Mostrando entradas con la etiqueta deportes. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta deportes. Mostrar todas las entradas

sábado, 24 de noviembre de 2007

HERMANOS BARBEITO F.S.

O Hermanos Barbeito F.S. é o club de fútbol sala mais importante que hai no concello de Sanxenxo. Con 25 anos de historia, esta será a terceira tempada consecutiva que xoga na 1ª A Nacional do Fútbol Sala español (o equivalente a 2ª división B de Fútbol).
Os seus comezos datan de 1981, cando comezou xogando torneos de verán. Neste mesmo ano, fedérase na Liga local de Sanxenxo e comezar unha ascensión meteórica. Dende entón, o seu palmarés non fixo mais que medrar e medrar. Entre os seus logros mais destacados atópanse: Ascenso a 2ª Provincial de Pontevedra (89/90), ascenso a 1ª Provincial Pontevedra (91/92), ascenso Liga Autonómica Grupo Sur (93/94), Ascenso a 1ª Nacional B Grupo 8 (94/95), campión Copa Deputación de Pontevedra, ascenso a 1ª Nacional B Grupo 8 (00/01) e o mais grande de tódolos ascensos, que foi o que o levou a 1ª Nacional A Grupo 1 (04/05), categoría na cal se mantén dende entón.
Aínda que este ano os homes que adestra Rodrigo Méndez Arosa non comezaron con moi bo pe, xa que nas 7 primeiras xornadas so foron capaces de sumar 3 puntos, de seguro que as cousas han cambiar pronto, dado o gran traballo que está a realizar o corpo técnico. É aquí onde hai que destacar a un compoñente do mesmo: Bruno Varela Valladares, que compaxina a perfección os seus dous papeis dentro do equipo: por unha banda, é un porteiro de garantías, e pola outra, ocupase da sempre difícil e pouco recoñecida labor de preparador físico. Ata a tempada pasada, Bruno tamén se encargaba de adestrar as categorías inferiores do equipo. Isto venos a dar unha idea de por que o Hermanos Barbeito F. S. foi capaz de chegar tan lonxe, xa que, contando con profesionais desta talla, o difícil é que as cousas vaian mal.
Este ano contan cun presuposto de pouco mais de 50.000 €, financiados basicamente polos patrocinadores, colaboradores e socios. Este é o terceiro ou o carto mais baixo da categoría. Aínda así, a entidade é ambiciosa e busca o seu profesionalismo, tarefa que se entoxa complicada, para deste xeito poder ser un referente do fútbol sala comarcal.
A este nivel competitivo tan alto, os custos son moi elevados. Entre fichas federativas, árbitros, material, desprazamentos, etc. os gastos vanse mais aló dos 65.000 € anuais, co cal vemos que os esforzos por manter a categoría non só son deportivos. A directiva traballa na incorporación de novos patrocinadores co fin de poder acadar un equilibrio entre gastos e ingresos. É de supor que pronto os conseguirá, xa que un equipo que percorre case todo o norte de España nos seus desprazamentos é un marco seguro de publicidade para calquera tipo de ente. Esta é unha das publicidades mais efectivas e económicas que se poidan facer. O equipo é moi coñecido no mundo do fútbol sala e garda boas relacións con tódolos demais. Esta mesma pre tempada, o Leis Pontevedra (equipo da elite do fútbol sala nacional) veu xogar un partido contra eles e para o torneo de Nadal de este ano, esperase poder ter aquí a dous equipos mais da división de honra: o A. Lobelle de Santiago e o Azkar Lugo F. S., xunto co Leis. Isto danos unha idea da repercusión a nivel autonómico e incluso nacional que vai a ter este torneo, e o que se poden dar a coñecer os seus patrocinadores.
Esperamos que pronto comecen a chegar os triunfos para que a presión non se apodere do equipo. Nos, como afeccionados, podemos ir a apoialos o pavillón de Baltar. A entrada é moi económica, 3 €, ó igual que facerse socio, que só custa 20 € anuais. Con isto, estaremos apoiando e axudando a que esta gran familia que é o Hermanos Barbeito F. S. poida cumprir os seus obxectivos.

