jueves, 27 de marzo de 2008

ESTA FOI A REVISTA DO MES DE XANEIRO DO 2008

UN DOS ADESTRADORES DE TENIS MÁIS PRESTIXIOXOS DE GALIZA

Noli Álvarez, actual Director Deportivo do CÍrculo Cultural e Deportivo de Sanxenxo (CCDS) é unha persoa humilde, a cal, case sen facer ruído dou un xiro de 360 graos ó club que agora dirixe. Ademais de ser un dos adestradores mais prestixiosos de Galicia, foi quen de formar unha estrutura deportiva que catapultou ó club ata o mais alto do tenis autonómico. O CCDS é o club que mais torneos organiza de toada Galicia, e a súa fama é innegable. Conta cunha canteira inesgotable que garantizan o futuro do tenis de Sanxenxo e cunha afección polo deporte de raqueta digna de apreciar. Cabe destacar dentro da estructura técnica do club a figura de Chalu, home de confianza de Noli e peza indispensable no funcionamento impecable que ten a entidade.

_ Nome completo. Lugar e data de nacemento.
Manuel Álvarez, Noli. Nacín o 22 de Abril do ano 1968 en Lugo
_ Posto que ocupa actualmente neste club.
O poto que teño actualmente é o de director deportivo.
_ Breve historia de como chegou ata esta zona.
Eu aínda que son de Lugo levo vivindo moito tempo en Pontevedra, onde traballaba nun Club de Tenis. Un bo día o señor Rotilio, que daquela era o presidente do club, contactou conmigo e comecei a traballar na Cultural de Nantes, sobre o ano 1992.
_ ¿En que ano se fundou este club?
O club conta con mais de 25 anos e as pistas mais antigas ó redor de 23.
_ ¿Como se financia este club?
O club mantense grazas á cota dos socios, que é de tan só 18€ ó mes por familia. Da igual que a familia esté composta por un membro ou por dez, cada familia só paga esta cantidade.
_ ¿Cos abonos destes socios é suficiente para manter tódalas categorías do equipo?
Os abonos son unha parte importante, pero sen dúbida as axudas públicas e os patrocinadores privados supoñen unha fonte de ingresos fundamental. Dende o club sempre tratamos de organizar o maior número de competicións posibles, as cales xeran unha imaxe de club importante o cal facilita que se nos concedan estas axudas. En este sentido tamén debemos destacar a labor do presidente, Francisco Hernández.
_ Respecto ó torneo benéfico, ¿Que obxectivo buscades ó facelo?
O Torneo Benéfico naceu como resultado da necesidade que sentíamos de apoia a algún tipo de ONG, e o desastre do Prestige foi o detonante. Vimos que a xente se achegaba a Galicia a axudar e sentímonos na obriga moral de axudar a algunha ONG. Decantámonos por Proyecto Hombre e, a semellanza do partido de fútbol Drogas No, nos organizamos este torneo. Todo canto se recada donase a esta organización. Según nos confesou Proyecto Hombre Galicia, esta é unha das axudas privadas máis importantes que se realizan. Dende o club, todo o staff técnico nos implicamos e traballamos no torneo de xeito completamente gratuíto e donamos os nosos honorarios como árbitros a esta causa.
_ Como club, ¿que papel xogades nas competicións autonómicas? ¿Aspirades cada ano a ser campións galegos?
Pois fai tres anos quedamos campións da 1ª División Galega, cun resultado na final de 6 – 0. O ano pasado descendemos a 2ª, onde quedamos campións retornando de novo este ano a 1ª. O descenso foi unha mala xogada do destino; a 1ª División do tenis galego xogase tipo Copa Davis, eliminatorias nun fin de semana. Cada equipo consta de seis xogadores e nos, ese fin de semana tiñamos a catro lesionados, co cal o resultado foi nefasto, pasamos de arrasar na final anterior a descender.
_ Ademais de equipo masculino, contades tamén con un feminino. ¿Que tal lles vai as rapazas?
Pois este ano ascendemos a 1ª División, co cal nos convertemos nun dos dous únicos equipos que logra ter as categorías tanto masculina como feminina en 1ª División galega.
_ Ademais do tenis, ¿ofrecedes algún outro deporte?
Ademais do tenis, estámonos mergullando no mundo do Padel. Este é un deporte emerxente en Galicia e acolle a cada vez mais afeccionados . Fai tres anos inauguráronse as pistas e dende o club damos grande importancia a este deporte, de feito, cando se organiza algún torneo de tenis tamén se fai un de Padel.
Eu animaría a todo o mundo a que o probara, xa que un deporte moi sinxelo e divertido.
_ ¿Entrar a formar parte do Circulo Cultural é accesible para tódalas familias de Sanxenxo?
A verdade é que si. Eu non coñezo ningún tipo de club, ximnasio, ou calquera outra entidade deportiva que so custe 18 € ó mes por familia.
_ ¿ Que lle gustaría mellorar das instalación?
A min gustariame moito poder realizar un proxecto que temos en mente que sería crear un edificio de usos múltiples onde están os vestiarios actuais. Este edificio constaría de vestiarios, oficinas técnicas, ximnasio e tamén dotalo dunha zona onde se puidesen facer tratamentos de augas, con jacuzzis, chorros, etc. Un tipo de balneario a menor escala.
_¿ É posible levar iso adiante?
Eu, dende logo, confío moitísimo na directiva e no noso presidente. Sempre que se propuxo algo acabou por conseguirse, co cal temos a esperanza de que si vaia adiante, non sei si a curto ou a medio prazo, pero seguro que se conseguirá.

