viernes, 27 de julio de 2007

FRANCISCO RICO CASTRO, XOGADOR DO PONTEVEDRA CF

Fran Rico Castro, centrocampista galego que milita no Pontevedra Club de Fútbol, naceu en Portonovo o 3 de agosto de 1987.
Formado nas categorías inferiores do Portonovo, Fran Rico chegou ao Pontevedra CF aos quince años. A súa tempada máis destacada coincidiu coa do Pontevedra Xuvenil. Na tempada 2004-2005, un ano despois de conseguir o ascenso á División de Honra, o equipo finaliza a liga nun máis que meritorio segundo posto. Para poñer o broche de ouro, o Pontevedra Xuvenil, con Fran Rico como un dos culpables da gran tempada, xoga a Copa do Rey. En oitavos de final logran eliminar ao Osasuna, caendo en cuartos de final ante o Sevilla.
Unha tempada máis tarde, na 2005-2006, Fran Rico fai a pretempada co primeiro equipo e é un habitual nos seus entrenamentos ao longo da liga. Comeza actuando co equipo de División de Honra de Xuvenís e entra nalgunha que outra convocatoria co primeiro equipo. Debuta en liga co Pontevedra CF o 18 de decembro de 2005 nun San Isidro 1-4 Pontevedra, no que sae dende o banco e xoga uns 15 minutos. A comezos do 2006, o clube faille ficha do primeiro equipo e firma un contrato ata o 2010, nunha clara aposta de futuro. Esa tempada apenas xoga en tres ocasións, todas elas saíndo desde a suplencia. Pero Fran Rico aproveita ao máximo esas poucas oportunidades, chegando incluso a lograr marcar un gol no derradeiro partido de liga ante o Melilla, gol que lle deu ao seu equipo a victoria. Non xoga un só minuto na primeira eliminatoria de ascenso ante o Sevilla B, na que o equipo queda eliminado.
Na súa segunda tempada no clube, Fran Rico non conta coa confianza do entrenador. Xoga como titular na Copa Xunta, na que logra dous goles, ante o CD Ourense e ante o Celta de Vigo; e na Copa RFEF. Non así en Liga, onde non tivo a oportunidade de xogar como titular ata que se produxo un troco de adestrador. Coa chegada de Javi Gracia o banco, Fran Rico disputou os seus primeiros partidos completos, demostrando a calidade que atesora nas súas botas.
¿Defina a Fran Rico en dúas palabras
Traballador e sincero
¿Canto tempo lle rouba o fútbol á semana?
Entreno tódolos días. Hai días que entreno mañá e tarde, luns, martes e mércores. Son dúas horas por día máis dous días de doble sesión que son catro horas ou máis.
¿Como leva a súa familia a súa adicación ao fútbol, nun principio e agora?
Eu nos estudos non é que fose moi aplicado. A miña familia sempre me apoiou na decisión de dalo todo polo fútbol, que era o que máis me gustaba. Sempre me apoiou moito. Agora estou no mellor, e xa podo levar unha vida ben co fútbol.
¿Como é o trato que recibe dos veciños de Portonovo, agora que é máis coñecido?
O mesmo. Agora algunha persoa me coñece máis que antes. Pero son o mesmo de sempre. Levo un trato moi bo de toda a xente de aquí.
¿Ve a súa vida futura adicada por completo ao fútbol, ou ten outras aspiracións laborais?
Agora mesmo, o único que pensó é en seguir xogando ao fútbol e progresando cada ano. Nun futuro, poden pasar moitas cousas pero gustaríame seguir ligado ao fútbol.
¿Dígame algún equipo da liga española no que lle gustaría xogar?
A calquera lle gustaría xogar no Barça, no Madrid, nos grandes equipos. Eu da Primeira división conformaríame con calquera equipo e xogar na máxima categoría.
¿Que xogador cre que se parece máis a vostede da Liga das Estrelas?
Eso gústame máis que mo digan, en vez de decilo eu. Hai xogadores como Cesc, Xavi ou Scholes… Son os que máis me gustan persoalmente.
¿Firmou autógrafos algunha vez?
Fai uns anos non. Este ano que estou xogando máis, sí. A afición do Pontevedra é moi aficionada e quere ter recordos dos xogadores.
¿Que cualidades cre vostede que debe poseer un mediocentro?
Eu creo que debe ser un xogador que non perda moitos balóns, ter as mínimas perdas posibles. Debe ser agresivo e sobretodo con toque de balón.
Imaxine que despois desta tempada tan longa, logra o gol do ascenso a 2ª división, ¿en que ou en quen pensaría?
Pois sobretodo na familia, son os que máis me axudan a seguir loitando. E recordar tamén a moitos entrenadores que tiven e que seguramente grazas a eles puiden meter ese gol.
¿Que campo no que vostede xogou foi o que máis lle impresionou?
A primeira vez Pasarón, por ser a primeira vez que xogaba en casa, nun campo cheo, e tiven a sorte de meter un gol. Pero este último partido, o de Córdoba, fóra de casa, ante quince mil persoas, foi a vez que máis me impresionou o terreo de xogo e o ambiente.
¿Onde e como recorda vostede o gol máis bonito da súa carreira?
O que máis ilusión me fixo foi o do ano pasado contra o Melilla. Só disfrutei dous partidos e tiven a sorte de meter un gol de cabeza que sirveu para a victoria.
¿Imaxínase ao Pontevedra en 1ª división e a vostede xogando contra Etoo, Raul, Villa …?
Nunca se sabe. O Pontevedra agora mesmo está aspirando a Segunda división e seguramente nos manteremos uns anos. Ó mellor chegamos a Primeira división e podemos enfrentarnos a esos xogadores. Sería un soño.
¿Soña con xogar algún día coa camiseta da Selección Española?
Eso é o máximo de calquer xogador. É a maior recompensa a todo o que estás facendo. Eu soño con que algún día chegue esa oportunidade.
¿Faríalle ilusión vestir a camiseta do primeiro equipo do Portonovo?
Si. Gustaríame moito rematar a carreira aquí, ou volver aquí algún día a xogar porque foi onde comezei. Faríame moita ilusión.
¿Como se imaxina a Fran Rico dentro de dez anos?
Eu creo que seguirei ligado ao fútbol en algún término. Dentro de dez anos ainda terei 29 e ainda andarei nalgún campo xogando ao fútbol.

