Mostrando las entradas con la etiqueta portada. Mostrar todas las entradas
Mostrando las entradas con la etiqueta portada. Mostrar todas las entradas

jueves, 27 de marzo de 2008

INAUGURACIÓN DA NOVA PRAZA DE ADINA

O pasado 25 de decembro inaugurouse a nova praza de Adina. Ó acto acudiron os principais membros da corporación municipal, xunto co cura da parroquia, quen dou a bendición á nova praza e, por certo, a algún deulle un bo baño de auga bendita (se coñece que viu que lle facía falta tamén algo de bendición). Un bo número de veciñas e veciños que non se quixeron perder o acontecemento acudiron ó lugar para gozar do primeiro día na praza. Tamén se deu por inaugurado, ese mesmo día, a restauración da tribuna da Igrexa de Santa María de Adina.
Aínda que a climatoloxía non acompañou, algúns cativos aproveitaron para estrear tanto o parque como os agasallos traídos por Papá Noël.
Por fin Adina conta cun espazo de ocio en condicións, no que os pequenos, e non tan pequenos, poidan pasar parte do seu tempo de lecer dun modo tranquilo sen ter que desprazarse ata os parques de Portonovo ou Sanxenxo.
Aínda así, hai cousas que se deben engadir a esta nova praza. Dende a Revista de Adina, e logo de consultar con distintas personalidades do entorno, chegamos as seguintes conclusións do que falta na praza e expoñémolas a continuación, coa esperanza de que se teñan en conta.
A praza actual debería de contar con:
_ Unhas baias para a pista polideportiva. Esta pista debería de ter todo o seu perímetro balado, para impedir que as pelotas saísen sen control cara calquera das estradas que estreman co recinto, xa que o perigo que isto supón é moi grande, e máis, tendo en conta a velocidade á que pasan os coches pola recta que vai a Portonovo.
_ Pasos de peóns elevados en toda a recta que baixa cara Portonovo. Quizais esta sexa unha das medidas máis urxentes que se deben levar a cabo. Dentro de moi pouco a praza atoparase chea de nenos pequenos, e pola estrada da que estamos a falar, os vehículos alcanzan velocidades de verdadeiro pánico. Isto, de momento é un perigo en potencia, e debemos tomar cartas no asunto para non ter que lamentarnos logo. Colocar pasos de peóns elevados inflúe de xeito directo na seguridade desta zona, xa que obriga a reducir a velocidade ós conductores, que poderán reaccionar ante calquera neno ou nena que cruza, por exemplo detrás dun balón. Non quero imaxinarme isto sen pasos elevados. Estaríamos a falar dunha desgracia e ninguén quere tal cousa.
_ Diferentes tomas de corrente, que faciliten a colocación de aparatos de música, megáfonos, etc. en calquera acontecemento que alí poida ter lugar. Do contrario, a dificultade para celebrar actos será moito maior.
_ Dotar a pista polideportiva de porterías e canastras, xa que sen elas, a práctica destes deportes vai a resultar unha tarefa complicada. Marcar os campos de baloncesto e incluso non estaría de mais, pintar un campo e instalar unha rede de voleibol.
_ Un novo local social, que converterá a esta zona no verdadeiro centro neurálxico de Adina, onde os veciños poidan acudir cos seus fillos a todo tipo de actos, tendo a tranquilidade de contar cun parque no que deixar ós seus fillos, suficiente aparcamento, zonas verdes, etc. Un local dotado de ordenadores e internet sen cables que faciliten a labor da Asociación de Veciños e de calquera veciñ@ que se queira conectar á rede mediante a WIFI.

Cremos que estas reformas, xunto coa construcción da nova casa cultural transformarían este espazo público e colocarían a Adina á cabeza das parroquias do Concello.
Un saúdo a tod@s e ¡a gozar da nosa praza!