O MEU SOÑO CON HERMANOS BARBEITO F.S. É QUEDAR CAMPIÓNS.
_ Nome completo e cargo que ocupa dentro da directiva.
Maximino Gonzalez Miniño, pero todo o mundo me coñece como “Maxi”. O meu cargo en este clube é Vicepresidente.
_ ¿Cantos anos leva no clube?
Esta será a miña cuarta tempada.
_ ¿Cal é a dificultade mais grande de ter un equipo nunha categoría de tanto nivel?
Sen dúbida algunha, o tema económico é a dificultade mais grande. É un tema que nos preocupa moito. Eu non son quen leva a parte económica, pero debemos de ser o terceiro ou cuarto clube nesta categoría co presuposto máis baixo.
_ A profesionalización do equipo,¿para cando se prevé?
Ufff, nos dende o principio tivemos un proxecto moi ambicioso, pero é moi complicado levalo a cabo, sinxelamente polo tema económico. Levamos tres anos nesta categoría e tíñamos pensado manternos un par de anos mais para perfeccionar o equipo e logo loitar por ascender a división de prata, aínda que, tal e como están as cousas neste intre, si ascendéramos tendríamos que renunciar, xa que non nos dan os cartos para tanto.
_ ¿Teñen plena confianza no corpo técnico a pesar dos resultados?
Por suposto, confiamos plenamente. Estamos xogando ben, creamos moitísimas ocasións de gol pero non somos capaces de materializar. Falta algo que intentamos atopar. Apértanos moitísimo o calendario pero a calidade dos equipos e bastante igualitaria, tanto nos equipos de arriba como os que van por embaixo, e confiamos en que pronto cheguen os bos resultados.
_ ¿En que posición da táboa lle gustaría quedar o final de tempada?
En principio, o noso obxectivo é manter a categoría. De todos modos gustaríanos andar pola metade da táboa e chegar ós tres últimos partidos de liga sen xogarnos o descenso.
_ ¿Creen que é posible esta posición?
Eu creo que si, de todos modos de non ser así, intentaríamos buscar solucións, pero sempre confiando no corpo técnico.
_ ¿Cal sería o seu soño co Hermanos Barbeito F.S.?
Quedar campións, aínda que non ascendéramos por falta de cartos. Pero confórmome con que a xente valorara onde estamos agora mesmo.
_ ¿Cal é a afluencia de público nos partidos da casa?
Entre 70 e 100 persoas, o certo é que está bastante ben, pero claro, isto non é o fútbol e a afluencia de seguidores e moito menor. Por exemplo un partido do Leis, que está na categoría de honra, só enche o campo cando veñen equipos como por exemplo o Interviú.
_ Fáganos unha promesa: Si algún día o Hermanos Barbeito chega a División de Honra, a primeira entrevista, ¿concederédeslla a Revista de Adina?
Sen problema ningún, para nos sería marabilloso ascender e poder compartilo con vos e con tódolos afeccionados de este deporte.
Texto: Carlos Názara Blanco