ASCENSO A 1ª DIVISIÓN DOS EQUIPOS MASCULINO E FEMININO DO CCD SANXENXO

Felicitar aos xogadores dos equipos feminino e masculino de 2ª división polo seu ascenso ¡Fíxose xustiza!. Despois da ignominia á que nos abocou a Federación Galega de Tenis coas súas inxustas decisións do ano pasado, volvemos poñer as cousas no seu sitio e o noso equipo masculino xa está en primeira. Gustaríame decirvos que para min sempre fúchedes e seredes de primeira.
En canto ao equipo feminino non podo menos que felicita-las unha vez máis e é que tendo en conta que son o equipo máis xove de Galicia en primeira división estou seguro de que teñen un grande recorrido por diante. Aquí non rematan as boas novas, xa que o equipo de terceira división superou ao equipo de Porriño no primeiro partido do play-off de ascenso.
Os xogadores máis xoves do Círculo Cultural Deportivo Sanxenxo están dando a talla: o pasado fin de semana disputáronse as finais do V Torneo Universitario de Ourense 2007. Na categoría cadete masculina resultou campeón Alex Pérez Tieso impoñéndose na final a Iñaki Mugüerza por un apretadísimo 3-6 6-2 7-6
Informar que do 6 ao 14 de xullo, vaise celebrar en Sanxenxo o XII Torneo Juvenil Concello de Sanxenxo – Intersport. Este ano e coincidindo en datas co torneo Intersport imos organizar no noso clube un torneo Benxamín tanto na categoría masculina como na feminina. Esperamos que esta iniciativa teña unha boa aceptación entre tódolos tenistas máis xóvenes da nosa rexión.

