Mostrando entradas con la etiqueta crítica. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta crítica. Mostrar todas las entradas

jueves, 27 de marzo de 2008

O PATRIMONIO EN ESPERA

Xa vai máis dun mes que un accidente de circulación na estrada de Adina co camiño de Barbeito, provocase a destrución parcial da base do cruceiro, quedando desfeito. Moitos dos que vivimos cerca sentimos o pesar de que un elemento cultural e artístico tan característico da nosa terra sufrise ese dano, sendo restaurado fai pouco por unha empresa especializada. Pensouse que tras isto, o dano sería reparado con urxencia. Pero despois dunha espera considerable, a única intervención foi a de poñer uns valos metálicos do concello para impedir que os rapaces, que xogan ao seu redor, sentasen na escada aberta.
Non pode ser escusa que non se coñeza o estado no que se encontra o Cruceiro de Barbeito, por parte do responsable de patrimonio do concello ou de institucións superiores. Como ben di o seu nome e a súa función, a súa situación nunha encrucillada de camiños, é de paso obrigado para toda a poboación da parroquia de Adina. Sábese que un deterioro deste tipo, e que afecta á estrutura da obra etnográfica, pode levar, co tempo, á alteración de toda a peza.


miércoles, 9 de enero de 2008

A VERDADEIRA HISTORIA DO PARQUE EMPRESARIAL DE SANXENXO

Hoxe queremos sacar á luz a verdade sobre o que está acontecendo co enlace do polígono Industrial de Sanxenxo. Non facemos mais que ler na prensa declaracións que non aportan nada novo e que, en moitos dos casos, non fan, senón confundir.
O que aquí acontece é unha clara batalla política entre Xunta de Galicia (PSOE e BNG) e Concello de Sanxenxo (PP).
O fondo de tódalas discusións é a construcción da infraestructura de entrada ó polígono dende a Autovía que se está a construír, xunto coa que comunicará dita vía con Gondar e Vilalonga (infraestructura prevista no Plan Xeral de Sanxenxo).
Cando se proxectou o desdobre da Vía Rápida do Salnés en Autovía, a Xunta de Compensación do S.U. 15 de Nantes (Parque empresarial de Sanxenxo) cedeu un total de 23.000 metros cadrados de terreo ó Concello, por petición da CPTOPT (Consellería de Política Territorial Obres Públicas e Transportes), a cambio da construcción do enlace do polígono coa autovía. A CPTOPT apodérase desta superficie e decide que é o Concello quen ten que cubrir os gastos da infraestructura de entrada ó citado Parque. Ante isto, o Goberno Local negase e paraliza as obras de desdobre no tramo que lle cedera á Xunta de Compensación, xa que, de non facer eles o enlace, o Concello non lle cede este terreo a CTPOPT de xeito gratuíto. Cando isto sucede, a Xunta de Galicia crea unha bolsa de cartos que pagarán a expropiación dos terreos, pero esta bolsa vai a nome dos seus antigos propietarios, algo surrealista, xa que ese terreo pertence dende que se comezou a facer o polígono a Xunta de Compensación, e con este organismo nunca se contou para nada.
Resulta que os anteriores Gobernos, Local e Autonómico, ambos en mans do PP, non deixaron constancia de quen sería o órgano encargado de levar a cavo a obra. Dous anos despois, a Xunta de Galicia mudou de mans, e entrou no poder a coalición entre PSdG PSOE e BNG, mentres que en Sanxenxo seguen gobernando os Populares.
Na actualidade, o Concello mantén unha dura batalla coa Xunta en 6 proxectos máis, tanto relacionados coa rede viaria, como de tipo urbanístico e, incluso existen tamén dúas frontes abertas con Medio Ambiente, o que nos mostra que a separación entre ambas Administracións é total.
En Nantes, ningunha das dúas se quere facer cargo do custo que supón dotar ó polígono dunha entrada en condicións e dunha estrada que permita os habitantes de Vilalonga acceder a dito parque ou a autovía, sen necesidade de pasar por Sanxenxo.
O futuro do Parque empresarial non se pode ver comprometido polos erros que os anteriores mandatarios cometeron, nin moito menos. Sanxenxo merece algo mais que iso. Estamos a tempo e en disposición de dotar a este polígono das entradas que precisa para que poida traballar a pleno rendemento, como se esperaba del.