miércoles, 9 de enero de 2008

NA INTERNET, POUCAS AGAIAS

Imos falar dun tema que verdadeiramente nos parece un abuso e unha forma de propaganda totalmente gratuíta e sen ningún tipo de escrúpulos. Isto non é outro que os blogs que ultimamente están a aparecer na internet, blogs que falan dos “problemas” do concello, enfocados dende o punto de vista de quen os comenta ou redacta, e de seguro, que tamén vistos dende detrás das cores de certos partidos políticos. Cada un que faga o que queira que é libre diso, o que dende a revista de Adina non podemos e non queremos permitir e ver como se critica cruelmente e faltando o respeto, sen que nadie diga nada. Se hai que dicir algo sobre alguén creo que se pode facer sen ofender. A sociedade está “asustada” pola falta de educación dos nosos cativos, e de repente, poste a ler estas páxinas na Internet, e vés de onde ven esa falta de educación, de valores, de respeto polos demais, etc. ¡vaia exemplo de cidadanía hai nestes blogs!
Aquí confúndese política con intereses persoais e sobre todo co traballo de persoas desinteresadas. Na A.A.V.V de Adina, e estou seguro que nas demais Asociacións de Veciños, a xente que forma parte delas non se está a lucrar cos seus postos, nin moito menos. Están a sacrificar tempo coas súas familias e amigos co fin de lograr que se fagan cousas para as súas aldeas ou pobos, e en algúns casos ata aportacións económicas sen saber si algún día o verán recompensado.
Os que buscan lucro, e do grande, son os políticos que publican estos blogs na internet. Políticos escondidos detrás de un seudónimo, os que non lles importa nada danar ós que se están a sacrificarse pola súa xente, como os das A.A.V.V ou Comisións, precisamente porque os políticos iso de mirar polos bens comúns dos cidadáns, fano ben pouco.
Tamén puidemos ler noutros blogs algo sobre a nosa revista, esta que nós diriximos e da que todos vostedes forman parte. Miren, en esta revista sempre (polo menos dende que nos, Andrea Rey Prego e Carlos Názara Blanco, collemos as rendas) se tratou e se trata de defender os intereses comúns a tódolos veciños de Adina e de Sanxenxo en xeral. E seguirémolo facendo, porque os veciños esto é o que se merecen, non batallas políticas que non conducen a ningures. E para esto criticaremos o que creemos que está mal feito, e aplaudiremos o correcto, como ata o de agora, moleste a quen lle moleste. Nos non nos fixamos nin na dereita nin na esquerda, nin PP, nin PSOE, nin BNG, nin Vips, etc.
Esta “vaca” da política debe de dar moi bo leite, cando tanta xente se pelexa por gobernar. O curioso do caso é que quen alimenta a esa “vaca” somos tódolos cidadáns.
A próxima vez que queirades criticar algo da revista de Adina, ¿porqué non dades a cara como bos críticos? Xa que eu creo que criticar está ben, sempre que sexa constructivo e que aporte unha solución posible. Non criticar por criticar,e por riba firmando como ANÓNIMO.
Nós, si firmamos os nosos artigos, porque o que neles se di é a nosa forma de ver as cousas e así o queremos facer ver, sen necesidade de faltar ó respeto a ningunha persoa, como en algúns casos se fai nestes blogs, e sempre aportando posibles ideas.
Este artigo e na honra da nosa A.A.V.V na súa defensa e mais na de tódalas demais do Concello de Sanxenxo. Un saúdo a todos/as e seguide así, que vos, sodes quen facedes grandes as parroquias. Aquí sempre defenderemos o voso duro e nunca recoñecido traballo.