EN CLAVE DE TEATRO

Durante dous fins de semana do mes pasado, tivo lugar a primeira edición de “En Clave de Teatro”, un programa de representacións de obras teatrais, organizado pola Asociación Teatro do Mar de Portonovo. As obras de teatro foron inauguradas pola madriña elexida nesta primeira edición: a concelleira Paz Lago, presente no primeiro día de representacións. O acto inicial foi moi emotivo, por parte do director da asociación, Hugo Andrade, que agradeceu a labor prestada polo concello, no que ten que ver cos incios e a posterior andaina do grupo de teatro de Portonovo. Para os membros da asociación teatral “é un día moi especial para todos nós, desexamos que disfrutedes do noso traballo tanto coma nós disfrutamos facéndoo, e non vos esquezades que estamos aquí grazas a vós”.
Na primeira xornada destacou a gran afluencia de público, onde o salón de actos do Multiusos de Portonovo quedou pequeno. Grandes e maiores disfrutaron dunha xornada cultural e de lecer a cargo da representación da obra Baixarse ao Moro, versión libre en galego do guión orixinal da película española de J. L. Alonso de Santos.

¿POR QUE O PARTIDO POPULAR GAÑOU AS ELECCIÓNS MUNICIPAIS NO CONCELLO DE SANXENXO?