Ata este momento, os organismos públicos non investiron nin un só euro neste parque, e creemos que é o momento de que o fagan, xa que, polígonos similares da Comunidade estanse a financiar con cartos públicos. Durante todo este proceso, o único que cumpriu coa súa parte do trato foi a Xunta de Compensación, que fixo o que se lle pediu no prazo que se lle esixía. Era competencia deles ter o polígono nas condicións nas que se atopa actualmente, comunicado con tódalas parroquias colindantes a través de pequenas entradas, coa infraestructura de conexión co futuro parque empresarial de Meaño e co tramo de estrada que uniría a Autovía con Vilalonga, que, a pesares de que pasa por dentro do polígono era competencia da Xunta e mais do Concello a súa construcción. Eles fixeron do Polígono o elemento de unión e de integración en Sanxenxo de núcleos rurais como Nantes, O Santo, Dadín, etc. que dende a construcción da Vía Rápida do Salnés se quedaran completamente illadas. E casualmente, é a propia Xunta de Compensación a que están a pagar os desacordos políticos. Eles e, no caso de non chegar a un acordo, tódolos demais veciños do Concello de Sanxenxo e outros Concellos, como Meaño, xa que os cidadáns de Dena e arredores chegarían a autovía en menos de tres minutos a través da estrada de unión entre estes dous puntos que ninguén quere facer. Agora é responsabilidade do Concello e mais da Xunta pórse de acordo para acadar unha solución coherente ó problema. Unha boa entrada o polígono, xunto con unha estrada que una o mesmo coa afastada Vilalonga faríanos un Concello moito mais grande e unido que nunca. Por non falar da desconxestión de trafico que isto suporía, sobre todo no verán, nunha vila que é un caos circulatorio na época estival.
Aínda que non o pareza, estamos a falar dun polígono que a pleno rendemento garantiría o “paro 0” no concello para os vindeiros 25 ou 30 anos. E se a actual Alcaldesa non é quen de pórlle solución, fágano vostedes PSOE e BNG. Os vosos compatriotas mandan na Comunidade Autónoma e a vos si que vos escoitarán. Esa é a forma de facer unha oposición leal para cos cidadáns do seu Concello e gañarse os seus votos, non criticar sen aportar solucións. E aínda que se teñan que postular en contra dos intereses dos seus partidos na Xunta, estarán demostrando interese polos veciños de Sanxenxo, que son a quen vostedes representan. O noso futuro depende de vostedes, non xoguen con el.
VIPS postúlase do lado da Xunta de Compensación e apoia o Goberno Local, e a Alcaldesa parece estar facendo todo o que está nas súas mans para solucionar o problema, incluso véndose na obriga de mandar a Policía Local a deter as obras de desdobre no terreo en discusión. Estas dúas posturas son de agradecer, pero hai que seguir traballando, non só serven as palabras. O que é realmente vergonzoso é a actitude dos grupos do PSOE e BNG. Dende o PSOE prefiren facer política xeral con este problema, antes de buscar o ben para os veciños do Concello. Simplemente se adican a repetir o que diga o seu partido dende o Goberno Autonómico.
O caso do BNG é aínda mais escandaloso para con Sanxenxo, xa que dende Santiago, o propio BNG mostra o seu total apoio á Xunta de Compensación e os representantes locais de este mesmo partido reclaman que a estrada a fagan os propietarios do parque cos cartos que obtiveron das plusvalías. Incrible.
A solución teñen que acordala o Concello de Sanxenxo e a Xunta de Galicia, e deberían de facelo antes de que a Autovía estea rematada, xa que logo suporía un tremendo caos circulatorio e un custo económico moito maior. Que mellor forma de presionar a Xunta que ir todos da man dunha mesma idea, unha idea que naza de pensar nos intereses de Sanxenxo, dos seus actuais veciños e dos futuros habitantes deste Concello.Unha idea que cando chegue a Xunta de Galicia, so polo peso da gran cantidade de xente a que representa, lles obrigue a solucionar este problema. Esa sería forma de facerlle ver a Xunta que Sanxenxo SI está preparado para ser un referente a nivel comarcal e autonómico.

