miércoles, 22 de agosto de 2007

ASOCIACIÓN CULTURAL ABIÑADOIRA

Dentro do panorama folclórico local é preciso destacar as actividades levadas a cabo pola Asociación Cultural Abiñadoira de Sanxenxo, en prol do mantemento e proxección das manifestacións tradicionais galegas de música e danza. Cristina Ramallo e Mª Carmen Sueiro, compoñentes e mestras de baile da asociación, levan dende moi cativas neste mundo. Adícanse, xunto co resto da agrupación, a promover actividades relacionadas co noso patrimonio cultural galego.
¿Cando xurde Abiñadoira?
Como asociación cultural e co nome de Abiñadoira, xurde no ano 90. Pero a agrupación folclórica, adicada a dar clases de baile e música, xa funcionaba dende moito tempo antes. Nós mesmas comezamos na primeira agrupación con cinco anos.
¿Quenes foron os propulsores no seu comezo?
Por un lado, a que agora é presidenta, Mª Carmen. Tamén participaron Conchi González e a súa irmá Mª Carmen do Hotel Justo. Foron máis ben pais dos nenos que xa bailaban e que decidiron crear uns estatutos para a constitución dunha asociación.
¿Que actividades leva a cabo a Asociación?
De forma continuada están as clases de gaita, percusión e baile, os sábados no pazo de cultura de Sanxenxo, xa que non temos local propio. Tamén hai unhas clases para maiores os mércores pola noite. Logo organizamos o Festival de Nadal, unha mostra de baile cun grupo folk tradicional invitado. E estamos implicados na Semana Cultural, a finais de xuño, con mostras de teatro e actuacións de grupos galegos de música tradicional. Tamén se realiza unha exposición fotográfica, que por motivo de espazo, nos últimos anos non poidemos levar acabo. O último día ten lugar a romería no atrio da igrexa de San Xinés.
¿Con canta xente conta a asociación?
Socios haberá sobre trinta, pero temos que contar tamén cos fillos dos asociados que participan nas actividades. Logo o grupo de mestres de baile e instrumentos somos unhas doce persoas.
¿Que idades comprenden os alumnos das actividades?
Pois dende os catro anos. Agora mesmo, na clase dos máis pequenos temos dez. Hai rapaces que veñen só no verán.
¿O número de participantes vai en aumento?
Por desgraza non. Fai dez anos, poderíamos se-lo triple. Vemos que non son un tipo de actividades que se promocionen moito.
¿É só coñecida Abiñadoira no concello de Sanxenxo ou tamén por fóra?
Sí. Temos relación con moitos grupos, sobre todo de Santiago. Ó longo do ano actuamos moitas veces fóra en concursos, mantendo moi boas relacións con outros grupos similares.
¿Organizan actividades con outras asociacións ou institucións ao longo do ano?
Organización non, ainda que sí colaboramos nos festivais realizados por outras asociacións do concello e da comarca.
¿Reciben algún tipo de colaboración para o seu mantemento?
Temos as cuotas dos socios, que non chegan nin para pagar aos mestres. Os gastos mensuais os imos cubrindo grazas ás actividades que organizamos. Agora mesmo temos un gasto a maiores pola publicación do 2º volume de Albores de Sanxenxo. Recibimos subvencións, ainda que tendo en conta a difusión e promoción que facemos da cultura galega, en relación con outras asociacións, o importe tería que ser maior, xa que implicamos a todo o pobo nas nosas actividades.
¿Como ven o paronama cultural a nivel local e autonómico?
A nivel local está moi mal. Estase prescindindo cada vez máis das asociacións. O Concello está a centralizar máis as actividades, o que provoca que a xente participe e se implique menos na actividade cultural do pobo. A nivel da Xunta hai boas intencións, pero pasa un pouco o mesmo que a nivel local.
¿Cren que se está a producir un abandono ou desinterés pola tradición e o patrimonio cultural galego?
Sí, por suposto. O que vemos é unha falta de promoción deste tipo de actividades da tradición galega, fronte a outras actividades que se fomentan máis por parte da administración.
¿Ten proxectos de futuro Abiñadoira?
Sí, sempre se queren facer máis cousas. Agora mesmo estamos inmersos na venta do 2º volume de Albores de Sanxenxo, que se pode conseguir a través da propia asociación ou na librería Nós. É unha recopilación de 150 fotografías antigas dos lugares e parroquias de Sanxenxo. Estase vendendo moi ben, grazas tamén á colaboración desinteresada de Xaime Corral.