Existen moitas teorías que nos responderían a esta pregunta, pero primeiro hai que recordar os argumentos das forzas políticas que non conseguiron derrotar ó PP, que era o obxectivo principal dos restantes partidos.
A principal forza da oposición, o BNG levou , tal vez, o peor “golpe electoral” destas eleccións, pois baixou dende os 2786 votos do 2003 ós 2136 votos destes comicios, o que supón unha perda de 650 votantes e un concelleiro menos, que sitúa ó candidato Roberto Lores moi lonxe do seu obxectivo que era alcanzar a alcaldía. Parece máis ben un paso atrás, bastante inexplicable, sobre todo se temos en conta o voluminoso traballo despregado nesta lexislatura polos nacionalistas. Todo indica que o electorado do Bloque tocou teito no 2003, e agora os datos das municipais confirman unha tendencia descendente que se intuía tras os resultados á baixa das autonómicas. Seguir sendo a principal forza da oposición, tal vez sexa un argumento de escaso peso, para intentar xustificar este paso atrás do principal aspirante a alcaldía, que lle fará pensarse moito, o de presentarse por terceira vez coma candidato ou renunciar en favor dun novo.
Está claro que o extenso traballo realizado polo BNG non convenceu ós veciños de Sanxenxo, o que obrigará a replantexar as súas estratexias para a vindeira lexislatura.
O Partido Socialista encóntrase nunca situación similar, pese a ter unha pequena subida, pois pasou dos 1352 votantes do 2003 ós 1950 votantes do 2007, o que supón un aumento de 598 votos para conseguir un concelleiro máis. Escasa bagaxe para unha gran forza electoral que tocou fondo no 2003 e que parece non termina de arrancar, pese a posuír o goberno nacional e autonómico, e que contou coa visita de apoio de varios concelleiros autonómicos. Calificar coma un éxito estes resultados di moi pouco das aspiracións do partido, e confirma a gran crisis na que se mantén a executiva local nestes últimos anos, con continuas dimisións e abandonos durante toda a lexislatura anterior que culminan coas últimas dimisións poselectorais. Complexo futuro para a candidata socialista, que foi sinalada por demasiados enemigos, tanto dos partidos rivais coma do seu propio. Con tantos problemas internos é difícil conseguir a confianza do electorado.
Os independentes VIPS, foron outro dos grandes fracasos electorais polos seguintes motivos. Non conseguiron a chave de goberno que perseguían pese a que declaraban que ían conseguir 4 ou 5 concelleiros, todo isto despois dun investimento sen precedentes para un partido independente, con cuñas radiofónicas, entrevistas en televisión e prensa, carteleira en todo o concello, viaxe a Madrid, pancartas, festas de presentación e de cerre de campaña con orquestra, megafonía, etc., pese a todo este respaldo económico non pasaron das 700 persoas que apostan por un candidato exalcalde, xa coñecido, e que demostrou ata onde pode chegar.
Este candidato terá unha lexislatura complexa, por tódalas enesmistades que se gañou en campaña electoral, algunha incluso dentro do seu propio partido, e outras persecucións obsesivas coma a da candidata socialista, con descalificacións persoais (tal vez por despeito por non ser aceptado no PSOE) e sen máis argumentos que apuntan a unha falla de recursos coma político, e que lle pasarán factura os vindeiros catro anos.
Todas estas forzas políticas intentaron xustificar o seus fracasos alegando a excesiva participación de candidaturas nas eleccións.
Ridícula forma de analizar as votacións, coma se os votos dos restantes participantes foran a ser para eles. Se non os apoiaron foi porque non quixeron, houbera un ou mil partidos máis. Estes análises poselectorais demostran que os candidatos carecen de capacidade de autocrítica. Confunden a velocidade co touciño e despois venden porcos de carreiras. Xa está ben!!!. Recoñezan os seus fracasos como fixo o PG.
Admitan que non poden competir co PP por moitos motivos, porque os populares tiñan a candidata que máis votos arrastra, teñen a loxística electoral máis impresionante xamais despregada neste concello, con furgonetas rotuladas, anuncios nos medios de comunicacións, mitins con despliegues similares a grandes concertos de pop-rock, grandes despilfarros millonarios en papatorias que ven nos virían para resolver os problemas do día a día, e porque o día das eleccións conseguiron arañar eses catro ou cinco votos en cada mesa que lle deron a maioría absoluta, acarrexando ós maiores de confianza, convencendo ó “Parrulo” segundo el por catro euros, o que sexa, todo vale con tal de seguir sumando. E ademais de todo isto está a lealdade do electorado popular, que é infinita, (incluso unha muller de avanzada idade preguntoume “¿eiquí onde se vota por Fraja?”), entón dinme conta de que ser do PP, para a maioría da xente é coma unha relixión que che inculcan de pequeno e co que vas medrando coma un sentimento propio, moi difícil de cambiar por moitos Prestiges e Guerras de Irak que vivamos, coma ser do MADRID, non fai falla criterio propio, o importante e defender os colores e gañar, aínda que o forofismo non deixa ver a diferenza entre o que se gaña ou se perde. Xa o dicía a candidata popular no mitin da lonxa “Xa non sei que contarvos porque sempre sondes os mesmos” o que resume estas eleccións, un pouco máis do mesmo.
Jorge García