RÍOS QUE NON SON RÍOS


Non sei quen trouxo este modelo de “río que non é río” e que está cambiar os regatos do Salnés. A min ocórreseme que o iluminado que chegou con esa idea, previamente estivo en Versalles e alí tivo unha revelación. Ao chegar aquí decidiu facer unha relectura deste xardín renacentista á luz dos regatos do Salnés, como dirían os bispos. E así foi como os seus prosélitos “fixeron un esforzo económico” que non lles costou ningún esforzo, porque o fixeron con cartos públicos, e converteron os regatos en xardíns pseudorenacentistas con árbores autóctonas podadas, ao longo de curso de auga unidireccional, o que nun proxecto de Concello ou Deputación se daría en chamar “Recuperación ambiental do río …” . En tanto, moita xente está contenta con este novo estilo de beira ”non fluvial” sometida a poda, despoxada de matogueira, socavada na súa canle e nos seus bordos polas escavadoras, e alumeada por faroliños baixos, por eso do impacto lumínico, mesmo a altas horas da madrugada. Agora podemos pasear polos camiños de terra batida ou de taboas, da beira dun “non río”, podemos sentar nun banco, apoiarnos nunha pasarela a non fumar un pitillo, andar cun carriño dun neno, cunha accesibilidade que xa lles gostaría a moitas vilas do Salnés. Mesmo hai profesores, que sen ser moi conscientes delo, levan aos rapaces para que vexan por primeira vez – que emoción!-, o que non é exactamente un río, ainda que teña algo de parecido. Na mentalidade de moita xente non entra a vexetación da primavera, pois todo debe ser paseable… Se nalgún lugar hai herba non segada, se considera que ese sitio está abandoado. Para moita xente toda a natureza debera ser coma un xardín de tipo francés, renacentista, o máis similar posible a Versalles, controlado ata o absurdo. Moitos queren gozar, como Luis XIV , XV e XVI, dunha natureza capada e ridícula. Odian que as herbas nazan espontánea, libres…, e queren sometelas. E tamén os ríos sofren os efectos reais desa mentalidade. Regatos fortificados nas súas beiras por horribles muros de pedra; árbores aliñadas en duas filas a espazos definidos e comprobados por cinta métrica, nada de vexetación que sobresaia dunha liña recta, marcada previamente nun mapa de situación, paneis interpretativos sobre o que había no río antes das obras, e que quedan moi monos…
Pero como debe de ser un río?
A vexetación da ribeira de ríos e regatos, tamén chamada bosque galería, conta con todos os estratos de vexetación: matogueira, arbustos, ramas baixas, plantas trepadoras, árbores medianas, árbores altas, e mesmo vexetación asolagada Son bosques que crean por si mesmos un ambiente distinto e se estenden, distribuídos en dúas franxas, máis ou menos anchas, ao longo das dúas beiras do río. Mesmo ás veces se expanden formando rodais adxuntos ao borde fluvial. Así é un bosque de río porque ás lontras, ás cobras de auga, ás ras, ás toupas de río, aos martiños peixeiros…, non lles fai moita graza que a xente os mire. Gústalle vivir en galerías naturais, escondidas, umbrías e frescas, con moitas follas e ramiñas no chan, con currunchos de olor a terra húmida onde agocharse e estar en intimidade. Aos peixes non lle gusta que o sol lles chegue ao río, precisan sombra e tamén vexetación morta nas augas para que eles e o seu alimento, os invertebrados acuáticos, teñan estancias para vivir e tamén, por que non, para xogar ás agachadas, aínda que isto pareza pouco científico. O río debe de ser un lugar fresco, cunha temperatura, no verán, algo máis baixa ca do seu entorno e, no inverno, algo superior. Sempre coa auga tirando a fría, porque o frío das augas garante o osíxeno disolto e o osíxeno garante a vida. As árbores, os fentos…, toda a vexetación que vive a carón do río, son valedores da calidade das augas: protéxena das altas temperaturas, asegúranlle materia orgánica inerte que serve de reserva e dispensador lento de nutrientes, filtran os contaminantes que se ían introducir no río desde as veigas próximas, sobre todo os fitosanitarios e os abonos químicos, pero, sobre todo, se o que nos interesa é gozar dun río, son lugares fermosísimos e ateigados de vida.

