lunes, 11 de junio de 2007

A NOITE MÁXICA

Dende os tempos máis remotos, coincidindo coa celebración do solsticio de verán (a noite máis curta do ano), ten lugar, na nosa terra, unha noite cunhas características moi especiais. É a noite do lume, das lumeiradas, fogueiras, cachelas ou cacharelas. É a noite da auga, reviven as propiedades das fontes santas e milagreiras, das nove ondas do mar (purifican e fecundan), do orballo. E tamén do mundo vexetal.
Esta noite as plantas acadan o mellor das súas propiedades curativas e máxicas. Por iso, as mozas recóllenas para poñelas nun caldeiro con auga. Alí teñen que quedar ao orballo da noite e pola mañá tódolos membros da casa, en especial os nenos, lávanse con esta auga milagreira.
Algunhas herbas varían segundo a zona, pero hai moitas que aparecen en todas elas. Outras plantas máxicas adornan esta noite as paredes das casas e as fiestras. Ás veces son engados que fan os mozos ás mozas, pero tamén teñen a intención de escorrenta-los demos. Para os que queiran ergerse a mañá de San Xoán e lavar a faciana cunha auga distinta, preparen a seguinte receita:

Rosa Canina. Tamén roseira, silva macho, rosal bravo, rosal do demo... ademáis do arrecendo, ten propiedades tónicas e astrinxentes para a pel.

Fento macho. Tamén fieito, dentabrón... Cóntase deste fento que bota 'flores' a medianoite de San Xoán. Estas servirán para facer feitizos. É velenoso, actúa como paralizante muscular.

Fiuncho. Tamén, fionllo... Protexe do mal de ollo. Un saquiño con sementes axuda a manter a saúde. Ten propiedades diuréticas e dixestivas. Úsase para lava-los ollos e axuda á secrección do leite.

Herba Luisa ou verbena olorosa. É costume recoller esta planta (as mozas casadeiras) ás doce da noite de San Xoán. Utilizábase para facer ritos e feitizos amorosos. Ten propiedades dixestivas.

Herba de San Xoán. Tamén pericón, abeluria, espantademos... A crenza popular era que ó queimala na casa, espantaba os demos. É cicatrizante, antiséptica, astrinxente, diurética e antidepresiva.

Malva. As propiedades desta planta son ensalzadas en moitos ditos populares: "Cun horto e un malvar hai menciñas para un fogar". Serve para a tos, queimaduras, picaduras de abellas...

Codeso. Tamén piorno, xesta, retama... Atribúenselle propiedades purgantes, diuréticas e tónicas para o corazón. Coas súas ramas várrese a casa para purificala e protexela.

Romeu. Tamén alecrín, rosmariño... Hai tempo queimábase cando había enfermos na casa. Oler a súa madeira conserva a xuventude. A súa esencia é cicatrizante, boa para o reúma e fai crece-lo pelo.

Sabugueiro. Tamén bieiteiro, saúco... É bo para as inflamacións, é sudorífico e calma a tos. As propiedades intensifícanse cando a noite de San Xoán os bendice.

Coas herbas recollidas na noite de San Xoán facíanse os 'cachos', mellor con auga de sete fontes. As herbas, atadas nun feixe, deixábanse nun caldeiro con auga, toda a noite, ó sereno (para a bendición do San Xoán). A mañá seguinte, lavábanse coa auga e gardaban as herbas que secaban ó sol, para logo usar como menciñas. Tamén hai a crenza de que si as mozas meten as herbas baixo da almofada, coñecerán quen vai se-lo seu home. Pendurando do leito as herbas de San Xoán, pódese sabe-la sorte dos ausentes.
Elisa Franco

No hay comentarios: