Mostrando entradas con la etiqueta literatura. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta literatura. Mostrar todas las entradas

viernes, 7 de septiembre de 2007

Mª VICTORIA VILLAVERDE, VIÚVA DO ESCRITOR E POLÍTICO GALEGUISTA, RAMÓN DE VALENZUELA

Unha vida de película foi a que lle tocou vivir a Mariví Villaverde (Vilagarcía, 1922), xunto ao seu home Ramón de Valenzuela, que descansa no cemiterio de Adina dende o ano oitenta. Unha chea de idas e venidas debido á persecución política e militar que sufriron os galeguistas durante a guerra civil primeiro, e durante a dictadura, despois. Dúas biografías entrelazadas por un sentimento compartido, cun mesmo ideal político e un mesmo xeito de loitar pola súa terra. A súa herdanza literaria e políticamente incorrecta, só era posible noutros paises durante o réxime, polo que as súas obras foron publicadas primeiro na Arxentina e despois en Galicia. Ramón Valenzuela, de profesión mestre, foi tal vez o primeiro escritor galego que baseou a súa obra en denunciar as atrocidades levadas a cabo en cárceres e campos de concentración durante a guerra fraticida española.

¿COMO E PORQUE CHEGARON Á ADINA?
No ano 44 Ramón e eu decidimos casar e vivir en Galiza, durante unha tempada vivimos en Noalla e algúns fins de semana nos desprazábamos ata Portonovo porque Ramón era cuñado do famoso médico da vila mariñeira Don Fernando Lalinde. Ó pasar por Adina, parábamos nun lar de fermosas vistas ó mar e baixábamos das bicicletas, e sempre comentábamos ilusionadamente a posibilidade de mercar unha terra alí para facer unha casa onde vivir. Tras unha emigración “forzosa” a Bos Aires, regresamos a Madrid no 66, escollemos a capital nun principio porque era máis sinxelo pasar desapercibido. Unha vez asentados, eu comecei a traballar por toda Galiza de representante comercial de porcelanas e cristal de Bohemia importado de Checoslovaquia. E no 74, despois de moitas trabas para mercar o terreo, fixemos a tan desexada casa, naquel lar de Adina co que sempre soñábamos dende 30 anos atrás. Nun principio, o “noso proxecto” era o de pasar alí medio ano e o outro medio en Madrid, pero agora só veño na tempada do verán.
¿COMO RESUMIRÍA A PERSONALIDADE DO SEU HOME?
Era un home moi optimista, por moi mal que estiveran as cousas sempre se sentía feliz, porque aproveitaba o lado bo ata das circunstancias máis adversas, como cando estivo sesenta días nunha celda de incomunicación, en Ávila, na que a maioría dos presos toleaban en pouco tempo. Era moi boa persoa, cun carácter excepcional.
¿QUE DESTACARÍA DA OBRA LITERARIA DE VALENZUELA?
Hai tres obras publicadas: NON AGARDEI POR NINGUÉN, ERA TEMPO DE APANDAR e O NARANXO. Un dos grandes méritos da súa obra, é a publicación destes libros cando ninguén se atrevía a facelo.
¿E A SÚA ACTIVIDADE POLÍTICA?
Era fundamentalmente galeguista, aínda que tivo tendencias comunistas polas circunstancias dos “aliados” durante a II Guerra Mundial e a conseguinte postguerra. Tivo unha participación moi activa durante toda a súa vida, dando “mitins” e conferencias por todo o mundo, ata en Portonovo dou algunha charla moi popular.
¿COMO SOBREVIVIU Á ÉPOCA DO FRANQUISMO?
Ramón pasou tres anos encarcelado en Ávila (dunha condea de vinte anos e un día), algún tempo en campos de concentración e moitos anos emigrado “forzoso”, ata que volvemos a España intentando pasar do xeito máis desapercibido posible. Nun principio tiñamos a esperanza de que “Os Aliados” remataran coa dictadura, igual que sucedeu co nacismo, pero parece que España non interesaba tanto e o franquismo perdurou demasiado no tempo.