Por que se quere cambiar isto? Ten sentido?
Pois paradoxalmente a maior desfeita dos ríos do Salnés levouna a cabo nestes últimos meses a administración que ten as maiores competencias sobre as augas de Galicia, e que así se chama: Augas de Galicia. Coa desculpa de evitar posteriores riadas, as obras que este organismo da administración autonómica acometeu nos regatos, con carácter urxente, foron brutais. Converteron moitos regatos en canles case artificiais, cortando árbores enteiras, porque cometían o delito de adentrarse algo na beiras, eliminaron as máis chamativas e elegantes matas de fentos do Salnés, cambiaron nalgúns lugares, os bordos vexetais por bloques de perpiaño. Augas de Galicia por medio de empresas subcontratadas, é responsable da desfeita de quilómetros de río: os pequenos regatos que pasan polos concellos de Meaño, Meis, Ribadumia, algúns tributarios do Umia, outros da propia Ría de Arousa. Posiblemente, nos momentos de precipitacións máis torrenciais, as augas discorran máis rápido agora por estes regatos acanalados, pero tamén asolaguen máis deprisa as zonas que máis sufriron as pasadas inundacións. As augas chegarán a máis nivel nos lugares con risco de inundación, porque se non hai nada que as pare chegará máis axiña ás desembocaduras e atopará dificultades para desafogar no mar, sobre todo cando a marea estea alta. Pero tranquilos, non vai pasar nada que estamos mellor organizados que en Nova Orleáns. Todas estas obras que fixo Augas de Galicia foron realizadas sen ningún proxecto nin previsión. Ata tal punto foi a falta de previsión que o material que arrincaron ao río, miles de toneladas de restos vexetais, acumulárono, sen ningún permiso, en fincas de particulares e tivérono alí meses, pese ás chamadas e denuncias dos propietarios. Pódese gozar dun río, débese gozar dun río sen hipotecar a súa esencia, e hai formas de facilitalo, pero sobre todo unha: deixando ao río ser quen é. Tamén se poden facer paseos preto dos ríos, non son necesarios grandes lucimentos, nin sistemas de iluminación, pero si se poden habilitar camiños, se respectan as distancias ao curso de auga e a zona máis íntima do bosque galería. Mesmo pódese facilitar o acceso á beira das augas en lugares determinados. Así se vería e sentiría o río sen danalo. Hai problemas de abondo nos ríos, e para solucionalos hai que invistir:
• Na eliminación das verteduras líquidas urbanas directas ás augas.
• Na erradicación da vexetación alóctona que vai ocupando as beiras e o leito das canles e desprazando á propia.
• No control e eliminación dos recheos consentidos das xunqueiras e brañas que son as extensións naturais dos humidais e ademais son factores fundamentais na regulación do equilibrio hídrico, como controladoras das crecidas e receptoras das augas de inundación. Se queremos mellorar os cursos fluviais, debemos ter moi claro o que é un río para saber o que lle impide ser el mesmo. Iso si que é un esforzo, especialmente para algunha xente.