viernes, 7 de septiembre de 2007

O FÚTBOL SALA FEMININO, UN DEPORTE EN AUXE

A Asociación Xuvenil SARAIBA DO MAR constitúese o 20 de xaneiro de 1999 no marco do Concello de Sanxenxo. A Asociación xurge como colectivo xuvenil que pretende traballar en beneficio dos xóvenes do Concello de Sanxenxo, recoller as súas inquedanzas e tratar de aportar o seu gran de area á xuventude. A intención é aglomerar as necesidades da xuventude e dar saída ás mesmas, por medio da organización de actividades e cursos que respondan ás demandas de tempo libre de tódolos xóvenes.
Deste modo, a finais de 1999, nace a idea de formar un Equipo Feminino de Fútbol Sala que encha ese oco que o deporte feminino ven reclamando insistentemente. O que nunha primeira tempada foi unha aventura dun equipo de doce xogadoras, en seis tempadas despois converteuse nunha realidade de catro equipos e cincuenta xogadoras, nas categorías xuvenil, cadete, infantil e benxamín. Este clube, na actualidade conta con catro equipos e unha escola base de fútbol sala. En tódolos nosos equipos conseguimos reunir a un grupo de xogadoras xóvenes, chegadas de distintos puntos do municipio.
Na actualidade temos un total de corenta e oito xogadoras federadas nas categorías de xuvenil, cadete e infantil. Cada equipo conta cun entrenador que colabora con nós desinteresadamente.
Os resultados deportivos foron chegando co traballo dos monitores que colaboran desinteresadamente co equipo. Ainda que os desprazamentos non son moi longos, temos que contar coa axuda dos pais e nais das nenas para poder desplazarnos aos partidos. Esto supón un grande aforro económico.
Con esta estructura e a escola base, que xa conta con cinco equipos, aseguramos a continuidade do fútbol sala feminino no Concello de Sanxenxo a medio e longo prazo.

miércoles, 22 de agosto de 2007

TORNEOS DE VERÁN NO CCD SANXENXO


No mes de xullo concluiu a 12º edición do torneo de tenis Concello de Sanxenxo Xuvenil. A participación deste ano resultou un record, unido ao éxito organizativo do cal foron partícipes todos os que compoñen o clube: os rapaces da nosa escola de tenis que foron voluntarios na organización, os membros da Xunta Directiva e os técnicos do clube. Os xogadores do CCD Sanxenxo, unha vez máis demostraton que o clube está á avangarda do tenis rexional, xa que se conseguiron dous campeón da nosa Escola de Tenis: Laura Barros e Pablo Mosquera, ainda que non só eles destacaron neste torneo xa que logrouse semifinalistas e cuartofinalistas en diferentes categorías.
Tal e como dí o Presidente do CCD Sanxenxo debemos da-las grazas ao Concello de Sanxenxo polo seu constante apoio a este torneo e queremos da-as grazas especialmente ao concellal de Deportes D. Martín Otero que debutou no acto público ante a atenta mirada do seu predecesor no cargo D. Anxo Casal concellal de urbanismo na nova lexislatura. O Presidente e Director Deportivo do CCD Sanxenxo foron especialmente afectivos con Martín xa que éste a pesar dunha molesta lesión na súa perna, fixo o esforzó de acudir a esta entrega de trofeos.
Co fin de promove-lo tenis junior, a próxima cita será en setembro, do 2 ao 9. Trátase do VI TORNEO INTERNACIONAL JUNIOR DE SANXENXO - TROFEO XUNTA DE GALICIA, torneo que forma parte do prestixioso ITF Junior Circuit, no que están englobados torneos da categoría do Roland Garros, Winbledon, etc. O CCD Sanxenxo aproveita a oportunidade para invitar a tódalas Federaciones, Clubes e Xogadores de tenis a participar neste evento que promove o tenis junior en toda España e no Mundo.

