
Hoxe queremos sacar á luz a verdade sobre o que está acontecendo co enlace do polígono Industrial de Sanxenxo. Non facemos mais que ler na prensa declaracións que non aportan nada novo e que, en moitos dos casos, non fan, senón confundir.
O que aquí acontece é unha clara batalla política entre Xunta de Galicia (PSOE e BNG) e Concello de Sanxenxo (PP).
O fondo de tódalas discusións é a construcción da infraestructura de entrada ó polígono dende a Autovía que se está a construír, xunto coa que comunicará dita vía con Gondar e Vilalonga (infraestructura prevista no Plan Xeral de Sanxenxo).
Cando se proxectou o desdobre da Vía Rápida do Salnés en Autovía, a Xunta de Compensación do S.U. 15 de Nantes (Parque empresarial de Sanxenxo) cedeu un total de 23.000 metros cadrados de terreo ó Concello, por petición da CPTOPT (Consellería de Política Territorial Obres Públicas e Transportes), a cambio da construcción do enlace do polígono coa autovía. A CPTOPT apodérase desta superficie e decide que é o Concello quen ten que cubrir os gastos da infraestructura de entrada ó citado Parque. Ante isto, o Goberno Local negase e paraliza as obras de desdobre no tramo que lle cedera á Xunta de Compensación, xa que, de non facer eles o enlace, o Concello non lle cede este terreo a CTPOPT de xeito gratuíto. Cando isto sucede, a Xunta de Galicia crea unha bolsa de cartos que pagarán a expropiación dos terreos, pero esta bolsa vai a nome dos seus antigos propietarios, algo surrealista, xa que ese terreo pertence dende que se comezou a facer o polígono a Xunta de Compensación, e con este organismo nunca se contou para nada.
Resulta que os anteriores Gobernos, Local e Autonómico, ambos en mans do PP, non deixaron constancia de quen sería o órgano encargado de levar a cavo a obra. Dous anos despois, a Xunta de Galicia mudou de mans, e entrou no poder a coalición entre PSdG PSOE e BNG, mentres que en Sanxenxo seguen gobernando os Populares.
Na actualidade, o Concello mantén unha dura batalla coa Xunta en 6 proxectos máis, tanto relacionados coa rede viaria, como de tipo urbanístico e, incluso existen tamén dúas frontes abertas con Medio Ambiente, o que nos mostra que a separación entre ambas Administracións é total.
En Nantes, ningunha das dúas se quere facer cargo do custo que supón dotar ó polígono dunha entrada en condicións e dunha estrada que permita os habitantes de Vilalonga acceder a dito parque ou a autovía, sen necesidade de pasar por Sanxenxo.
O futuro do Parque empresarial non se pode ver comprometido polos erros que os anteriores mandatarios cometeron, nin moito menos. Sanxenxo merece algo mais que iso. Estamos a tempo e en disposición de dotar a este polígono das entradas que precisa para que poida traballar a pleno rendemento, como se esperaba del.
Ata este momento, os organismos públicos non investiron nin un só euro neste parque, e creemos que é o momento de que o fagan, xa que, polígonos similares da Comunidade estanse a financiar con cartos públicos. Durante todo este proceso, o único que cumpriu coa súa parte do trato foi a Xunta de Compensación, que fixo o que se lle pediu no prazo que se lle esixía. Era competencia deles ter o polígono nas condicións nas que se atopa actualmente, comunicado con tódalas parroquias colindantes a través de pequenas entradas, coa infraestructura de conexión co futuro parque empresarial de Meaño e co tramo de estrada que uniría a Autovía con Vilalonga, que, a pesares de que pasa por dentro do polígono era competencia da Xunta e mais do Concello a súa construcción. Eles fixeron do Polígono o elemento de unión e de integración en Sanxenxo de núcleos rurais como Nantes, O Santo, Dadín, etc. que dende a construcción da Vía Rápida do Salnés se quedaran completamente illadas. E casualmente, é a propia Xunta de Compensación a que están a pagar os desacordos políticos. Eles e, no caso de non chegar a un acordo, tódolos demais veciños do Concello de Sanxenxo e outros Concellos, como Meaño, xa que os cidadáns de Dena e arredores chegarían a autovía en menos de tres minutos a través da estrada de unión entre estes dous puntos que ninguén quere facer. Agora é responsabilidade do Concello e mais da Xunta pórse de acordo para acadar unha solución coherente ó problema. Unha boa entrada o polígono, xunto con unha estrada que una o mesmo coa afastada Vilalonga faríanos un Concello moito mais grande e unido que nunca. Por non falar da desconxestión de trafico que isto suporía, sobre todo no verán, nunha vila que é un caos circulatorio na época estival.
Aínda que non o pareza, estamos a falar dun polígono que a pleno rendemento garantiría o “paro 0” no concello para os vindeiros 25 ou 30 anos. E se a actual Alcaldesa non é quen de pórlle solución, fágano vostedes PSOE e BNG. Os vosos compatriotas mandan na Comunidade Autónoma e a vos si que vos escoitarán. Esa é a forma de facer unha oposición leal para cos cidadáns do seu Concello e gañarse os seus votos, non criticar sen aportar solucións. E aínda que se teñan que postular en contra dos intereses dos seus partidos na Xunta, estarán demostrando interese polos veciños de Sanxenxo, que son a quen vostedes representan. O noso futuro depende de vostedes, non xoguen con el.