O PG PRESENTA O 1ºPROGAMA MUNICIPAL CONTRA O CAMBIO CLIMÁTICO

“AXENDA RESPIRA” do Partido Galeguista supón un punto de inflexión a tódolos niveis para a política local tradicional.

¿Que obxectivo persigue a “AXENDA RESPIRA”?
O programa pretende ser o camiño cara un concello sostible. Que implante un novo modelo de desenvolvemento municipal que satisfaga as necesidades das xeracións actuais sen comprometer a capacidade das xeracións futuras. É responsabilidade de todos non botar a perder o mundo no que vivirán os nosos fillos, polo tanto, debemos actuar no presente pensando no futuro.
¿Que é a “AXENDA RESPIRA”?
É un programa de actuación municipal (axenda 21) que o PG propón para a Loita Contra o Cambio Climático en Sanxenxo.
¿Que propón o Programa?
A axenda propón acadar máis de 100 obxectivos a través de máis de 100 propostas en tódolos ámbitos municipais. Todo isto a través dunha novedosa proposta de regulamento local de emisións, baseado no comercio e tramitación de ecobonos, ecotasas e certificacións tramitados pola administración local.
¿Como se executa o Programa?
O Consello Municipal de Sostibilidade debe ser o órgano redactor e executor do Programa definitivo, e ha de estar formado por representantes e expertos en diversos ámbitos que aseguren o equilibrio das decisións tomadas.
¿Por que un Programa Municipal?
Máis de 5000 cidades e municipios en todo o mundo están elaborando e presentando as súas Axendas Locais, asumindo a súa responsabilidade e a súa capacidade de transformación. Badajoz, Tarragona,Viladecáns, Barcelona, Bilbao, Alicante, Córdoba, etc son algunhas das moitas cidades e municipios españois que xa teñen en marcha algún programa de sostibilidade. A clave do éxito é cumprir a vella máxima “pensar globalmente e actuar localmente”.
¿Por que se presenta agora?
No1983 Nacións Unidas adoptou o concepto “Desarrollo Sostenible” e no 1989 comezou a aplicación do Programa ou Axenda 21. No 1995 cidades españolas como Barcelona aceptan a Carta Magna e implantan os seus programas, no 2004 (21 anos despois do comezo) os nosos políticos locais, representados de xeito conxunto pola Comarca do Salnés, firman a adhesión á Carta de Aalborg. Iniciado o 2008, pasado máis dun cuarto de século dende que se aceptou o problema, e catro anos dende que aceptou e incumpriu o compromiso de tomar medidas e implantar programas específicos, decidimos presentar a nosa proposta.
¿Por que o PG é a única formación política de Sanxenxo que loita contra o Cambio Climático?
As formacións políticas miran para outro lado cando se fala de tomar medidas de sostibilidade, estas medidas supoñen tomar decisións contra a presión urbanística que exercen os poderes económicos. Por outra banda é evidente que as campañas electorais e o cumprimento das súas promesas dependen en gran parte dos poderes económicos.
Quen cala outorga por iso o PG non cala e os demais si.
É completamente absurdo defender e presumir de Punta Vicaño como recurso natural ó mesmo tempo que se vota en favor do desenvolvemento urbanístico de Punta Festiñanzo. O interese público debe permanecer por riba do particular.
Os Consellos Municipais de Sostibilidade poden contradicir á xestión política polo que non son “invitados de moito agrado” para os políticos.