viernes, 27 de julio de 2007

FRANCISCO RICO CASTRO, XOGADOR DO PONTEVEDRA CF

Fran Rico Castro, centrocampista galego que milita no Pontevedra Club de Fútbol, naceu en Portonovo o 3 de agosto de 1987.
Formado nas categorías inferiores do Portonovo, Fran Rico chegou ao Pontevedra CF aos quince años. A súa tempada máis destacada coincidiu coa do Pontevedra Xuvenil. Na tempada 2004-2005, un ano despois de conseguir o ascenso á División de Honra, o equipo finaliza a liga nun máis que meritorio segundo posto. Para poñer o broche de ouro, o Pontevedra Xuvenil, con Fran Rico como un dos culpables da gran tempada, xoga a Copa do Rey. En oitavos de final logran eliminar ao Osasuna, caendo en cuartos de final ante o Sevilla.
Unha tempada máis tarde, na 2005-2006, Fran Rico fai a pretempada co primeiro equipo e é un habitual nos seus entrenamentos ao longo da liga. Comeza actuando co equipo de División de Honra de Xuvenís e entra nalgunha que outra convocatoria co primeiro equipo. Debuta en liga co Pontevedra CF o 18 de decembro de 2005 nun San Isidro 1-4 Pontevedra, no que sae dende o banco e xoga uns 15 minutos. A comezos do 2006, o clube faille ficha do primeiro equipo e firma un contrato ata o 2010, nunha clara aposta de futuro. Esa tempada apenas xoga en tres ocasións, todas elas saíndo desde a suplencia. Pero Fran Rico aproveita ao máximo esas poucas oportunidades, chegando incluso a lograr marcar un gol no derradeiro partido de liga ante o Melilla, gol que lle deu ao seu equipo a victoria. Non xoga un só minuto na primeira eliminatoria de ascenso ante o Sevilla B, na que o equipo queda eliminado.
Na súa segunda tempada no clube, Fran Rico non conta coa confianza do entrenador. Xoga como titular na Copa Xunta, na que logra dous goles, ante o CD Ourense e ante o Celta de Vigo; e na Copa RFEF. Non así en Liga, onde non tivo a oportunidade de xogar como titular ata que se produxo un troco de adestrador. Coa chegada de Javi Gracia o banco, Fran Rico disputou os seus primeiros partidos completos, demostrando a calidade que atesora nas súas botas.
¿Defina a Fran Rico en dúas palabras
Traballador e sincero
¿Canto tempo lle rouba o fútbol á semana?
Entreno tódolos días. Hai días que entreno mañá e tarde, luns, martes e mércores. Son dúas horas por día máis dous días de doble sesión que son catro horas ou máis.
¿Como leva a súa familia a súa adicación ao fútbol, nun principio e agora?
Eu nos estudos non é que fose moi aplicado. A miña familia sempre me apoiou na decisión de dalo todo polo fútbol, que era o que máis me gustaba. Sempre me apoiou moito. Agora estou no mellor, e xa podo levar unha vida ben co fútbol.
¿Como é o trato que recibe dos veciños de Portonovo, agora que é máis coñecido?
O mesmo. Agora algunha persoa me coñece máis que antes. Pero son o mesmo de sempre. Levo un trato moi bo de toda a xente de aquí.
¿Ve a súa vida futura adicada por completo ao fútbol, ou ten outras aspiracións laborais?
Agora mesmo, o único que pensó é en seguir xogando ao fútbol e progresando cada ano. Nun futuro, poden pasar moitas cousas pero gustaríame seguir ligado ao fútbol.
¿Dígame algún equipo da liga española no que lle gustaría xogar?
A calquera lle gustaría xogar no Barça, no Madrid, nos grandes equipos. Eu da Primeira división conformaríame con calquera equipo e xogar na máxima categoría.
¿Que xogador cre que se parece máis a vostede da Liga das Estrelas?
Eso gústame máis que mo digan, en vez de decilo eu. Hai xogadores como Cesc, Xavi ou Scholes… Son os que máis me gustan persoalmente.
¿Firmou autógrafos algunha vez?
Fai uns anos non. Este ano que estou xogando máis, sí. A afición do Pontevedra é moi aficionada e quere ter recordos dos xogadores.
¿Que cualidades cre vostede que debe poseer un mediocentro?
Eu creo que debe ser un xogador que non perda moitos balóns, ter as mínimas perdas posibles. Debe ser agresivo e sobretodo con toque de balón.
Imaxine que despois desta tempada tan longa, logra o gol do ascenso a 2ª división, ¿en que ou en quen pensaría?
Pois sobretodo na familia, son os que máis me axudan a seguir loitando. E recordar tamén a moitos entrenadores que tiven e que seguramente grazas a eles puiden meter ese gol.
¿Que campo no que vostede xogou foi o que máis lle impresionou?
A primeira vez Pasarón, por ser a primeira vez que xogaba en casa, nun campo cheo, e tiven a sorte de meter un gol. Pero este último partido, o de Córdoba, fóra de casa, ante quince mil persoas, foi a vez que máis me impresionou o terreo de xogo e o ambiente.
¿Onde e como recorda vostede o gol máis bonito da súa carreira?
O que máis ilusión me fixo foi o do ano pasado contra o Melilla. Só disfrutei dous partidos e tiven a sorte de meter un gol de cabeza que sirveu para a victoria.
¿Imaxínase ao Pontevedra en 1ª división e a vostede xogando contra Etoo, Raul, Villa …?
Nunca se sabe. O Pontevedra agora mesmo está aspirando a Segunda división e seguramente nos manteremos uns anos. Ó mellor chegamos a Primeira división e podemos enfrentarnos a esos xogadores. Sería un soño.
¿Soña con xogar algún día coa camiseta da Selección Española?
Eso é o máximo de calquer xogador. É a maior recompensa a todo o que estás facendo. Eu soño con que algún día chegue esa oportunidade.
¿Faríalle ilusión vestir a camiseta do primeiro equipo do Portonovo?
Si. Gustaríame moito rematar a carreira aquí, ou volver aquí algún día a xogar porque foi onde comezei. Faríame moita ilusión.
¿Como se imaxina a Fran Rico dentro de dez anos?
Eu creo que seguirei ligado ao fútbol en algún término. Dentro de dez anos ainda terei 29 e ainda andarei nalgún campo xogando ao fútbol.