A ROTONDA DE PORTONOVO SEN LUZ

Uns días antes de que chegasen os primeiros turistas da Semana Santa, inaugurouse esta rotonda tan demandada polos veciños de Adina e Portonovo. Cando os operarios do Concello comezaron os traballos, todos esperábamos unha decoración vexetal acorde coa vila de entrada. Pero tamén esperábamos iluminación, xa que temos máis dun exemplo de incidencias por culpa disto, dende accidentes de tráfico ata vehículos que sen percibir a rotonda pasan por enriba dela. Ainda así, a encrucillada segue sen luz deixando a entrada a Portonovo totalmente confusa para aqueles conductores que pasan por primeira vez. Catro meses despois do seu arranxo, cremos que xa é tempo de iluminala.

O ESPELLO DA IGREXA DE ADINA

Este espello estanos a dar a lata a moitos que frecuentamos esta estrada. Por si non vos dades de conta está na baixada da igrexa, xusto nun cruce bastante polémico. Este cruce non ten ningunha visibilidade e os espellos que nos están a poñer tampouco, o anterior a este empanábase, outros desaparecían, outros rompíanos... en fin nunca tivemos algo o dereito. Este en concreto non se ve ben, pois está a imaxe algo difuminada o cal confunde moito. En este lugar xa tiveron algúns accidentes, e cremos oportuno por un espello en condicións. Por esta estrada os automóbiles circulan a gran velocidade e un día destes queira que non teñamos algunha desgraza meirande.

OS PERIGOS DA ESTRADA DE BARBEITO

Dende que se creou a bifurcación no lugar de Barbeito, para dar saída ao tráfico que proviña da Vía do Salnés, a antiga estrada que desemboca na vila de Portonovo quedou totalmente abandonada. Non só o firme está deteriorado, arranxado cuns simples remaches, senón que as beirarúas son case inexistentes. O veciño que baixa andando á vila ten que sortear os coches debido ao estreito marxe que deixa o paso de dous vehículos en dirección contraria. Ainda así, é moita a afluencia de xente que baixa e sube camiñando. Tamén están os nenos que xogan na rúa, concretamente na zona do cruceiro, en perigo constante de ser atropelados por un dos moitos coches que baixan a toda velocidade, sen decatarse deles ou do embudo que se forma no cruce para Benitiño. Coñecemos as intencións de arranxar esta estrada, pero estamos seguros que non ha de ser a curto prazo. Por iso, pedimos unha medida para aminorar o tráfico de vehículos con controis de velocidade ou eliminar un dos sentidos de circulación ata a bifurcación.

ESTADO INACEPTABLE DO RÍO FABAÍÑOS

O río Fabaíños encóntrase nun estado lamentable. O seu curso veuse alterado polos continuos trocos de dirección debido ás obras urbanas. Actualmente, cun caudal inexistente, as súas augas encóntranse empozadas á beira da estrada de A Lanzada, ao paso pola vila de Portonovo. As consecuencias son un insoportable cheiro e a imaxe desagradable de suciedade con restos das augas fecais que desembocan no río. Os propietarios das vivendas e dos locais veciños xa manifestaron o seu desacordo pola xestión levada a cabo por parte do Concello, que consideran ata o de agora, inexistente.

VIVE UN VERÁN AZUL

Este verán ENTRETENDAS Centro Comercial Urbano quere estar presente na rúa máis que nunca, e para iso ten preparada unha campaña do máis orixinal. Como na coñecida serie de televisión, o verán convértese en azul para comprar con calidade, comodidade e diversidade. En Sanxenxo non só atoparán praias con bandeiras azuis, tamén existen tendas cunha calidade que merece un recoñecemento azul. Por iso, os establecementos asociados a Entretendas, estarán sinalados cun punto azul nos súas fachadas e escaparates, distinguíndoos para que a xente os poida identificar coa calidade. Acompañado deste punto azul existirán uns carteis cheos de colorido, símbolo da diversidade do comercio.
A campaña levarase a cabo a partir do día nas datas centrais do mes de agosto, do día 11 ata o 26, nos paseos e centros urbáns de Sanxenxo e Portonovo. Colocaránse uns paneis informativos cos mapas das dúas localidades, onde se poderán ver con claridade os puntos azuis, contando coa presencia de azafatas que informarán e repartirán guías. Estos folletos que se repartirán á xente indican ónde se encontran os puntos azuis, animando á xente a ir as tendas obsequiándoas cun agasallo. E mentras as azafatas están nos paseos, os nenos da coñecida serie televisiva “Verano Azul” pasearán xunto a Chanquete coas súas bicis polas rúas das dúas localidades repartindo tamén folletos ao mesmo tempo que vai soando a música da serie.
E se alguén quere levarse un recordo desta campaña pode fotografiarse, colocándose tras o panel coa foto do barco de Chanquete , instalado nos dous paseos, e convertirse no protagonista deste verán azul. ¡¡¡De Sanxenxo e Portonovo, non nos moverán!!!