AS CANTEIRAS TRANSFORMA NOALLA

Os veciños de Noalla contan cunha "casa veciñal" situada en lugar Pombal, As Canteiras, na cal tódolos veciños poden reunirse e disfrutar uns dos outros.
A situación actualda da casa non era onde agora mesmo se atopa, senón que nun principio ía ser construida no Con do Páxaro. Aquí, o seu fin, ía ser turístico, o cal xeraría uns grandes beneficios económicos para a parroquia de Noalla, pero o pobo non estaba dacordo e axudados das opinión deste, votouse a favor de construila nas Canteiras, para o disfrute de todos.
Esta casa custou moitos esforzos facerla, e non só de tipo económico, senón tamen polas dificultades que presentaba o terreo onde agora se atopa, quebrar moito a cabeza para saber de subencións posibles, etc. Unha desas subencions foi de gran axuda: O PRODER (que é un conxunto de programas para o desenrolo rural que aplican medidas de desenrolo endóxeno e que se levan acabo soamente en España), o cal asumiu o 35% do custo total da obra.
Solicitar esta subención foi idea dunhas colaboradoras moi importantes para o presidente que foron Gloria (coñecida como Yoya), que exercía como secretaria do presidente e Sandra Patiño.
A Casa Forestal Social ainda non está completamente rematada pero se alguén quere disfrutar dun agradable e divertido baile os domingos todos se poden acercar. Alí, atoparedes, entre outras moitas cousas, a xente xogando a baralla , disfrutando do baile, conversando...
O principal "culpable" deste marabilloso proxecto de unir o pobo, foi o presidente da comunidad de montes de Noalla, Roberto Garrido, pero porsuposto tamén contou coa axuda e o esforzo de moitas outras persoas das que dispón do seu apoio e colaboración.
Este proxecto non só consta de baile, dun próximo bar para facer máis agradable a estancia e dunha casa bonita donde levaren distintas actividades. Non, esta proposta conleva tres rutas de senderismo que parten da capela da Lanzada ata un mirador que construiron xusto enriba da Casa Forestal, onde atopamos unhas preciosas vistas a praia da Lanzada, O Grove, A Toxa... xunto cun pequeno parque infantil e de diversas mesas para poder disfrutar dun picnic ca familia, amigos...Tamén atoparedes próximamente unha reprodución dunha fervenza, dun pequeno lago e se non queredes estar continuamente alí poderedes facer unha camiñata polos montes de Noalla que comunican co mirador.
Dentro das instalación da Casa Forestal Social "As Canteiras" como xa comentamos anteriormente, atopamos diversas actividades para tóda-las idades como: os Luns e Mércores Kárate, os Mércores e Venres o baile para pensionistas , curso de gaita e baile rexional, e a nova posta en marcha da Coral de Noalla que tivo a súa primeira actuación o 8 de Maio na Lanzada, o día 25 de Xuño en Aios e tamén actuarán nas festa do Carmen, e como non, en calquera celebreción na que sexan contratados. Tanto a Coral como toda a asociación de veciños de Noalla contan cunha axuda moi importante: a do párroco da Parroquia, Dn José Manuel, quen en ningún momento dubida en prestar a súa incondicional axuda.
Proximamente, en canto dispoñan das licenzas por parte do Concello de Sanxenxo tanto de primeira apertura como de actividades, das que están a expensas, teñen pensado ampliar estas actividades.
Un dos proxectos de futuro mais ambiciosos que teñen en mente é a construcción dun centro de Talasoterápia onde actuamente se atopa o con do páxaro, o cal daríalle moita vida a Noalla xa que ninghún dos hoteis da zona dispón destas instalacións. Este Talaso constaría de piscinas con chorros, cabinas de masaxes, jaccuzzis, saunas, etc. Sería moi completo e os veciños de Noalla contarían cun importante desconto. Este proxecto sería con vistas a xerar cartos para o pobo pero sempre tendo en conta os veciños, por iso se lle ofrecería o desconto, para que todos o puideran disfrutar, e que non fose só en beneficio dos de fora.
A Asociación de Comuneiros de Montes de Noalla tamén nos invita a todos a XVI Festa da Ostra que se celebra o segundo fin de semán de Agosto, sábado 11 e domingo 12. Esta festa caracterízase por unha importante fama e nela pode degustarse este preciado crustaceo de sona internacional. Cada ano acode mais xente de distintos lugares, asique xa sabedes, unha vez mais, temos a oportunidade de achegarnos o campo de fútbol do Nolla onde se celebrá a verbena.

AS PARELLAS DE ADINA CELEBRARON AS VODAS DE OURO E PRATA

Un total de dezaseis parellas fixeron da festividade do Corpus Christi, a súa festividade particular. En concreto, oito matrimonios celebraron as súas vodas de ouro, e outros doce as vodas de prata, que non é pouco, nunha vida chea de alegrías e desencontros. Sen dúbida, unha xornada dunha ledicia grande para todos eles.