martes, 12 de junio de 2007

A ASOCIACIÓN OS RAPOSOS ORGANIZAN A XXI VOLTA PEDESTRE A AIOS

Este mes de maio, coma o ano pasado, tivo lugar a XXI Volta Pedestre a Aios, coincidindo coas festas patronais en honra a San Antonio.
A Asociación Cultural e Deportiva Os Raposos volve a ocuparse da organización das festas e de diversas actividades con motivo desta celebración. Entre elas, esta carreira xa tradicional, cunha participación similar á de outros anos.
A competición foi do más emocionante, destacando as diferenzas de idade nos participantes, que en cada categoría contaron cos seus respectivos gañadores.

O COLEXIO ABRENTE CELEBRA A 14ª EDICIÓN DA CARREIRA ESCOLAR DO SALNÉS

O pasado venres 11 de maio, con motivo da celebración do 25 Aniversario do Colexio Abrente de Portonovo celebrouse a 14ª edición da Carreira Escolar do Salnés. Este ano a organización contou con máis de 500 participantes, e ademáis do colexio Abrente participaron os colexios como os de A Florida de Sanxenxo, Cruceiro de Vilalonga, Magaláns de Dorrón, IES de Baltar e As Covas de Meaño. Tamén participaron corredores apuntados por libre.
A carreira baixo o lema “En galego gañamos todos”, estivo organizada polo Equipo de Normalización Lingüística do colexio Abrente, é por iso que sempre se celebre na Semana das Letras Galegas.
Na carreira, contouse coa presenza de Julio Bernal, de 88 anos, recordman mundial para maiores de 85 anos, que asistiu acompañado do seu fillo.
Tódolos participantes recibiron un agasallo. Así, os dez primeiros de cada categoría recibiron unha medalla e os tres primeiros un trofeo e agasallo.