¿QUÉ PASARÁ SE NON SE CHEGA A UN ACORDO?
No caso de non haber un acordo entre as administracións, o polígono quedaría semi morto. Camións de grande tonelaxe non poderían acceder ó mesmo, co que as empresas non estarían interesadas en instalarse nel. Os vehículos pesados que si puideran acceder terían que facelo polas estradas de sempre, e non me quero imaxinar o que suporá ter que entrar 50 tráilers en Sanxenxo en pleno verán. Colapsarán aínda mais o municipio.
En definitiva, non dotar o Polígono desta entrada significaría condenalo ó fracaso. Sería como ter un transatlántico no río de Fabaiños.

¿QUÉ ALTERNATIVAS SE PODEN LEBAR A CAVO SE OS POLÍTICOS NON SE POÑEN DE ACORDO?
Esta pregunta xa a fixeron os membros da Xunta de Compensación, quen lle propuxo a CPTOPT correr cos gastos da obra, e logo, durante os anos que dure a concesión da estrada cobrar polo número de vehículos que circulen por a mesma, pero ó Director Xeral parece que non lle gustou moito a idea de que os beneficios de explotación os fosen a levar outros cos que non contaban e bloqueou esta iniciativa.
A outra opción de que costeen a obra os propietarios sería que política Territorial e Concello de Sanxenxo lles pagasen o tramo de estrada que a Xunta de Compensación xa ten realizada dentro do polígono e que uniría a autovía coas vilas de Vilalonga e Gondar. Este tramo, que discorre por dentro do polígono, xa está rematado, e foi financiado pola Xunta de Compensación, cando deberían habelo pagado entre o Concello (48%) e a Xunta de Galicia (52%).
O que en ningún caso é unha alternativa viable é a barbaridade que puido escoitarse de boca do secretario Xeral da Consellería de Ordenación do Territorio, e que reiterou o representante local do Grupo Nacionalista, de que son os propietarios dos terreos os que deben realizar a obra coas plusvalías que van obter dos seus terreos dentro do polígono. Señores, en todo caso, coas plusvalías terán que render contas a facenda pública, que é quen se encarga diso, pero non facer estradas.

¿ESTE PROBLEMA PREOCUPALLE REALMENTE A XUNTA DE GALICIA?
A resposta é moi clara: NON. A Xunta de Compensación tentou por tódolos medios poñerse en contacto coa conselleira de Política territorial, a Sra. Dna. Mª Xosé Caride, co fin de acadar unha solución a un problema de tan grande magnitude. A carta contestouna, moito tempo despois, un señor que ninguén coñece que di ser o “Xefe de Gabinete da Conselleira”. A resposta veu a ser que a Señora Caride tiña cousas mais importantes que facer. Vamos, que 5.000 postos de traballo directos dentro dunha comarca que nun so trimestre perdeu 7.000 deben ser un problema menor para Caride.
Con este panorama, a Xunta de Compensación decide ir mais aló, e remiten unha carta o presidente da Xunta de Galicia, Don Emilio Pérez Touriño. E aquí xa nin sequera un descoñecido contesta. A resposta é silencio.
Parece que por parte do Goberno Autonómico non interesa que, nun Concello en mans do PP se produza un impulso tan grande como sería este Parque Empresarial coas entradas necesarias para garantir a súa actividade a pleno rendemento. Parece ser que Sanxenxo xa é importante de abondo e non o debe ser mais.

OUTRAS CURIOSIDADES DO CASO:
Este problema, xa dende as súas orixes é surrealista, xa que a empresa concesionaria da obra de desdobramento da vía rápida (UTE Copasa-Puentes-Caixanova) cando esta saíu a concurso, no prego de Condicións Técnicas especificábase a construcción do enlace, polo que se deduce que contaban con facelo e polo tanto xa está presupostado. Deste xeito non entendo por que non son eles os que fan a obra. E no caso de non facela, dese presuposto que eles deron haberá que descontar os cartos que custe esta obra, xa que, doutro xeito estarían cobrando por algo que non fixeron, e iso eu creo que é…ilegal.

As presións comezan a ser moi fortes, e non se descarta que no prazo dende a elaboración deste artigo (26/11/2007) ata a súa publicación (02/12/2007) ambas partes acaden un acordo.
Esperemos que así sexa e que cando vostedes lean isto, xa sexa unha historia cun final feliz para todos.

sábado, 24 de noviembre de 2007

O RINCÓN DE THARLESS.

