa nota de tódalas demandas cidadás expostas na reunión.

SOLO URBANIZÁBEL NÚM. 30 (S.U.-30) - PADRIÑÁN

No Consello da Xerencia de Urbanismo celebrado no día de hoxe, o grupo de goberno do Concello de Sanxenxo deulle o visto bo, en solitario, a aprobación definitiva do Plan Parcial do solo urbanizábel núm. 30 (S.U.-30) de Padriñán.
A cousa non tería mais transcendencia, xa que nos teñen acostumados a aprobar todos sexa con informes favorábeis ou non, carentes de informes ou por silencio administrativo dalgunha consellería da Xunta responsablilidade do PSOE, pero concretamente no caso que nos ocupa é exemplo da falta de rigor por parte do Partido Popular.
A pregunta dos concelleiros do BNG, a Sra. González, Presidenta do Consello da Xerencia, respostou que “descoñecía” de que solo se trataba. Entón o concelleiro do BNG David Otero, informouna de que o devandito solo estaba totalmente dentro do trazado da “súa malograda Ronda”.
Como de todos é sabido o concello ten presentado un recurso contencioso contra a decisión da Xunta de Galicia de paralizar a Ronda sen que, como ten declarado en máis dunha ocasión a Sra. González Bea, teñan intención algunha de retirar o devandito contencioso.
Ante esta situación o BNG fáise as seguintes preguntas:
Que pasará si, por unha fatal circunstancia, o recurso fose favorábel ao Concello?
Non saben os nosos gobernantes que os promotores do solo urbanizábel terían dereito a indemnización si non poden desenvolver o solo?
Ou é que realmente non cren no resultado favorábel do contencioso máis seguen adiante con el sen importarlles o seu custo? Total eses cartos non saen dos seus petos senón de todos os veciños e veciñas de Sanxenxo e os seus soldos téñenos asegurados!
Nin que dicir ten que o concelleiro delegado de urbanismo do equipo de goberno (47.600 euros/ano) non abreu a boca. Que vai dicir si non ten nin idea de que vai isto do urbanismo!

INTERCAMBIO CULTURAL EN ASTURIAS

A Asociación de Veciños San Miguel de Adina prepara o terceiro intercambio cultural cunha asociación de veciños asturiana. Os veciños de Adina foron invitados polos de Tijarafe a participar nun encontro a tres bandas. Aproveitando a visita dos canarios á capital ovetense, os dirixentes dos colectivos veciñais, decidiron aproveitar a ocasión para un intercambio cultural entre tres pobos, o canario, o asturiano e o galego.
A visita estase planificando para os días 21 e 22 de Setembro, polo que tódolos veciños interesados deben reservar as súas prazas coa maior antelación posible. Para isto deben usar os números de contacto da sociedade ou dirixirse á Revista de Adina. A reserva será de dúas noites, con media pensión nun hotel da capital asturiana, e unha cea ou xantar de intercambio cultural.