VIPS postúlase do lado da Xunta de Compensación e apoia o Goberno Local, e a Alcaldesa parece estar facendo todo o que está nas súas mans para solucionar o problema, incluso véndose na obriga de mandar a Policía Local a deter as obras de desdobre no terreo en discusión. Estas dúas posturas son de agradecer, pero hai que seguir traballando, non só serven as palabras. O que é realmente vergonzoso é a actitude dos grupos do PSOE e BNG. Dende o PSOE prefiren facer política xeral con este problema, antes de buscar o ben para os veciños do Concello. Simplemente se adican a repetir o que diga o seu partido dende o Goberno Autonómico.
O caso do BNG é aínda mais escandaloso para con Sanxenxo, xa que dende Santiago, o propio BNG mostra o seu total apoio á Xunta de Compensación e os representantes locais de este mesmo partido reclaman que a estrada a fagan os propietarios do parque cos cartos que obtiveron das plusvalías. Incrible.
A solución teñen que acordala o Concello de Sanxenxo e a Xunta de Galicia, e deberían de facelo antes de que a Autovía estea rematada, xa que logo suporía un tremendo caos circulatorio e un custo económico moito maior. Que mellor forma de presionar a Xunta que ir todos da man dunha mesma idea, unha idea que naza de pensar nos intereses de Sanxenxo, dos seus actuais veciños e dos futuros habitantes deste Concello.Unha idea que cando chegue a Xunta de Galicia, so polo peso da gran cantidade de xente a que representa, lles obrigue a solucionar este problema. Esa sería forma de facerlle ver a Xunta que Sanxenxo SI está preparado para ser un referente a nivel comarcal e autonómico.
¿QUÉ PASARÁ SE NON SE CHEGA A UN ACORDO?
No caso de non haber un acordo entre as administracións, o polígono quedaría semi morto. Camións de grande tonelaxe non poderían acceder ó mesmo, co que as empresas non estarían interesadas en instalarse nel. Os vehículos pesados que si puideran acceder terían que facelo polas estradas de sempre, e non me quero imaxinar o que suporá ter que entrar 50 tráilers en Sanxenxo en pleno verán. Colapsarán aínda mais o municipio.
En definitiva, non dotar o Polígono desta entrada significaría condenalo ó fracaso. Sería como ter un transatlántico no río de Fabaiños.
¿QUÉ ALTERNATIVAS SE PODEN LEBAR A CAVO SE OS POLÍTICOS NON SE POÑEN DE ACORDO?
Esta pregunta xa a fixeron os membros da Xunta de Compensación, quen lle propuxo a CPTOPT correr cos gastos da obra, e logo, durante os anos que dure a concesión da estrada cobrar polo número de vehículos que circulen por a mesma, pero ó Director Xeral parece que non lle gustou moito a idea de que os beneficios de explotación os fosen a levar outros cos que non contaban e bloqueou esta iniciativa.
A outra opción de que costeen a obra os propietarios sería que política Territorial e Concello de Sanxenxo lles pagasen o tramo de estrada que a Xunta de Compensación xa ten realizada dentro do polígono e que uniría a autovía coas vilas de Vilalonga e Gondar. Este tramo, que discorre por dentro do polígono, xa está rematado, e foi financiado pola Xunta de Compensación, cando deberían habelo pagado entre o Concello (48%) e a Xunta de Galicia (52%).
O que en ningún caso é unha alternativa viable é a barbaridade que puido escoitarse de boca do secretario Xeral da Consellería de Ordenación do Territorio, e que reiterou o representante local do Grupo Nacionalista, de que son os propietarios dos terreos os que deben realizar a obra coas plusvalías que van obter dos seus terreos dentro do polígono. Señores, en todo caso, coas plusvalías terán que render contas a facenda pública, que é quen se encarga diso, pero non facer estradas.
¿ESTE PROBLEMA PREOCUPALLE REALMENTE A XUNTA DE GALICIA?
A resposta é moi clara: NON. A Xunta de Compensación tentou por tódolos medios poñerse en contacto coa conselleira de Política territorial, a Sra. Dna. Mª Xosé Caride, co fin de acadar unha solución a un problema de tan grande magnitude. A carta contestouna, moito tempo despois, un señor que ninguén coñece que di ser o “Xefe de Gabinete da Conselleira”. A resposta veu a ser que a Señora Caride tiña cousas mais importantes que facer. Vamos, que 5.000 postos de traballo directos dentro dunha comarca que nun so trimestre perdeu 7.000 deben ser un problema menor para Caride.
Con este panorama, a Xunta de Compensación decide ir mais aló, e remiten unha carta o presidente da Xunta de Galicia, Don Emilio Pérez Touriño. E aquí xa nin sequera un descoñecido contesta. A resposta é silencio.
Parece que por parte do Goberno Autonómico non interesa que, nun Concello en mans do PP se produza un impulso tan grande como sería este Parque Empresarial coas entradas necesarias para garantir a súa actividade a pleno rendemento. Parece ser que Sanxenxo xa é importante de abondo e non o debe ser mais.
OUTRAS CURIOSIDADES DO CASO:
Este problema, xa dende as súas orixes é surrealista, xa que a empresa concesionaria da obra de desdobramento da vía rápida (UTE Copasa-Puentes-Caixanova) cando esta saíu a concurso, no prego de Condicións Técnicas especificábase a construcción do enlace, polo que se deduce que contaban con facelo e polo tanto xa está presupostado. Deste xeito non entendo por que non son eles os que fan a obra. E no caso de non facela, dese presuposto que eles deron haberá que descontar os cartos que custe esta obra, xa que, doutro xeito estarían cobrando por algo que non fixeron, e iso eu creo que é…ilegal.
As presións comezan a ser moi fortes, e non se descarta que no prazo dende a elaboración deste artigo (26/11/2007) ata a súa publicación (02/12/2007) ambas partes acaden un acordo.
Esperemos que así sexa e que cando vostedes lean isto, xa sexa unha historia cun final feliz para todos.