sábado, 24 de noviembre de 2007

PRECAUCIÓN:RECADACIÓN

Dende a súa implantación, o pasado 1 de Xullo de 2006, o carné por puntos non está a cumprir coas expectativas.
En España xa son miles os condutores que perderon o seu permiso de conducir por mor da retirada de tódolos seus puntos. Nembargante, as cifras de mortos nas estradas non se reduciron, que era o obxectivo co que se facía. Isto non se pode discutir, xa que son cifras oficiais que vemos cada día nos medios de comunicación. Agora que ven que as cousas non funcionan, endurecen as leis de tráfico e van a castigar coa prisión a aqueles condutores mais perigosos. Paréceme ben, hai que retirar das estradas a estes perigos en potencia, pero, señores pensadores da Dirección General de Tráfico, eu como condutor, dende a entrada en vigor deste marabillosísimo permiso ando mais pendente de mirar o contaquilómetros para non excederme do límite de velocidade que de atender a estrada. Estou seguro de que ó igual que eu, a moitos mais condutores lles pasa o mesmo, e de que unha gran porcentaxe dos accidentes que se producen “por despistes” son mais ben por esta outra razón.
Pero non pasa nada, como condutores temos que estar tranquilos e atender ó volante, que se nos pasamos coa velocidade xa nos avisarán moi amablemente mediante unha foto dalgún radar que estaba situado nalgún punto escondido dalgunha estrada. E non só nos avisan de que nos pasamos de velocidade, senón que tamén te informan da cantidade de euros que tes que abonar as arcas do estado e dos puntos a detraer do teu permiso de conducir. A verdade, ¡¡hai que ver que ben se portan connosco!!
Non creo que sexa eu o único que pensa que os obxectivos ocultos que hai detrás de toda esta pantalla publicitaria non é outro que o de financiar coas nosas multas unha parte moi importante do gasto estatal. Os radares nunca están en puntos negros das estradas, mais ben atópanse xusto detrás dalgunha sinal de 50 km/h situada en rectas inmensas e sen perigo de ningún tipo, cousa bastante estraña cando a súa función é a de evitar accidentes. Estas sospeitas que eu teño de que isto das multas é mais ben unha boa forma de recadar cartos confirmáronse o día que escoitei na televisión, de boca de un ex axente de tráfico, que a cada Guarda Civil se lle esixe un mínimo de denuncias mensuais. Isto ben a aclarar todo. Si os teus superiores che esixen un mínimo de multas, ti colocarás os radares onde sabes seguro que vas a pillar a xente para poder despreocuparte de futuros problemas, e iso dos puntos negros e da precaución deixámolo para outro.
Agora, cada vez están a morrer mais motoristas, e a culpa é de que “non están preparados nin práctica nin teoricamente”. Pois de novo se confunden. Cada vez morren mais motoristas por unha simple razón: cada vez hai mais motos na estrada, xa que pagar o combustible dun coche estase a converter nun luxo e hai que irse a vehículos mais económicos.
Na miña opinión as solucións non son aumentar a idade mínima para conducir, nin facer mais exames, nin inventarse carnés por puntos. Eu creo que a solución podería ser investir tódolos cartos que se gasta o “Gobierno de España” en propaganda, en facer estradas mais seguras, eliminando os gardarraíles, que son os que de verdade matan motoristas, pavimentando de xeito coherente, etc.
Con isto non estou dicindo que se deban sacar as multas nin os castigos os malos condutores, só digo que fagan as cousas buscando o obxectivo que se nos vende nas campañas publicitarias: reducir o número de mortes nas estradas.
¡¡Espero que a DGT non me coñeza para que non tomen represalias contra min por este artigo!!

Texto: Carlos Názara Blanco.

viernes, 7 de septiembre de 2007

UNHA VIDA DE CANS

Matan e despelexan a dous cans e feren a outro nunha canceira en Cambados (Pontevedra)."Un estaba morto no centro do recinto e ao outro faltáballe toda a pel da parte de arriba", explica a xerente da canceira. Todo apunta a “persoas sen sentimentos” que “meteron outros cans para realizar pelexas” entre animais.
Este fragmento de noticia, recollida de Europa Press, non é nada axeno ao conxunto das novas sobre abandono de animais que lemos a cotío na prensa local. Os abusos que se fan aos animais non deixan de estremecer a algúns e de pasar desapercibidos para outros. Non é cuestión de sensibilidade, é cuestión de poñerse na pel dese ser vivo e pensar no que sinte ao ser abandoado polo que cre o seu dono ou a recibir maltrato do que pensa que é o seu protector.
Os cans derivan do lobo e na súa vida tenden a relacionarse en manada, guiados por un xefe, que na súa domesticación pasa a ser o home. O afecto e a obediencia é un pilar básico que levan no seu instinto dende que nacen e que se contradice, na meirande parte das veces, coas actuacións que os humanos levamos a cabo.
Todos os que posuimos animais de compaña sabemos da intelixencia e o entendemento que estes seres chegan a ter sobre os seus donos. Fanse oir e a comunicación é case total; “só lle falta falar”, din moitos. A sensación de confianza, seguridade e compaña está asegurada, de feito os especialistas recomendan a convivencia cun animal doméstico para tratar problemas sicolóxicos e fisiolóxicos, dende as idades máis tempranas ata a vellez. Sen embargo, a cotío, paseamos polas rúas vendo cans aboandoados por aqueles que non souberon responsabilizarse dun capricho que convertiríaos co tempo nun estorbo.
Son tamén compañeiros de ocio, como os cans de caza. Unhas razas que son recollidas polas canceiras, procedentes de donos que mostran a súa gratitude cun maltrato e un abandono cada vez máis numeroso. E por outra banda están as pelexas de cans encubertas que deixan cadáveres e cans agonizantes en escombreiras ou recunchos escondidos.
Calquera persoa que convive con animais de compaña sabe da súa nobreza e dedicación ao seu amo. Son un máis da familia e a súa perda xenera un vacío difícil de esquecer. Este sentimento debe ser xeneralizado para que aqueles que teñen animais os respeten, e os que non os teñen e queiran telos sepan da responsabilidade que iso carrexa.