ENTREVISTA EXCLUSIVA COAS SUAS MAXESTADES OS REIS MAGOS DE ORIENTE

A Revista de Adina ten a honra de presentarlles a única entrevista que Os Reis Magos de Oriente concederon a un medio de comunicación.
A labor non foi nada doada, xa que aínda estamos pagando as letras do préstamo que tivemos que pedir para pagar a viaxe a Oriente. Para topar as Súas Maxestades investimos horas e a apertada axenda que teñen nestas datas deixáronnos moi pouquiño tempo para facer esta entrevista.
¡¡Pero conseguímolo!! E aquí a tendes.

_ ¿Que tal están? ¿Como se lles presenta o ano 2008?
Melchor: Ben, con ganas de que chegue a noite de Reis para poder facer felices a tódolos nenos do mundo.
Baltasar: Si, comparto a idea de Melchor, eu tamén o esto desexando.
Gaspar: É incrible o felices que son os nenos cos nosos regalos, isto paga con creces o traballo que nos supón esta longa viaxe cada ano por todo o mundo.

_ ¿Están os camelos preparados para esta longa viaxe?
Gaspar: Pois si, xa están listos. Foron esta semana a pasar a ITV e sen problema.
Melchor: O meu tiña unha luz de freo fundida, pero xa está arranxado.
Baltasar: E ó meu tiven que cambiárllelos cascos de adiante, que xa non se lles vía o debuxo e se me pillaban os de Tráfico…

_ ¿Como fan para chegar a tempo a tódalas casas do mundo?
Baltasar: É difícil, pero tentamos ir o mais rápido posible para que nos de tempo. Moitas veces, os nenos déixannos cousas de comer, tanto a nos coma os camelos, pero non podemos pararnos moito.
Melchor: O problema témolo co do carné por puntos, xa que se nos collen… E ademais este ano co da reforma do código penal…
Gaspar: Pero xa equipamos os camelos cuns GPS de última xeración, que detectan os radares tanto fixos como móbiles. Aínda que non son legais de todo, pero…

_ ¿Pórtanse ben os nenos durante todo o ano para que lles levedes o que vos piden?
Baltasar: Os nenos soen portarse ben, en xeral non hai queixa.
Gaspar: Non esaxeres Baltasar, que este ano temos bastante carbón que repartir.
Melchor: Si Gaspar, pero moito dese carbón tamén é para os maiores.

_ O reparto en Sanxenxo, ¿resulta moi complicado?
Melchor: Sanxenxo é un dos lugares onde mais regalos deixamos. ¿O reparto? Pois eu penso que como todos os demais lugares, ¿non compañeiros?
Gaspar: Home, damos grazas de que o Nadal non sexa no verán, por que polo que vemos isto esta a tope de coches, e meter os pobres camelos na caravana…
Baltasar: Sí, e ademais dende que meteron isto de “R” polas rúas non hai quen circule. Todo son fochancas e eu xa lle tiven que cambiar as suspensións ó camelo dúas veces.

_ ¿A que hora, aproximadamente, comezades o reparto dos regalos?
Baltasar: Pois a iso da unha da madrugada, mais ou menos. Depende tamén de cómo estea a noite, xa que se chove hai que ir máis a modo xa que os camelos vanse nas curvas e leva máis tempo.
Melchor: Os anos anteriores comezábamos sobre as 12 da noite, pero este ano o sindicato arranxounos o tema e comezamos unha horiña mais tarde.
Gaspar: Iso, ¡traballamos unha hora menos!