¿ADINA CONTA PARA ESTE CONCELLO?

Ante todo quero esclarecer que este artículo pretende ser constructivo, para darlle ideas ao concello e nos vindeiros anos podelas levar acabo, non quero que se entenda como unha crítica hacia ninguén. Dende a nova Revista de Adina así interpretamos as cousas. A crítica destructiva non conduce a ningures.
O concello de Sanxenxo lévanos ofrecendo dende hai uns anos un programa de festas e unhas actividades de lecer durante a época estival.
Este programa explícase nun bonito folleto no cal se nos ofrécen as datas das festas e actividades a realizar, así como os lugares onde estas se celebrarán. Entre estas actividades atopamos as distintas festas patronais das parroquias, festas gastronómicas, cine na rúa, obradoiros na rúa, torneos, diversos concertos... todo isto está moi ben, pois podemos disfrutar do verán con máis intensidade, pero teño unha pequena dúbida: ¿a Adina conta para este concello? Agás aquí e en Padriñán, en tódolos lugares do Concello se leva acabo algunha das citadas actividades. Ambas, como parroquias sí contan con actividades, pero todas elas realizadas nos núcleos urbáns de Portonovo e Sanxenxo respectivamente. A miña crítica vai nesta dirección. Non creo que o esquecemento sexa o prezo que Adina ten que pagar por englobar dentro de sí a un núcleo tan importante como é Portonovo. En 20 páxinas de folleto non se pode ler por ningures o nome de “Adina”. Xa sabemos que non temos ningunha festividade que cadre no verán e aínda que así fose tampouco hai quen a leve adiante, pois é algo moi custoso e moi mal agradecido. Pero xa que temos unha alcaldesa e unha representante nas listas que pertencen a esta parroquia, atrévome dende aquí a pedirlles que pensen nos rapaces da mesma, que, aínda que non hai moitos, seguro que son tan importantes como o resto. Penso que dende o Concello de Sanxenxo se intentan repartir as actividades o mellor que se pode, tendo en conta tamén o presuposto do que dispoñen. Todo isto é comprensible, pero o que na miña cabeza non cadra e que nalgúns lugares incluso se repiten actividades (como a de cine na rúa) e aquí non se realizan ningún día. Se queren doulles unha opción de onde se pode levar acabo: paréceme un bo lugar o campo das festas. Non sei si xa barallaron esta posibilidade pero, é amplo e poderíanse por unhas cadeiras sen problema ningún ¿ou non? .

UN VERÁN COMPLEXO PARA OS NEGOCIOS

Este verán está en boca de todos o tempo que fai. Os comentarios máis comúns serían, a estas alturas, a calor abafante, as noites sen pegar ollo, ou as praias e rúas ateigadas de xente. Sen embargo, tivemos un mes de xullo que non cumpriu as expectativas esperadas. O tempo foi inestable e cambiante dende os primeiros días do mes, cun pequeño respiro nesta última semana.
Según Vicente Pérez Muñuzuri, director de Meteogalicia, isto é debido á variabilidade natural propia do clima, pola cal estamos mal acostumados, xa que as temperaturas dos últimos anos en verán foron moi altas e con baixas precipitacións. Ainda así, isto non convence aos propietarios dos negocios que están a espera dun bo verán para salvar ou aumentar as súas economías.
Tra-los continuos comentarios relativos ás perdas económicas que está acarrexando esta situación climática, os compoñentes da Revista de Adina decidiron facer unha enquisa para comprobar de preto os efectos económicos que está ocasionando nos negocios da parroquia de Adina.
Os negocios enquisados, na súa gran maioría, teñen abertas as súas portas todo o ano, polo que a repercusión dos beneficios destes meses estivais son moi importantes para o balance económico anual. A clasificación por sectores dos negocios enquisados foi a seguinte:
A partir de aquí, os propietarios respostaron a catro preguntas onde os comentarios teñen a súa representación gráfica nos seguintes aneis que ilustran as diferentes opinións.
Na maioría dos negocios, este verán está a ter un efecto negativo. En moitas respostas encontramos referencias a un turista que pregunta e mira moito pero que non remata comprando. Tamén hai comentarios sobre a coincidencia do peor tempo nos fins de semana.
Case tódolos propietarios teñen claro que o mal tempo é o factor máis importante da baixada de compras ou reservas.
Xunto co anterior factor da climatoloxía adversa, esta é a segunda causa do cambio nas compras. Moitos notan que o turista mira máis os prezos, non existe a compra impulsiva, usando as tendas para pasear e mirar sen acabar levando nada.
Ainda que o optimismo está presente, de cara ao mes de Agosto e tamén de Setembro, moitos propietarios pensan que o que non se vendeu en Xullo xa non se recupera. O mes de Agosto está considerado un mes bó ainda que veña mal tempo. Tamén hai esperanzas para un Setembro de bo tempo que poida salvar as perdas de Xullo.