lunes, 11 de junio de 2007

A DIRECTIVA DO VILALONGA F.C. MANTÉN A SÚA APOSTA E CONFIANZA NA CANTEIRA

_ Unha vez finalizada a presente campaña, 2006-2007, ¿cumpríronse os obxectivos fixados a comezos de tempada?
Si, por suposto. O noso obxectivo era non baixar a Preferente, e nestes momentos estamos cuartos, en play-off de ascenso a 2ª B. E non só no primeiro equipo, xa que nas categorías inferiores conseguiuse o ascenso dos Xuvenís e dos Infantís.
_ De cara a tempada que ven, ¿seguirán confiando no mesmo corpo técnico?
Iso dependerá de se segue a mesma directiva ou non. No caso de que seguira a mesma, posiblemente se siga contando co mesmo corpo técnico.
_ A política que segue o Vilalonga F.C. de cara a conformación do primeiro equipo, ¿baséase máis na canteira ou nas fichaxes de fora?
Ó Vilalonga F.C. sémpre lle gusta confiar na canteira, iso por enriba de todo, pero por mor de ter un complexo deportivo que poida albergar a máis categorías inferiores, non saen xogadores preparados para a Terceira división, polo que é necesario facer fichaxes de fóra. Nestes momentos, un 80% do equipo é de fóra.
_ Tendo en conta o orzamento do clube, ¿é moi ambicioso pensar nun ascenso a 2ª B?
Nestes momentos, co presuposto actual, o Vilalonga F.C. non pode nin sequera estar en Terceira división, e non só polo orzamento, que este si o podería chegar a haber, senón tamén polo potencial da vila en sí.
_ ¿Con cantos equipos conta na actualidade o Vilalonga F.C ? ¿Cales son?
O primeiro equipo en Terceira división, e xuvenís, cadetes, infantís e alevíns, todos eles en Primeira provincial.
_ ¿Cre vostede que estos equipos forman unha canteira sólida para un equipo de Terceira división?
Non. Por mor das instalacións das que dispoñemos non podemos ter unha canteira que nos vaia a servir para a Terceira división. Os rapaces precisan de moito ensino e có Campo de San Pedro non é abondo.
_ Para o Vilalonga F.C. rematar a tempada por riba do Portonovo, ¿é ter os obxectivos cumplidos ou hai máis obxectivos?
Para a xente de Vilalonga, quedar por riba do Portonovo S. D. é un aliciente máis, pero este non é o noso obxectivo. O noso obxectivo é non descender.
_ ¿Como valoran ao seu público?
De maravilla. Logo de viaxar a moitos campos podo decir que non somos os primeiros, pero sí somos os segundos con máis público no campo. A San Pedro cada domingo asisten unha media de quinientos afeccionados, cando nos demáis campos non adoita haber máis de cen.
_ ¿Cal cre que son os puntos fortes e débiles do clube?
O punto máis forte é a ambición que pon a xente de Vilalonga. Ante calquer problema a xente vólcase có clube.
O punto débil quizais sexa o tema económico, ter que andarlle a pedir tanto a xente. Nunha vila de tres mil habitantes, como a nosa, xuntar 28 millóns de pesetas para o presuposto é moi difícil.
_ ¿Que pensa vostede do proxecto do campo de herba sintético?
Iso foi o mellor que nos podía pasar. Debido á carga de adestramentos, ás inclemencias do tempo, ós partidos, etc. o campo cada vez está peor. Este novo campo liberaría ao de San Pedro de tanta carga, có que estaría perfecto para xogar cada domingo.
Carlos Názara Blanco
Data da entrevista: 13/05/07