_ ¿Cal é o voso truco para que nunca ningún neno fose capaz de velos deixándolles os regalos?
Os tres a vez: ¡¡Pois porque somos máxicos!!, ¿ou que pensades
?
Melchor: Ademais, se algún neno nos está esperando para vernos pasamos de longo e volvemos logo.

_ ¿Non resulta moi cansado facer as cabalgatas antes do reparto de regalos?
Baltasar: Home, cansado cansado non é, pero que se nos acumula moito o choio si que é verdade.
Melchor: A nos o que nos dá forzas é ver a ilusión coa que os rapaces nos miran, escoitar o que queren, compartir con eles eses pouco minutos… con iso, temos forzas para afrontar toda a noite.
Gaspar: Ademais iso é outra cousa na que está a traballar o sindicato, ¡que para iso estamos afiliados! Que nos repartan algo mais o traballo.

_ ¿Qué fan os reis magos durante o resto do ano?
Gaspar: Pois dígovos: Eu collo a segunda quincena de Xaneiro de vacacións, e logo collo os outros quince días no verán. Melchor colle todo Setembro para repor forzas cara o Nadal e Baltasar… ¿ti cando as colles Baltasar? !E que este cambia cada ano¡
Baltasar: Pois este ano… collerei agosto. Estou pensando en irme ata Sanxenxo á praia.
Gaspar: Logo o resto do ano vixiamos ós nenos e nenas, a ver como se portan, e vamos preparando cousiñas para o Nadal, sacamos os camelos a pastar…
Melchor: ¡¡Sempre che hai cousas que facer meus fillos!!

_ Unha pregunta un tanto indiscreta. ¿Teñen moza?
Risas.
Risas.
Máis risas.
Melchor: Moza eu non teño, pero amigas…algunha hai por aí.
Gaspar: Eu tampouco teño nada serio.
Baltasar: Eu unha vez tiven unha, pero cando lle dixen que traballaba de noite deixoume. ¡¡Non sei eu o por qué!!

_ Despois de tantos anos de traballo ¿Teñen prevista a xubilación?
Melchor: Non, esta é a nosa forma de vida, existimos para isto e non queremos deixalo nunca.
Baltasar: A ilusión coa que os nenos nos agardan todo o ano é algo que te enche tanto que amas este traballo máis que a nada no mundo.
Gaspar: !!Por iso non temos mozas¡¡
Risas.

_ Ben Súas Maxestades, a entrevista toca a súa fin. ¿Queredes dirixirvos os nenos e nenas que leen esta revista?
Gaspar e Baltasar: Que fale Melchor que é o que ten máis facilidade de palabra, nos somos moi tímidos.
Melchor: Pois falo eu, tranquilos.
Nenas e Nenos, como cada ano, a noite do 5 ó 6 de Xaneiro pasaremos polas vosas casas a deixarvos os regaliños. Esperamos que fosedes moi bos, xa que se foi así teredes a vosa recompensa.
Se este ano nos ides deixar comida, por favor, non deixedes moito doce, xa que somos moi lambóns, e nas últimas análises saíunos algo alto o colesterol.
Nada máis, unha forte aperta a tod@s e deica logo amig@s.

O PATRIMONIO EN ESPERA

Xa vai máis dun mes que un accidente de circulación na estrada de Adina co camiño de Barbeito, provocase a destrución parcial da base do cruceiro, quedando desfeito. Moitos dos que vivimos cerca sentimos o pesar de que un elemento cultural e artístico tan característico da nosa terra sufrise ese dano, sendo restaurado fai pouco por unha empresa especializada. Pensouse que tras isto, o dano sería reparado con urxencia. Pero despois dunha espera considerable, a única intervención foi a de poñer uns valos metálicos do concello para impedir que os rapaces, que xogan ao seu redor, sentasen na escada aberta.
Non pode ser escusa que non se coñeza o estado no que se encontra o Cruceiro de Barbeito, por parte do responsable de patrimonio do concello ou de institucións superiores. Como ben di o seu nome e a súa función, a súa situación nunha encrucillada de camiños, é de paso obrigado para toda a poboación da parroquia de Adina. Sábese que un deterioro deste tipo, e que afecta á estrutura da obra etnográfica, pode levar, co tempo, á alteración de toda a peza.