TORNEOS DE VERÁN NO CCD SANXENXO


No mes de xullo concluiu a 12º edición do torneo de tenis Concello de Sanxenxo Xuvenil. A participación deste ano resultou un record, unido ao éxito organizativo do cal foron partícipes todos os que compoñen o clube: os rapaces da nosa escola de tenis que foron voluntarios na organización, os membros da Xunta Directiva e os técnicos do clube. Os xogadores do CCD Sanxenxo, unha vez máis demostraton que o clube está á avangarda do tenis rexional, xa que se conseguiron dous campeón da nosa Escola de Tenis: Laura Barros e Pablo Mosquera, ainda que non só eles destacaron neste torneo xa que logrouse semifinalistas e cuartofinalistas en diferentes categorías.
Tal e como dí o Presidente do CCD Sanxenxo debemos da-las grazas ao Concello de Sanxenxo polo seu constante apoio a este torneo e queremos da-as grazas especialmente ao concellal de Deportes D. Martín Otero que debutou no acto público ante a atenta mirada do seu predecesor no cargo D. Anxo Casal concellal de urbanismo na nova lexislatura. O Presidente e Director Deportivo do CCD Sanxenxo foron especialmente afectivos con Martín xa que éste a pesar dunha molesta lesión na súa perna, fixo o esforzó de acudir a esta entrega de trofeos.
Co fin de promove-lo tenis junior, a próxima cita será en setembro, do 2 ao 9. Trátase do VI TORNEO INTERNACIONAL JUNIOR DE SANXENXO - TROFEO XUNTA DE GALICIA, torneo que forma parte do prestixioso ITF Junior Circuit, no que están englobados torneos da categoría do Roland Garros, Winbledon, etc. O CCD Sanxenxo aproveita a oportunidade para invitar a tódalas Federaciones, Clubes e Xogadores de tenis a participar neste evento que promove o tenis junior en toda España e no Mundo.

XIV ANIVERSARIO DO CLUBE DE XUBILADOS DE PORTONOVO

O pasado 30 de Xuño de 2007, celebrouse nas instalacións do Clube de Xubilados de Portonovo a festa do XIV aniversario de dito Clube.
A ceremonia asistiron prácticamente tódo-los maiores que frecuentan o Clube durante as fins de semán. A festa contou coa animación dunha discoteca móbil, un grupo de cantadores, o famoso Diosiño, etc. Tamén contou coa presenza da Sra. Alcaldesa do Concello de Sanxenxo, Catalina González, quen fixo entrega de algúns dos premios outorgados durante a tarde.
Non faltou comida (empanada, tortilla, croquetas, tarta de mazán…) e bebida (viño e refrescos variados) coa que facer unha festa por todo o alto. Alégranos moito ver o ben que o pasan os nosos maiores. Deberíamos tomar exemplo deles nesto das festas xa que sen botellón, nin drogas, nin pelexas, etc. pasárono tan ben como a xuventude na movida nocturna portonovesa. E o máis importante, ¡non tivo que ir a policía a pecharlles o local! A sua horiña, todos foron marchando cara as súas casas, a descansar, que o día seguinte tocou seguir coa festa.
¡OLÉ OS NOSOS MAIORES! ¡MOITAS FELICIDADES A TODOS!