¿QUE RELACIÓN TIVO CON CASTELAO E OUTROS INTELECTUAIS DA ÉPOCA?
A Castelao xa o coñecía de antes da guerra, incluso participaron xuntos en varios mitins, (Valenzuela foi un dos escollidos para transportar o cadaleito de Castelao), tamén participou en diversos momentos da súa traxectoria con Seoane, Cuadrado, Neira Vilas, Blanco Amor e unha longa lista de persoaxes galegas que formaban un movemento intelectual irrepetible.
¿QUE RELACIÓN TIÑA CO POBO E HABITANTES DE ADINA?
Era unha relación moi cercana, Ramón falaba moito cos veciños das cousas cotiás, as viñas, o tempo, os problemas familiares, etc, pero era máis reticente a falar de temas políticos porque a xente tiña moito medo a todo, en especial a expresar opinións que se desmarcaran das habituais, eran bastante medroñentos. !Secuelas do réxime!
¿QUE ANÉCDOTA DESTACARÍA DA SÚA VIDA ?
Houbo un feito moi anecdótico, que foi a asistencia á nosa voda dun policía que viña a investigar a ver se alí se podería estar “cocendo” algo sospeitoso.
¿QUE RELACIÓN TIÑA COA IGREXA CATÓLICA?
Deixamos de creer nesta relixión cando vimos que un asesino, visto cos meus propios ollos, asistiu a unha misa despois de cometer un asasinato, e só lle fixo falta trinta segundos de confesión para redimir da súa cara calquera síntoma de arrepentimento, saíndo da Igrexa coma se non houbera pasado nada. Non podo crer nunca relixión así.
¿QUE AUTORIDADE LOCAL FOI A PRIMEIRA EN RECOÑECER A SÚA OBRA?
Ningunha, os primeiros en valorar a súa obra foron os membros dunha asociación de Portonovo, que fixeron as xestión precisas para poñerlle o nome de Valenzuela a unha rúa.
COMO REPRESENTANTE DA OBRA DE VALENZUELA, O ESCRITOR DE MÁIS RELEVANCIA RELACIONADO CON ESTE CONCELLO. ¿NON CREE QUE DEBERA SER ATENDIDA POLA CONCELLEIRA DE CULTURA?
Neste Concello non interesa moito o movemento literario nin o patrimonio cultural, non hai cines, nin teatros, nin incentivos para concursos literarios, nin nada de nada, por iso temos unha escasa vagaxe de escritores, pintores, etc. Se non se sementa non se recolle. Somos unha sociedade que depende dos veraneantes, sociedade de consumo que non deixa pegada.
¿VALÓRASE POUCO ÓS ESCRITORES LOCAIS?
Por suposto, menos mal que existen persoas coma vós. A Ramón encataríalle saber que a mocidade de Adina fai unha publicación que loita polos valores que tanto defendeu. Incluso para min foi unha grata e inolvidable sorpresa coñecer a xente coas vosas inquedanzas, e vos animo a que sigades traballando e facendo historia, porque demostrades moito máis que sentimento pola vosa terra.

lunes, 11 de junio de 2007

MARÍA MARIÑO (NOIA, 1907 - O COUREL, 1967)

Un día antes do 17 de maio oín, por casualidade, a conversa de dúas mulleres que falaban sobre o festivo do día seguinte. En realidade descoñecían se era festivo ou non, e no caso de que fose, sorprendíanse do motivo polo cal ese día todo permanecería pechado, como se dunha data importante se tratase.
O día no que a literatura galega festéxase, ten que comezar a considerarse como unha data a celebrar. Ten que deixar de coñecerse soamente por aqueles entendidos ou namorados da nosa lingua. Ten que deixar de practicarse únicamente nas aulas, onde os rapaces adoitan facer murais, recoñecer fotografías do escritor homenaxeado, ou percorrer a súa biografía, mediante traballos dentro das clases de lingua. É importante coñecer os precursores e continuadores na práctica da nosa lingua, e por iso, a Revista fai unha parada para a mención da homenaxeada deste ano: María Mariño Carou.