TOMANDO AS UVAS DIANTE DO RELOXO DO CONCELLO DE SANXENXO.

Estimados veciños do concello. Nestas festas resulta que todo mundo ten que ter familia, pasalo ben... e en moitos casos iso non ocorre así. Hai moita xente neste concello á cal nos apetecería (súmome) facer unha xuntanza de tódolos veciños que nestas festas se sintan sos, ou simplemente lle apetece celebralo Nadal ou a entrada do aninovo en compañía doutra xente.
Esta idea xurdiu nunha conversa informal, entre xente que non sabíamos que facer, ou como se nos ía presentar estas festas. A min ocorréuseme a idea de que o concello, no canto de facer só unha gran comilona para os nosos maiores (máis que merecida), tamén podería coidarnos os mais xoves e facer unha comida o día de Nadal, para tódalas idades, aínda que tiveramos que poñer algúns cartos, e que non fose con demasiados luxos.
Tamén sería unha boa idea, tomar as uvas todos xuntos co son do novo reloxo do concello. ¿Que vos parece a miña idea? Eu creo que moita xente o ía agradecer e incluso familias compostas por tres, dúas persoas... que se sintan un pouquiño soas.
Persoalmente non me gustaría que este artículo quedara só niso (un montón de letras), gustaríame que, si fose posible, a xente se animara a pedirlle a alcaldesa se nos regala unhas próximas felices e divertidas festas de Nadal, que creo que sería beneficioso para todos. É unha forma de unión e alegría, que moitos agradeceríamos.

UN FESTIVAL DE NADAL DO COLEXIO DE PORTONOVO

A ANPA, do colexio Público de Portonovo, organizou un festival do Nadal, o día 22 de Decembro, no que os nenos e nenas deleitáronnos cunha fermosa interpretación da obra ”As zapateiras e os trasnos”,e unha posta en escena de dúas coreografías de baile moderno, dirixido pola súa profesora de baile. Despois de disfrutar con todo este repertorio, os nenos tiñan unha merendola e para os maiores o sorteo dunha cesta.
Para os nenos serviu como unha boa escusa para reunirse cos seus amigos e compañeiros de xogos no medio destas vacacións e para os pais tamén foi unha reunión onde puideron charlar entre eles e incluso coñecer os amigos dos seus respectivos fillos.

A NOSA HISTORIA EN FOTOS

Este mes dispomos de unha fotografía xa non tan antiga, que data do 1981. Nesta imaxe vemos reflectida o que sería o tradicional Enterro da Sardiña que se celebra en Portonovo. Como todos sabemos é unha festa que representa o fin do entroido

CUARTO INTERCAMBIO CULTURAL DA AAVV DE ADINA

Os veciños de Adina levaron a cabo o cuarto intercambio cultural destes últimos dous anos. Nesta ocasión a Asociación participante era “Os Candiles” de Oviedo.
Pola mañá os asturianos foron recibidos no Concello polo Equipo de Goberno, que lle entregou unha placa conmemorativa da súa visita, a través do Concelleiro de Seguridade Cidadá Salvador Durán.
Despois a directiva de Adina acompañou ós visitantes polas zonas menos coñecidas de Sanxenxo, visitaron o Miradoiro das Canteiras onde intercambiaron opinións co Presidente da Comunidade de Montes, Roberto Garrido, ó que felicitaron pola construción do citado miradoiro e a casa comunal, tamén puideron ver a Igrexa de Adina, a Capela da Lanzada, o Pazo de Quintáns e outras zonas que se incluíron nunca xira en autobús por todo o Concello.
Unha vez rematada a excursión os socios dos dous colectivos compartiron unha merenda con produtos autóctonos do lugar e viño albariño. Durante este acto tivo lugar o intercambio de regalos e recordatorios habituais, intre no que xurdiu a proposta máis salientable do evento, e que consistiu na intención de levar a cabo unha caravana de mulleres dende Oviedo a Sanxenxo, a idea foi collendo corpo cando as mulleres asturianas observaron a gran cantidade de solteiros que viven na zona de Adina.