Boas de novo. Aaahh, que ben estar aquí.Despois de tanto tempo, todo segue igual… suben as hipotecas, suben os prezos dos alimentos, sube a calidade de vida…. Todo menos o soldo dos pobres traballadores.
Nova alcaldesa, nova tempada e novas ilusións.
Que gusto de país… perdón por tervos tanto tempo sen noticias miñas, pero andiven liado con asuntos persoais e profesionais, pero agora xa podo regresar e se cadra, con máis forzas que nunca.
Empezamos polo tanto.
Como antes xa dixen, nova alcaldesa, pero a mesma canción de sempre. Como vedes, cambia o tono pero non a canción. Nada máis escomeza-la súa andadura de alcaldesa, auto imponse un soldazo de tres pares… e digo eu… non che dará vergoña sabendo que a maioría dos nosos vecinos malviven cunha pensión de 400 euros ao mes???
E todos eses cartos para qué? Sanxenxo nunca estivo peor, as aldeas andan deixadas pola man de dios, pero como dixo un tipiño fai tempo: “Sanxenxo va bien”.
Vaia desgraza…. Por certo, andamos os da asociación de veciños a voltas co tema de instalar fibra óptica polos arredores do concello, aproveitando que R anda metendo en Sanxenxo.
De momento, todo é una idea, pero sería interesante coñecer de primeira man a cantidade de xente que hai na aldea que ten una empresa e necesita a gran ferramenta que é internet.
Supoño que moitos de vos pensaredes:”¿ i eu para que quero o internet ese? ¿Máis gastos no meu lar?”
Pois non señores, estamos no século 21, o da tecnoloxía informática, negocios pola rede, comunicación mundial… pero seguro que moitos de vos, veciños, non sabedes as vantaxes desta ferramenta.
O mundo non acaba ao lado dos nosos lares. Porque levantarte as 7 da mañá para coller cita no centro medico de Portonovo cando o podes reservar por internet?
Porque non podemos facerlle os mobles a un tío de Francia? Porque non nos fan encargas de cancelas dende Inglaterra? Porque non podemos ter un negocio máis ala das nosas casas?
Quen di un negocio, di solucionar cousas da nosa vida cotiá sen ter que andar dun lado para outro, dende as nosas casas.
Pasando a outro nivel de cousas, polo que vexo, estanse a facer proxectos, que a asociación tiña en mente.
Tamén nos gustaría que a xente da aldea participara na revista, polo que animamos aos rapaces de tódolos lares a que participen no proxecto dos cómics da revista, así como no envío de peticións, dudas ou calquer cousa que sirva para que esta aldea vaia cada día un pouco mellor.
SAIDE DAS VOSAS CASAS, E AXUDADENOS A FACER DE ADINA UN LUGAR MILLOR DIA A DIA!!!!!
GRAZAS.
Para contactarnos: revistadeadina@hotmail.com, kutxo_jevi@hotmail.com, ou o local da asociación de veciños…. ESPERÁMOSVOS!!!
Texto: Américo García Limeres

OS AFECTADOS POLAS OBRAS DE MELLORA DA SEGURIDADE VIAL NA ESTRADA VILALONGA-SANXENXO CONVOCAN UNHA REUNIÓN INFORMATIVA.

O vindeiro domingo día 5 de Novembro do 2007, terá lugar unha xuntanza informativa a que están invitados a asistir tódolos veciños afectados polas obras de mellora da estrada Vilalonga-Sanxenxo. A reunión de carácter informativo será ás 20:00 horas na Cultural de Vilalonga, onde se informará da situación actual dos trámites do citado proxecto.

OS VECIÑOS DE ADINA SOLICITAN REFORMAS NOS PASOS ELEVADOS DE BALTAR.