Naceu en Noia no ano 1907. Foi a cuarta de cinco irmáns. A súa infancia e xuventude nesta localidade están marcadas polas dificultades económicas da familia. Traballa como costureira polas casas. As amigas lémbrana como unha persoa estraña e solitaria. O traslado a Escarabote (Boiro), onde unha tía súa traballaba de cociñeira no Pazo de Goián, que tiña unha boa biblioteca, permítelle o acceso a algunhas lecturas.
Casa en Boiro co mestre Roberto Posse Carballido e despois dun breve período tempo no País Vasco, regresan a Galicia, instalándose en Romeor do Courel e logo en Parada, a onde se trasladan por consello médico a causa da depresión nerviosa que sofre a escritora. Neste lugar pasará María Mariño o resto da súa vida.
No Courel coñece a Uxío Novoneyra, quen promove a publicación do seu primeiro libro: Palabra no Tempo edítase no ano 1963 na colección "Tesos Cumes" da editorial Celta. María Mariño comezara a escribir seis anos antes, primeiro en castelán, logo en galego. Sen apenas relacións no mundo literario, o illamento e a marxinalidade que caracterizou en moitas ocasións o labor creativo das mulleres condicionou a recepción da súa obra, mesmo chegou a suscitar nalgún momento dúbidas sobre a súa existencia e a autoría dos poemas.
Habería que agardar 27 anos desde a publicación de Palabra no Tempo para que se dese a coñecer o seu segundo libro; unha edición promovida por Uxío Novoneyra e Antón Avilés de Taramancos e publicada polo Concello de Noia. No volume Verba que comeza recóllese unha ampla mostra dos poemas escritos por María Mariño no último ano da súa vida, enferma xa de leucemia. Antes, de acordo cos datos facilitados por Uxío Novoneyra, escribira dúas obras en castelán que non se coñecen: "Los años pobres. Memoria de guerra e postguerra" e "Más allá del tiempo". No ano 1994 Edicións Xerais publica a Obra Completa.
Unha poética radicalmente intimista e unha linguaxe rupturista caracterizan, segundo Carme Blanco, estudosa da súa obra, a escrita de María Mariño. Unha personalidade literaria que se sitúa nas marxes do canónico no seu tempo. A súa figura suscitou e segue a suscitar interpretacións diversas. Unha mirada embazada durante moito tempo polo descoñecemento da súa vida e a desconfianza do proceso de escrita da súa obra.
Os seus restos mortais repousan no cemiterio de Seoane do Courel.

Tiven medo de bogar,
tiven medo de auga crara.
Anque fora cuns bos remos
anque fora na mar calma,
¡non bogaba!, ¡non bogaba!
O medo xa non sei del.
Xa secou aquel mar longo.
E sin saber donde veu,
si é doutro ou é meu,
navego nun mar de fondo.
Do libro "Palabra no Tempo", 1963 (M. Mariño)

Son a suma total
daquel que foi medindo
a pegada aquela que non digo,
pegada que soia se puxo o seu nome.
Son resta da esperanza –diferencia quedou-
multiplicada xa nacín,
para qué dividirme agora?
san, enteira voume indo,
san, enteira vou quedando,
o paso xa me cederon,
inda que o camino se vira,
vaise virando en duro,
as pegadas ben se ven
vense volcar nas penas,
liman os picos dos montes,
raxan a cume i o mar,
raxan as alturas todas,
raxan a neboa,
raxan o sol,
ráxanse todas nunha,
ésta cingese
vaise cinguindo.
¡Terra, alma dona!
pegado que soia
se puxo o seu nome.
Do libro "Verba que Comeza", 1990 (M. Mariño)