A LONGA EXPERIENCIA DO PRESIDENTE DA ASOCIACIÓN DE VECIÑOS

Neste cumpreanos da publicación veciñal, a cal leva xa dous anos publicándose, quero facer un pequeno balance sobre a miña vinculación con este tipo de actividades, que levo a cabo dende que teño uso de razón. Lembro con certa nostalxia a fermosa imaxe que a vila de Sanxenxo nos ofrecía alá polos anos 60, onde non había máis de 50 casas “das de antes” e en particular , recordo o Salón de Baile do Marycielo e o Cine da Terraza. Sendo moi novo abandonei a miña aldea, Forxán, con só 19 anos tomei rumbo a Alemania, onde desenrolei a maior parte da miña “vida social” durante 41 anos. A miña vida de emigrante foi bastante dura nun principio por descoñecemento do idioma, as costumes e os problemas laborais, despois funme asentando, e a miña vida foise dividindo en tres partes, a familiar, a laboral e a socio-cultural. Desta última teño que destacar a creación do Centro Galego (1985) de Frankfurt, que foi un dos maiores retos que tiven en Alemania, do cal estou moi orgulloso porque foi un dos grandes referentes socio-culturais da emigración galega en Europa. Por este centro pasaron as autoridades e personaxes galegas e españolas máis importantes da época. A actividade cultural naqueles tempos era enorme, con intercambios con outros centros de todo o mundo, Sudamérica, Europa, etc.
No ano 1999 abandono Alemania e a presidencia do Centro Galego e intento formar outra asociación en Sanxenxo, pero de alemáns para desenrolar actividades similares ás que facíamos alá. Tras moitas xestións, todo parecía ir ben, incluso tiñamos unha serie de actividades xestionadas para levar a cabo, con descontos en compañías aéreas incluído, pero non chegou a colaboración do alcalde de turno para poñer todo en marcha e desestimamos o proxecto.
Finalmente, alá polo finais do 2004, propóñenme facerme cargo da A.V. de Adina, unha asociación inactiva, sen socios, sen auga, sen luz, sen fondos económicos, un auténtico desastre que suporía un reto para min e para as persoas que me acompañan nesta nova directiva, como Jorge, Casimiro, Andrés, Leopoldo, Manuel e as rapazas que dirixen a Revista, Elisa e Andrea.
Todos eles traballan sen ningunha remuneración, máis ben poñendo os seus cartos e o seu tempo para intentar mellorar as vidas dos demais, e gracias a todos eles conseguimos poñer esto a funcionar dun xeito exitoso.
Tamén quero destacar a axuda da nova alcaldesa neste último ano, pois é unha das máximas responsables de que o noso colectivo recuperara unha gran cantidade de socios, pois sempre nos apoiou nas nosas iniciativas, que en definitiva é o que demostra que imos polo bo camiño. Só nos queda que inicien as obras do novo Centro Social de Adina o antes posible, pois urxe de xeito inminente que dispoñamos dun centro destas características para desenrolar as actividades que temos planeadas para o vindeiro ano.
Esperando que esta promesa se faga realidade, mando un saúdo para tódolos veciños en xeral e socios en particular, sen eles as nosas reivindicacións non terían sentido.

A NOSA HISTORIA EN FOTOS

Este mes rescatamos unha foto que mostra unha das celebracións máis populares en Galicia e que pouco a pouco, neste concello se intenta rescatar. Do álbume do noso veciño de Portonovo, Manuel Bea, rescatamos esta postal que data do ano 1957. Neste retrato colectivo aparecen retratados entre outros: Chicho, Lustres, Manolo Viltor e Jose Manuel.

UNHA VIDA DE CANS

Matan e despelexan a dous cans e feren a outro nunha canceira en Cambados (Pontevedra)."Un estaba morto no centro do recinto e ao outro faltáballe toda a pel da parte de arriba", explica a xerente da canceira. Todo apunta a “persoas sen sentimentos” que “meteron outros cans para realizar pelexas” entre animais.
Este fragmento de noticia, recollida de Europa Press, non é nada axeno ao conxunto das novas sobre abandono de animais que lemos a cotío na prensa local. Os abusos que se fan aos animais non deixan de estremecer a algúns e de pasar desapercibidos para outros. Non é cuestión de sensibilidade, é cuestión de poñerse na pel dese ser vivo e pensar no que sinte ao ser abandoado polo que cre o seu dono ou a recibir maltrato do que pensa que é o seu protector.
Os cans derivan do lobo e na súa vida tenden a relacionarse en manada, guiados por un xefe, que na súa domesticación pasa a ser o home. O afecto e a obediencia é un pilar básico que levan no seu instinto dende que nacen e que se contradice, na meirande parte das veces, coas actuacións que os humanos levamos a cabo.
Todos os que posuimos animais de compaña sabemos da intelixencia e o entendemento que estes seres chegan a ter sobre os seus donos. Fanse oir e a comunicación é case total; “só lle falta falar”, din moitos. A sensación de confianza, seguridade e compaña está asegurada, de feito os especialistas recomendan a convivencia cun animal doméstico para tratar problemas sicolóxicos e fisiolóxicos, dende as idades máis tempranas ata a vellez. Sen embargo, a cotío, paseamos polas rúas vendo cans aboandoados por aqueles que non souberon responsabilizarse dun capricho que convertiríaos co tempo nun estorbo.
Son tamén compañeiros de ocio, como os cans de caza. Unhas razas que son recollidas polas canceiras, procedentes de donos que mostran a súa gratitude cun maltrato e un abandono cada vez máis numeroso. E por outra banda están as pelexas de cans encubertas que deixan cadáveres e cans agonizantes en escombreiras ou recunchos escondidos.
Calquera persoa que convive con animais de compaña sabe da súa nobreza e dedicación ao seu amo. Son un máis da familia e a súa perda xenera un vacío difícil de esquecer. Este sentimento debe ser xeneralizado para que aqueles que teñen animais os respeten, e os que non os teñen e queiran telos sepan da responsabilidade que iso carrexa.