FESTIVAL DE BAILE: MIRA QUEN BAILA EN SANXENXO

A Asociación de Veciños de Adina organiza o primeiro festival de baile de salón que se realiza no Concello de Sanxenxo. O evento terá lugar o vindeiro día 31 de Agosto, ás 22:00 horas, no Emilia Pardo Bazán, e consistirá nunha serie de exhibicións de baile levadas a cabo por diversos colectivos do concello, coma o grupo de danza do ventre “As Xoias do Nilo” que porán en escena temas clásicos orientais, mesturando a maxia dos velos coa música máis cativadora nun espectáculo moi atractivo.
O Club de Xubilados de Portonovo será outro dos participantes do festival e ofrecerá unha exhibición dos temas máis clásicos como o pasodobre ou o vals, que realizarán algunhas das parellas máis en forma deste colectivo.
O baile de competición estará representado por unha parella xuvenil, “Fran e Rita” que xa leva varios en competición nacional e internacional, e que darán mostra da calidade dos bailaríns de alto nivel con diversos temas destas categorías.
O festival contará na súa parte final cun concurso de baile xuvenil, a semellanza do popular programa da TVE “Mira quien baila”, no que participarán xoves con idades comprendidas entre 3 e 16 anos. A inscrición para este concurso estará aberta ata o 26 de agosto para todos aqueles xoves que lles guste bailar calquera estilo, e que non teñan máis de 16 anos, para inscribirse pódense achegar ó local social do Club de Fútbol Portonovo, os martes ou sábados pola mañá ou chamando ó 670311186.
O xurado estará formado por persoas vinculadas ó mundo da música e o espectáculo e por algún representante do Concello, que colabora de xeito activo na organización do acto.
Este evento contará tamén con varias exhibicións da Escola de Baile de Salón e Baile Moderno de Adina, “Os Auténticos” formada por dous grupos xuvenís, iniciación e perfeccionamento, que interpretarán os máis variados temas, dende música moderna coma o hip-hop ou disco, pasando polos estándar coma vals ou tango ata os latinos coma salsa ou cha,cha,cha. Esta actividade continúase impartindo en horario de verán ata Setembro, que terá lugar o inicio do novo curso de iniciación para todos aqueles moz@s que estean interesados a partir de tres anos.

A NOSA HISTORIA EN FOTOS

A foto deste mes, sacada do álbume de fotos particular do noso veciño de Portonovo, Manuel Bea, data do 1970. Trátase dun retrato colectivo dos membros dunha rondalla carnavalesca que participaron no entroido daquel ano en Portonovo, todos eles ataviados cos traxes e vestimentas variadas.

SANXENXO, SEGURO DE SOL

Vivimos nun concello, onde só o nome é sinónimo de vacacións, de tempo libre, de chiringuitos de praia, de copas nas terrazas, de saídas nocturnas e festas de todo tipo. Sen esquencer as citas gastronómicas de acá e acolá, tan concentradas nestes meses de calor. Estos quefaceres e máis, non son os que ocupan o verán dos nosos veciños.
Os que vivimos aquí non recoñecemos esta tempada de calor coma os de fóra. Dende sempre aprendimos a identificar estes dous meses con traballo. Algúns din que mal pagado, tendo en conta que se traballa a reo; outros din que sen un día libre, se temos presente o horario de cada xornada. Contra isto, as respostas son unha falta de profesionalidade e un “non querer traballar”. Calquer veciño de Sanxenxo pode presentar o seu propio testemuño, Fumos e somos moitos os que adicamos os verans da nosa vida a traballar para o inverno. As consecuencias as coñecen os empresarios, reflectidas na ampla lista de ofertas de emprego que o servizo de colocación do concello pon en mans de calquera.
Pero de que nos queixamos se o turismo é o motor do concello, traballamos dous meses para todo o ano, quen o soñara!. Se non fora porque eses ingresos non chegan nin para a volta ao cole. Porque son dous meses e non máis, se o tempo o permite, tal como estamos a ver este ano.
E despois que?. Non sabemos se vivimos da pesca, do comercio, da agricultura ou dun incipiente parque industrial que non se da posto en marcha. Os dez meses restantes, a nosa economía depende para algúns dos fins de semana en que saia o sol, e para moitos dun traballo que nos manteña a flote ata o verán seguinte. A excelencia turística non nos da de comer, todo é pasaxeiro e cambiante. Vivimos en dous pobos á vez, un de verán e outro de inverno, un aberto e outro pechado, un aglomerado e outro pantasma.
A estabilidade non existe e iso sabémolo ben moitos dos que decidimos alonxarnos para manter un ritmo de vida máis consecuente, cun futuro menos incerto. Precisamos esclarecer e concretar o noso motor económico, plantexarnos outras posibilidades laborais, incentivar outros sectores para abrir un abano laboral máis permanente.
Todos sabemos en que tellados está a pelota. Sectores públicos e privados teñen que deixar de centrar as súas actuacións no turismo, mostrándoo como a panacea do futuro de Sanxenxo. Comezemos a plantexar outras posibilidades que salven a economía de tódolos vecinos en vez de enriquecer a duns poucos.