FESTIVIDADE DE CORPUS CHRISTI NA PARROQUIA DE ADINA


Os veciños de Adina, como tódolos anos, poideron disfrutar das alfombras florais confeccionadas polo equipo de xente dirixida polos confrades deste ano. Todos coñecemos o traballo de paciencia, organización e dedicación que precisa esta labor. Dende días antes, as mulleres e homes adícanse a recoller as flores e verde que precisan para a elaboración da alfombra da entrada e adro da igrexa de Adina. A elección das flores ten que ver coas cores tan chamativas, características destas representacións tan singulares. Para iso fan falla horas e horas de escoller e transportar as miudas partes do verde e das flores desmenuzadas. Estas reunións de traballo teñen un aspecto intrínseco, como é o social e de reunión, onde as parolas e as cantigas son contantes como en tempos pasados. De madrugada, o mesmo día da festividade do Corpus Christi, póñense todos mans á obra para encher os espazos deixados polo boceto do motivo relixioso. Fiuncho, mimosa, rosas, hortensias, mirto, borra de café, cocas… son os materiais desta manifestación artística tan inusual e diferente.

CLASES DE VERÁN PARA OS RAPACES DE ADINA

A Asociación de Veciños de Adina púxose en contacto con dous Centros Académicos do Concello de Sanxenxo para facilitar aos rapaces da parroquia de Adina o acceso ás tradicionais clases de apoio de cada verán. A maioría das clases serán impartidas en horario de mañá e abarcarán tódalas asignaturas de Educación Primaria, ESO, Bacharelato e Selectividade. Os grupos serán reducidos.
Tamén se ofertarán outras materias menos habituais coma informática, mecanografía ou clases de arte. As clases están dirixidas tanto ao público infantil con obradoiros de Pintura, Collage, Monotipos, Manualidades, como ao público adulto con clases de Debuxo e Pintura, co ensino das técnicas pictóricas máis utilizadas coma óleo, Acrílico, Gouache, Temple, etc.
Para todos aqueles que estén interesados nalgunha destas clases poden informarse a través do teléfono da Revista de Adina, ou ben, chamando ao número de contacto do colectivo veciñal.

A MÁXICA NOITE DE SAN XOÁN

Por segundo ano consecutivo a asociación de veciños de Adina celebrou no recinto da casa de asociación a tracicional fogueira de San Xoan.
O pasado ano a afluencia de xente non foi moi abundante, pero nesta ocasión o campo encheuse de numerosos veciños e veciñas. Conforme ía entrando a noite a xente ía ateigando o lugar, quen sabe se atraídos pola maxia do lume nesta noite meiga, ou se cabe atraídos polo aroma das sardiñas asadas que alí se podían degustar de forma totalmente gratuíta xunto con churrasco, tortillas, empanada, postres, viños... e queimada.
E que é esta unha noite especial para todos os Galegos, e como non, para os veciños de Adina. Os mitos e lendas que dende pequenos temos escoitado das bocas dos nosos maiores, sobre esta noite, fan que sexa esta a noite máis máxica do ano. Unha noite para disfrutar, comer, beber e bailar.
Incluso tibemos ocasión de escoitar en primicia e en exclusiva para os alí presentes o nobo conxuro da queimada, de boca de Gabriel, co seu toque persoal.
Pero señoras e señores, nesta marabillosa festa, non foi todo tan doado. Os que alí estibemos sabémolo, e os que non estiveron contarémoslle-lo: ¡¡A nosa boneca da fogueira saíunos dura de roer!! A pesares de ser de plástico parecía ser inmune o lume, e de non ser das artes de queima do noso veciño o Juan, de seguro que aínda hoxe estaría...¡¡inchada!!
Pero non acabaron aí as dificultades: resulta que na noite onde o lume é protagonista, a noite na que todo o malo arde na brebaxe de augardente, laranxas, café, azúcar, etc. ¡a queimada non quería arder! Foi necesaria a intervención de tres unidades prebistas de cadanseu chisqueiro (a destacar o chisqueiro rectificado de Suso) para facela queimar.
Xa estaba queridos lectores, o protocolo estaba cumprido. Xa se comera, xa se bebera, a fogueira xa estaba ardendo dandonos luz e calor, a boneca xa fora pasto das lapas, a queimada xa se acabara (e non porque a consumira o lume) e incluso os mais atrevidos xa saltaran a fogueira tres veces co fin de espantar os malos espíritos. Aínda que algúns como Gerardo, o presidente da asociación de veciños e mais Miro, vocal da mesma, parece que espantaron os espíritos para varios anos xa que deberon saltar unha ducia de veces. Se coñece que lle colleron o gusto, aínda que teño que recoñecer que uns cantos saltos foron por petición expresa da fotógrafa, ¡xa que non daban saído ben nas fotos!
Aprobeitamos dende aquí para agradecerlle a todos os que co seu traballo fixeron posible que os veciños e os non veciños de Adina disfrutásemos deste modo na noite meiga. Gracias tamén a todos os asistentes, xa que sen eles a festa non sería posible. Esperamos que para o ano sexamos moitos máis. Xa sabedes, estaredes todos convidados. Un forte abrazo a todos.