A Asociación de Veciños San Miguel de Adina solicitou a pasada semana, que se fagan as obras de modificación dos pasos elevados situados nos arredores do Instituto de Baltar, os veciños desta zona califican como asombroso, o feito de que os citados pasos, de recente construción, reteñan unha gran cantidade de auga da choiva e residuos varios arrastrados pola mesma, por non facer esta obra do xeito adecuado.
O obxectivo que se buscaba coa construción dos pasos elevados era a mellora da seguridade vial da zona, pero as circunstancias actuais crean agora outros problemas derivados das acumulacións destas bolsas de auga. Existe un problema para os vehículos de posible “acuaplaning”, ademais de dificultar o tránsito peonil polos propios pasos de peóns e os seus arredores, xa que, os propios vehículos salpican de xeito fortuíto, ás persoas que camiñan por esta zona.
O colectivo veciñal aposta por un cambio de inclinación en cada paso ou pola instalación dun novo desaugue que libere a auga retida en cada lugar. A agrupación de Adina tamén esixe que estas reformas corran a cargo da empresa que realizou as primeiras obras, para que estas modificacións non supoñan un gasto engadido as arcas municipais.
Tamén solicítase a poda dunha árbore que impide a visión da sinal de aviso dos citados pasos elevados, e que está situada uns corenta metros antes en dirección Portonovo dende a Barrosa.

viernes, 7 de septiembre de 2007

SOLO URBANIZÁBEL NÚM. 30 (S.U.-30) - PADRIÑÁN

No Consello da Xerencia de Urbanismo celebrado no día de hoxe, o grupo de goberno do Concello de Sanxenxo deulle o visto bo, en solitario, a aprobación definitiva do Plan Parcial do solo urbanizábel núm. 30 (S.U.-30) de Padriñán.
A cousa non tería mais transcendencia, xa que nos teñen acostumados a aprobar todos sexa con informes favorábeis ou non, carentes de informes ou por silencio administrativo dalgunha consellería da Xunta responsablilidade do PSOE, pero concretamente no caso que nos ocupa é exemplo da falta de rigor por parte do Partido Popular.
A pregunta dos concelleiros do BNG, a Sra. González, Presidenta do Consello da Xerencia, respostou que “descoñecía” de que solo se trataba. Entón o concelleiro do BNG David Otero, informouna de que o devandito solo estaba totalmente dentro do trazado da “súa malograda Ronda”.
Como de todos é sabido o concello ten presentado un recurso contencioso contra a decisión da Xunta de Galicia de paralizar a Ronda sen que, como ten declarado en máis dunha ocasión a Sra. González Bea, teñan intención algunha de retirar o devandito contencioso.
Ante esta situación o BNG fáise as seguintes preguntas:
Que pasará si, por unha fatal circunstancia, o recurso fose favorábel ao Concello?
Non saben os nosos gobernantes que os promotores do solo urbanizábel terían dereito a indemnización si non poden desenvolver o solo?
Ou é que realmente non cren no resultado favorábel do contencioso máis seguen adiante con el sen importarlles o seu custo? Total eses cartos non saen dos seus petos senón de todos os veciños e veciñas de Sanxenxo e os seus soldos téñenos asegurados!
Nin que dicir ten que o concelleiro delegado de urbanismo do equipo de goberno (47.600 euros/ano) non abreu a boca. Que vai dicir si non ten nin idea de que vai isto do urbanismo!

miércoles, 22 de agosto de 2007

A ROTONDA DE PORTONOVO SEN LUZ

Uns días antes de que chegasen os primeiros turistas da Semana Santa, inaugurouse esta rotonda tan demandada polos veciños de Adina e Portonovo. Cando os operarios do Concello comezaron os traballos, todos esperábamos unha decoración vexetal acorde coa vila de entrada. Pero tamén esperábamos iluminación, xa que temos máis dun exemplo de incidencias por culpa disto, dende accidentes de tráfico ata vehículos que sen percibir a rotonda pasan por enriba dela. Ainda así, a encrucillada segue sen luz deixando a entrada a Portonovo totalmente confusa para aqueles conductores que pasan por primeira vez. Catro meses despois do seu arranxo, cremos que xa é tempo de iluminala.

O ESPELLO DA IGREXA DE ADINA

Este espello estanos a dar a lata a moitos que frecuentamos esta estrada. Por si non vos dades de conta está na baixada da igrexa, xusto nun cruce bastante polémico. Este cruce non ten ningunha visibilidade e os espellos que nos están a poñer tampouco, o anterior a este empanábase, outros desaparecían, outros rompíanos... en fin nunca tivemos algo o dereito. Este en concreto non se ve ben, pois está a imaxe algo difuminada o cal confunde moito. En este lugar xa tiveron algúns accidentes, e cremos oportuno por un espello en condicións. Por esta estrada os automóbiles circulan a gran velocidade e un día destes queira que non teñamos algunha desgraza meirande.