INAUGURACIÓN DA NOVA PRAZA DE ADINA

O pasado 25 de decembro inaugurouse a nova praza de Adina. Ó acto acudiron os principais membros da corporación municipal, xunto co cura da parroquia, quen dou a bendición á nova praza e, por certo, a algún deulle un bo baño de auga bendita (se coñece que viu que lle facía falta tamén algo de bendición). Un bo número de veciñas e veciños que non se quixeron perder o acontecemento acudiron ó lugar para gozar do primeiro día na praza. Tamén se deu por inaugurado, ese mesmo día, a restauración da tribuna da Igrexa de Santa María de Adina.
Aínda que a climatoloxía non acompañou, algúns cativos aproveitaron para estrear tanto o parque como os agasallos traídos por Papá Noël.
Por fin Adina conta cun espazo de ocio en condicións, no que os pequenos, e non tan pequenos, poidan pasar parte do seu tempo de lecer dun modo tranquilo sen ter que desprazarse ata os parques de Portonovo ou Sanxenxo.
Aínda así, hai cousas que se deben engadir a esta nova praza. Dende a Revista de Adina, e logo de consultar con distintas personalidades do entorno, chegamos as seguintes conclusións do que falta na praza e expoñémolas a continuación, coa esperanza de que se teñan en conta.
A praza actual debería de contar con:
_ Unhas baias para a pista polideportiva. Esta pista debería de ter todo o seu perímetro balado, para impedir que as pelotas saísen sen control cara calquera das estradas que estreman co recinto, xa que o perigo que isto supón é moi grande, e máis, tendo en conta a velocidade á que pasan os coches pola recta que vai a Portonovo.
_ Pasos de peóns elevados en toda a recta que baixa cara Portonovo. Quizais esta sexa unha das medidas máis urxentes que se deben levar a cabo. Dentro de moi pouco a praza atoparase chea de nenos pequenos, e pola estrada da que estamos a falar, os vehículos alcanzan velocidades de verdadeiro pánico. Isto, de momento é un perigo en potencia, e debemos tomar cartas no asunto para non ter que lamentarnos logo. Colocar pasos de peóns elevados inflúe de xeito directo na seguridade desta zona, xa que obriga a reducir a velocidade ós conductores, que poderán reaccionar ante calquera neno ou nena que cruza, por exemplo detrás dun balón. Non quero imaxinarme isto sen pasos elevados. Estaríamos a falar dunha desgracia e ninguén quere tal cousa.
_ Diferentes tomas de corrente, que faciliten a colocación de aparatos de música, megáfonos, etc. en calquera acontecemento que alí poida ter lugar. Do contrario, a dificultade para celebrar actos será moito maior.
_ Dotar a pista polideportiva de porterías e canastras, xa que sen elas, a práctica destes deportes vai a resultar unha tarefa complicada. Marcar os campos de baloncesto e incluso non estaría de mais, pintar un campo e instalar unha rede de voleibol.
_ Un novo local social, que converterá a esta zona no verdadeiro centro neurálxico de Adina, onde os veciños poidan acudir cos seus fillos a todo tipo de actos, tendo a tranquilidade de contar cun parque no que deixar ós seus fillos, suficiente aparcamento, zonas verdes, etc. Un local dotado de ordenadores e internet sen cables que faciliten a labor da Asociación de Veciños e de calquera veciñ@ que se queira conectar á rede mediante a WIFI.

Cremos que estas reformas, xunto coa construcción da nova casa cultural transformarían este espazo público e colocarían a Adina á cabeza das parroquias do Concello.
Un saúdo a tod@s e ¡a gozar da nosa praza!