miércoles, 22 de agosto de 2007

SANXENXO, SEGURO DE SOL

Vivimos nun concello, onde só o nome é sinónimo de vacacións, de tempo libre, de chiringuitos de praia, de copas nas terrazas, de saídas nocturnas e festas de todo tipo. Sen esquencer as citas gastronómicas de acá e acolá, tan concentradas nestes meses de calor. Estos quefaceres e máis, non son os que ocupan o verán dos nosos veciños.
Os que vivimos aquí non recoñecemos esta tempada de calor coma os de fóra. Dende sempre aprendimos a identificar estes dous meses con traballo. Algúns din que mal pagado, tendo en conta que se traballa a reo; outros din que sen un día libre, se temos presente o horario de cada xornada. Contra isto, as respostas son unha falta de profesionalidade e un “non querer traballar”. Calquer veciño de Sanxenxo pode presentar o seu propio testemuño, Fumos e somos moitos os que adicamos os verans da nosa vida a traballar para o inverno. As consecuencias as coñecen os empresarios, reflectidas na ampla lista de ofertas de emprego que o servizo de colocación do concello pon en mans de calquera.
Pero de que nos queixamos se o turismo é o motor do concello, traballamos dous meses para todo o ano, quen o soñara!. Se non fora porque eses ingresos non chegan nin para a volta ao cole. Porque son dous meses e non máis, se o tempo o permite, tal como estamos a ver este ano.
E despois que?. Non sabemos se vivimos da pesca, do comercio, da agricultura ou dun incipiente parque industrial que non se da posto en marcha. Os dez meses restantes, a nosa economía depende para algúns dos fins de semana en que saia o sol, e para moitos dun traballo que nos manteña a flote ata o verán seguinte. A excelencia turística non nos da de comer, todo é pasaxeiro e cambiante. Vivimos en dous pobos á vez, un de verán e outro de inverno, un aberto e outro pechado, un aglomerado e outro pantasma.
A estabilidade non existe e iso sabémolo ben moitos dos que decidimos alonxarnos para manter un ritmo de vida máis consecuente, cun futuro menos incerto. Precisamos esclarecer e concretar o noso motor económico, plantexarnos outras posibilidades laborais, incentivar outros sectores para abrir un abano laboral máis permanente.
Todos sabemos en que tellados está a pelota. Sectores públicos e privados teñen que deixar de centrar as súas actuacións no turismo, mostrándoo como a panacea do futuro de Sanxenxo. Comezemos a plantexar outras posibilidades que salven a economía de tódolos vecinos en vez de enriquecer a duns poucos.

viernes, 27 de julio de 2007

¿A QUEN ALIMENTAS?

“Un ancián indio describiu unha vez os seus conflitos interiores:
- Dentro de min existen dous cachorros. Un deles é cruel e malo, e o outro é bo e dócil. Os dous están sempre loitando...
Entón preguntáronlle cal deles era o que terminaría gañando.
O sabio indio gardou silencio un instante, e despois de pensar uns segundos respondeu:
- Aquel a quen eu alimente.”
Un dos conflictos internos da sociedade galega é a convivencia no uso de dúas linguas: galego e castelán, que alimentamos de forma diferente. Coma no caso dos dous cachorros, podemos aportar calificativos a cada unha das linguas: positivos ou negativos. Pero isto sempre dentro dunha postura moi particular, xa que de todos é coñecida a traxectoria que seguiu o uso de cada unha na historia do noso país.
Despois de que a lingua galega desaparecese da educación desde tempos pasados, a favor do castelán, xurdiu un problema discriminatorio sobre a poboación galega. A partir dos anos 80, coa transición democrática e a creación dos estatutos de autonomía, o coñecemento da lingua galega pasou a ser un dereito e un deber para tódolos galegos. Comenzáronse a tomar medidas para utiliza-lo galego en determinadas materias da ensinanza, pasando do ensino do galego ao ensino en galego. Na actualidade, a Xunta de Galicia está ás portas de aprobar unha normativa que dispoña a utilización do galego ata a metade do horario lectivo.
Paralelamente a esta progresión do fomento da lingua galega, apareceron mostras de denuncia ante a imposición do galego, por parte de pais, centros educativos e profesorado. Estos últimos aluden á libertade de utilización dunha determinada lingua na docencia, descoñecendo que desenrolan unha función de servizo público, e que deben cumprila nos termos establecidos pola normativa legal. Dende o ámbito particular, outro argumento contrario é que a opción lingüística é cuestión de liberdade individual. Esta postura demostra a incomprensión do modelo democrático de convivencia lingüística que deseña a lexislación vixente. A cooficialidade será efectiva cando a xeneralidade dos habitantes da nosa comunidade saiban manexar as dúas linguas dende un nivel de coñecemento e práctica, o que esixe unha maior presenza do galego no sistema educativo.
Sen dúbida, a pregunta é obrigada: ¿que lingua alimentas?. Só así, iniciaremos un proceso de cambio desde unha situación de predominio excluínte dun idioma (o castelán) fundado na marxinación doutro (o galego).