A NOSA HISTORIA EN FOTOS

A foto deste mes preséntase en tons sepia e foi cedida por Manuel Bea, veciño coñecido por todos en Portonovo e en toda a parroquia de Adina. Data de1960, en Sanxenxo, concretamente no cine de Gondariño, actual Cine Rías Baixas. Aparecen retratados os componentes do Coro de Luis do Barro, nunha das súas actuacións.

¿A QUEN ALIMENTAS?

“Un ancián indio describiu unha vez os seus conflitos interiores:
- Dentro de min existen dous cachorros. Un deles é cruel e malo, e o outro é bo e dócil. Os dous están sempre loitando...
Entón preguntáronlle cal deles era o que terminaría gañando.
O sabio indio gardou silencio un instante, e despois de pensar uns segundos respondeu:
- Aquel a quen eu alimente.”
Un dos conflictos internos da sociedade galega é a convivencia no uso de dúas linguas: galego e castelán, que alimentamos de forma diferente. Coma no caso dos dous cachorros, podemos aportar calificativos a cada unha das linguas: positivos ou negativos. Pero isto sempre dentro dunha postura moi particular, xa que de todos é coñecida a traxectoria que seguiu o uso de cada unha na historia do noso país.
Despois de que a lingua galega desaparecese da educación desde tempos pasados, a favor do castelán, xurdiu un problema discriminatorio sobre a poboación galega. A partir dos anos 80, coa transición democrática e a creación dos estatutos de autonomía, o coñecemento da lingua galega pasou a ser un dereito e un deber para tódolos galegos. Comenzáronse a tomar medidas para utiliza-lo galego en determinadas materias da ensinanza, pasando do ensino do galego ao ensino en galego. Na actualidade, a Xunta de Galicia está ás portas de aprobar unha normativa que dispoña a utilización do galego ata a metade do horario lectivo.
Paralelamente a esta progresión do fomento da lingua galega, apareceron mostras de denuncia ante a imposición do galego, por parte de pais, centros educativos e profesorado. Estos últimos aluden á libertade de utilización dunha determinada lingua na docencia, descoñecendo que desenrolan unha función de servizo público, e que deben cumprila nos termos establecidos pola normativa legal. Dende o ámbito particular, outro argumento contrario é que a opción lingüística é cuestión de liberdade individual. Esta postura demostra a incomprensión do modelo democrático de convivencia lingüística que deseña a lexislación vixente. A cooficialidade será efectiva cando a xeneralidade dos habitantes da nosa comunidade saiban manexar as dúas linguas dende un nivel de coñecemento e práctica, o que esixe unha maior presenza do galego no sistema educativo.
Sen dúbida, a pregunta é obrigada: ¿que lingua alimentas?. Só así, iniciaremos un proceso de cambio desde unha situación de predominio excluínte dun idioma (o castelán) fundado na marxinación doutro (o galego).