OS PERIGOS DA ESTRADA DE BARBEITO

Dende que se creou a bifurcación no lugar de Barbeito, para dar saída ao tráfico que proviña da Vía do Salnés, a antiga estrada que desemboca na vila de Portonovo quedou totalmente abandonada. Non só o firme está deteriorado, arranxado cuns simples remaches, senón que as beirarúas son case inexistentes. O veciño que baixa andando á vila ten que sortear os coches debido ao estreito marxe que deixa o paso de dous vehículos en dirección contraria. Ainda así, é moita a afluencia de xente que baixa e sube camiñando. Tamén están os nenos que xogan na rúa, concretamente na zona do cruceiro, en perigo constante de ser atropelados por un dos moitos coches que baixan a toda velocidade, sen decatarse deles ou do embudo que se forma no cruce para Benitiño. Coñecemos as intencións de arranxar esta estrada, pero estamos seguros que non ha de ser a curto prazo. Por iso, pedimos unha medida para aminorar o tráfico de vehículos con controis de velocidade ou eliminar un dos sentidos de circulación ata a bifurcación.

ESTADO INACEPTABLE DO RÍO FABAÍÑOS

O río Fabaíños encóntrase nun estado lamentable. O seu curso veuse alterado polos continuos trocos de dirección debido ás obras urbanas. Actualmente, cun caudal inexistente, as súas augas encóntranse empozadas á beira da estrada de A Lanzada, ao paso pola vila de Portonovo. As consecuencias son un insoportable cheiro e a imaxe desagradable de suciedade con restos das augas fecais que desembocan no río. Os propietarios das vivendas e dos locais veciños xa manifestaron o seu desacordo pola xestión levada a cabo por parte do Concello, que consideran ata o de agora, inexistente.

¿ADINA CONTA PARA ESTE CONCELLO?

Ante todo quero esclarecer que este artículo pretende ser constructivo, para darlle ideas ao concello e nos vindeiros anos podelas levar acabo, non quero que se entenda como unha crítica hacia ninguén. Dende a nova Revista de Adina así interpretamos as cousas. A crítica destructiva non conduce a ningures.
O concello de Sanxenxo lévanos ofrecendo dende hai uns anos un programa de festas e unhas actividades de lecer durante a época estival.
Este programa explícase nun bonito folleto no cal se nos ofrécen as datas das festas e actividades a realizar, así como os lugares onde estas se celebrarán. Entre estas actividades atopamos as distintas festas patronais das parroquias, festas gastronómicas, cine na rúa, obradoiros na rúa, torneos, diversos concertos... todo isto está moi ben, pois podemos disfrutar do verán con máis intensidade, pero teño unha pequena dúbida: ¿a Adina conta para este concello? Agás aquí e en Padriñán, en tódolos lugares do Concello se leva acabo algunha das citadas actividades. Ambas, como parroquias sí contan con actividades, pero todas elas realizadas nos núcleos urbáns de Portonovo e Sanxenxo respectivamente. A miña crítica vai nesta dirección. Non creo que o esquecemento sexa o prezo que Adina ten que pagar por englobar dentro de sí a un núcleo tan importante como é Portonovo. En 20 páxinas de folleto non se pode ler por ningures o nome de “Adina”. Xa sabemos que non temos ningunha festividade que cadre no verán e aínda que así fose tampouco hai quen a leve adiante, pois é algo moi custoso e moi mal agradecido. Pero xa que temos unha alcaldesa e unha representante nas listas que pertencen a esta parroquia, atrévome dende aquí a pedirlles que pensen nos rapaces da mesma, que, aínda que non hai moitos, seguro que son tan importantes como o resto. Penso que dende o Concello de Sanxenxo se intentan repartir as actividades o mellor que se pode, tendo en conta tamén o presuposto do que dispoñen. Todo isto é comprensible, pero o que na miña cabeza non cadra e que nalgúns lugares incluso se repiten actividades (como a de cine na rúa) e aquí non se realizan ningún día. Se queren doulles unha opción de onde se pode levar acabo: paréceme un bo lugar o campo das festas. Non sei si xa barallaron esta posibilidade pero, é amplo e poderíanse por unhas cadeiras sen problema ningún ¿ou non? .