VILALONGA F.C., OS COMEZOS DUN HISTÓRICO

O Vilalonga F. C., equipo asentado na 3ª División e loitando por entrar nos postos que dan acceso o play-off de ascenso a 2ª División B do Fútbol español non foi sempre un clube tan grande, senón que, dende a súa formación, ano a ano, as xentes que se entregaron a este sentimento, a este equipo, foron engrandecéndoo máis e máis, ata chegar ao que hoxe é este clube.
Os seus comezos dátanse de principios do século XX. Segundo recolle a marabillosa obra de Victoriano – Andrés Otero Iglesias “Vilalonga F. C. 50 anos de historia”. Corría o ano 1915 cando un equipo coñecido como o Paxaro Azul foi formado para xogar partidos contra outras parroquias en representación da de Vilalonga. Aínda que nesta época non había unha competición oficial, os partidos ían gañando en rivalidade, sobre todo os disputados entre Vilalonga e a histórica parroquia de Gondar.
A paixón que xeraba este novo equipo fixo que cada vez máis xogadores quixeran formar parte del. Ante a imposibilidade de xogaren todos xuntos fúndase o Veloz, equipo que acollería a todos aqueles xogadores que xa non tiveran cabida no Paxaro Azul. Deste xeito foron aparecendo outros equipos como o Racha ou o Xuvenil de Gondar, equipos constituídos para xogar entre eles mesmos, xa que cando o rival era de outra parroquia facíase unha selección dos mellores xogadores de cada equipo e xuntos defendían as mesmas cores, as do VILALONGA.
O primeiro encargado de facer esa selección de xogadores foi Secundino Caneda (Manucho). Era el quen escollía os que consideraba os mellores once xogadores de entre os equipos da parroquia para defender a camisola do Vilalonga. Manucho emigrou cara América e o seu relevo colleuno Baldomero Caneda Padín no ano 1932.
En 1936, produciuse un acto que cambiaría a historia de todo o país, e que tamén afectou directamente o fútbol vilalongués: a Guerra Civil. Por eses tempos todo acto lúdico, festivo ou deportivo foi prohibido. Deste xeito o balón deixou de rodar en Vilalonga e nas demais parroquias onde o fútbol local se estaba a converter nun gran acontecemento social.
Os anos seguintes á guerra, todo o país estaba sumido na miseria, e nacía unha dictadura na que moitos non sabían o que ía ser deles (exiliados, emigrantes, etc.). Vilalonga non era unha excepción, e as circunstancias non eran as máis idóneas para facer renacer o espírito do fútbol. Sen embargo, no 1942 constátase a organización deportiva dunha sociedade denominada VILALONGA F. C. coa súa propia xunta directiva, os seus socios, abonados, etc. O seu primeiro secretario foi D. Francisco Pérez Méndez e quen desexara facerse socio debería pagar un abono de dúas pesetas o mes. Este é o comezo do Vilalonga F. C. que anos máis tarde será inscrito como equipo na Federación de Fútbol.
A primeira xunta directiva estaba formada polos seguintes membros:
Presidente: Manuel Pita Soto
Vicepresidente: Servando Afonso Fernández
Secretario: Manuel Caneda Chan
Vogais: José Abeijón, Hidilio Buezas, Guillermo Piñeiro Vidal, José Fernández “o Cesteiro”, Arturo Gómez “do Loureiro”, José Caneda e Manuel Vázquez “Manolo de Don Pepe”.
Este equipo directivo reuníase cada semana para tratar diferentes temas referentes ó clube. Isto chegou a oídos da Guardia Civil, quen obrigou á suspensión destas reunións (recordemos que en tempos de posguerra as reunións de máis de tres persoas estaban prohibidas). Logo de lle explicaren o por que das reunións, a propia Guardia Civil recomendoulle á directiva, a federación do equipo para que así puidesen reunirse sen incumprir a lei. Deste xeito, o secretario do clube, Manolo Caneda inscribe o equipo no Comité de Competición. Isto ocorre a comezos de 1947.
O partido da presentación oficial do Vilalonga C. F. terá lugar o 29 de xuño de 1947, día da festa do patrón da parroquia. Como rival, quen mellor que o Anduriña, equipo veciño e histórico rival. A contenda saldouse co resultado de 7 – 0 a favor dos locais.
Desde este ano o Vilalonga viviu situacións moi distintas, as veces endozadas con importantes ascensos e outras, en cambio, amargadas polos sempre dolorosos descensos.
Na actualidade, este clube está a vivir a súa mellor época histórica, a piques de entrar na fase de ascenso a 2ª B, co proxecto dun novo campo de herba sintética que permita contar con máis categorías inferiores e cunha canteira que demostra estar preparada para ser o futuro dun clube chamado a ser grande.
Pero detrás de todos estes logros, atópase xente que traballa case dende o anonimato, xente como Víctor, actual presidente do clube. Con él conversamos, e o de ahí saíu a seguinte entrevista, as seguintes preguntas co fin de saber un pouco máis sobre este clube.
Carlos Názara Blanco