lunes, 11 de junio de 2007

A NOSA HISTORIA EN FOTOS

Pensando no interese que despertan sempre esas fotos antigas sacadas dun caixón, de onde fai tempo que non saen, na Revista, presentamos unha nova sección que precisa da participación de todos. En cada número publicaremos unha foto dun particular que queira mostrar imaxes concretas da nosa historia: un acontecemento, unha festa, un desastre ou unha celebración de interese para os veciños do concello de Sanxenxo. O interesado só ten que poñerse en contacto con nós, achegandonos esa foto para publicala.
Como primeira foto rescatada en branco e negro, temos a seguinte: propiedade de Mª Jesús Bermúdez, aproximadamente do ano 1958, en Sanxenxo. Trátase dun retrato en grupo, daquelas nenas, algunhas delas hoxe avoas, que participaban na pedida de esmola para o DOMUN.

NA TÚA CASA OU NA DE MEUS PAIS

Según as estadísticas dun artigo de prensa do luns 9 de abril de 2007, na páxina 9…
…Podo chamarme Sandra. Ser galega. Solteira. Ter 29 anos. Vivir nun concello como Sanxenxo. Ter estudos universitarios. Estar á espera do meu posto de traballo ideal, xa que como está o panorama fóra, o 12,4 por cento dos xóvenes galegos están en paro. Son optimista e podo estar a traballar. Ainda que se unimos a falla de experiencia laboral, a inexistencia dun máster especializado, o escaso dominio de idiomas, ou ser muller, podo estar a traballar nun posto non desexado e que non corresponda coa miña titulación. E se desexamos un traballo estable e ben remunerado, xa é moito pedir.
Podo seguir desexando independizarme e formar parte dese 65 por cento de menores de 35 anos que todavía viven no fogar dos pais. E se decido marchar, se é que me vou, máis da mitade do meu soldo, o 63 por cento máis concretamente, teño que adicalo á compra dunha vivenda, cando o recomendado polos expertos é non sobrepasar o 30 por cento do salario. A parte disto, hai que buscar e buscar, sen decidir o enderezo da futura vivenda, xa que o ano pasado o prezo dun piso encareceuse un 10,7 por cento, por riba da media estatal. E estamos a falar do concello cos prezos, por metro cadrado, máis altos da comunidade galega. Se pensó en alquilar, incluso isto vai ser cuestión complicada. Nalgúns casos podo quedar en casa de meus pais por cuestión de comodidade, ou porque retraso a marcha uns anos para incrementar a capacidade de aforro e así poder mercar un piso.
Despois de que tódolos partidos políticos presentes nas eleccións do noso concello estiveran dacordo nas necesidades dos xóvenes, é necesario salientalas. Por iso, a nova corporación municipal recentemente elixida, debe ter sobre a mesa este problema, e procurar solucións con políticas de emprego e vivenda, pero sobre todo as de emprego. Éstas deben ser a principal prioridade da Administración con respecto aos xóvenes. Estanse facendo cousas pero todo o que se faga sempre será pouco.
Elisa Franco

martes, 15 de mayo de 2007

INICIO DUNHA NOVA ETAPA

O último número publicado con data 1 de abril, foi un número especial. Non só pola súa brevidade, senón pola finalidade que seguía: a despedida da directiva, e moi en concreto de Jorge García Caamaño.
A Asociación de Veciños San Miguel de Adina, agradécelle a labor desenvolvida dende os inicios, coa posta en marcha dunha publicación inédita, nun ámbito tan reducido como o rural. Jorge levou a cabo o traballo de redacción e elaboración da revista. Aparte diso, convertiuse no enlace entre as distintas asociacións, partidos políticos, organismos e institucións, para que poidesen poñer conxuntamente as súas demandas por escrito.
Foron moitos os números publicados dende setembro de 2005. Ano e medio de ardua e complicada actividade, no intento de darse a coñecer a todo o público local. O nomeamento dunha nova directiva da Revista constitúe unha nova etapa. O noso traballo, a partir de agora, é manter ese apoio do lector e aumentar o interese nas publicacións. Sen embargo, o novo equipo non traballa só. Precisará, como ata agora, da colaboración de todos aqueles que desexen transmitir unha demanda, unha reflexión, un apoio…
Nesa relación de colaboración, comunicámoslles que para poñerse en contacto con nós, terán que modificar os anteriores datos, tanto do correo electrónico, como dos teléfonos. Así mesmo, a Revista de Adina da un paso adiante incorporándose ás novas tecnoloxías. Tódolos artigos publicados terán presenza na rede na seguinte dirección electrónica: http://www.revistadadina.blogspot.com/.
De modo paralelo ao troco de directiva, comezou a elaboración do primeiro número desta nova etapa. Foi un reto importante á hora de colle-las rendas da Revista, xa que non podíamos pasar por alto a convocatoria ás Eleccións Municipais do 27 de maio. É así como os novos puxémonos as pilas e conseguimos concretar as entrevistas cos seis candidatos á alcaldía polo concello de Sanxenxo. Foi un traballo contrareloxo pero non por iso menos serio e prudente. Partimos da base de que tódalas entrevistas redactadas nas páxinas seguintes foron feitas de forma presencial. Tódolos candidatos descoñeceron, ata o último momento, o conxunto das 20 preguntas a realizar. Temos que da-las grazas a todos eles pola colaboración e disposición ante a nosa invitación, xa que estas datas están cargadas de traballo e de numerosos actos públicos para eles.
Ainda que o espazo da Revista fíxose escaso, adicamos a contraportada á información local. Informamos do acontecido na feira de Entrerrebaixas esta Semana Santa. Este resumo irá acompañado do programa de actividades que ten preparado o C.C.U. Entretendas na Semana Naval, neste mes de maio, no porto deportivo de Sanxenxo.
Sen máis, esperamos que disfruten deste novo número e desculpen os posibles erros que poidamos ter. Reciban un cordial saúdo da nova directiva da Revista de Adina.
Elisa Franco


DATOS DOS COMPOÑENTES DA DIRECTIVA DA REVISTA DE ADINA.

NOME COMPLETO: Gerardo Fernández Otero
DATA E LUGAR DE NACEMENTO: En 1940 en Adina
PROFESIÓN: Sastre
POSTO: Presidente da Asociación de Veciños San Miguel de Adina
“Contamos con xente xoven cada vez mellor preparada. Traballaremos xuntos ao máximo. Esperamos facer cousas bastante boas para a xuventude e os maiores, buscando a forma de satisfacer a tódolos veciños”.





NOME COMPLETO: Mª Elisa Franco Torres
DATA E LUGAR DE NACEMENTO: En 1976 en Sanxenxo
PROFESIÓN: Xerente dun Centro de Ensino
POSTO: Directora
“Considero moi atractivo e interesante continuar o traballo da anterior directiva. A finalidade é enriquecer e ampliar a publicación, facendo da revista unha referencia na prensa local”.




NOME COMPLETO: Andrea Rey Prego
DATA E LUGAR DE NACEMENTO: En 1985 en Poio
PROFESIÓN: Estudante
POSTO: Subdirectora
“Desexo transmitir información aos veciños. Do que pasa na parroquia de Adina e no resto do concello, animando aos demais xóvenes a que colaboren na revista”.





NOME COMPLETO: Casimiro Telmo Pérez
DATA E LUGAR DE NACEMENTO: En 1959 en Sanxenxo
PROFESIÓN: Albanel
POSTO: Secretario
“É un privilexio formar parte do equipo na elaboración da revista. Dende o principio animoume Jorge, e formando parte da asociación de vecinos, pasei a colaborar na publicación”.