viernes, 27 de julio de 2007

¿POR QUE O PARTIDO POPULAR GAÑOU AS ELECCIÓNS MUNICIPAIS NO CONCELLO DE SANXENXO?

Existen moitas teorías que nos responderían a esta pregunta, pero primeiro hai que recordar os argumentos das forzas políticas que non conseguiron derrotar ó PP, que era o obxectivo principal dos restantes partidos.
A principal forza da oposición, o BNG levou , tal vez, o peor “golpe electoral” destas eleccións, pois baixou dende os 2786 votos do 2003 ós 2136 votos destes comicios, o que supón unha perda de 650 votantes e un concelleiro menos, que sitúa ó candidato Roberto Lores moi lonxe do seu obxectivo que era alcanzar a alcaldía. Parece máis ben un paso atrás, bastante inexplicable, sobre todo se temos en conta o voluminoso traballo despregado nesta lexislatura polos nacionalistas. Todo indica que o electorado do Bloque tocou teito no 2003, e agora os datos das municipais confirman unha tendencia descendente que se intuía tras os resultados á baixa das autonómicas. Seguir sendo a principal forza da oposición, tal vez sexa un argumento de escaso peso, para intentar xustificar este paso atrás do principal aspirante a alcaldía, que lle fará pensarse moito, o de presentarse por terceira vez coma candidato ou renunciar en favor dun novo.
Está claro que o extenso traballo realizado polo BNG non convenceu ós veciños de Sanxenxo, o que obrigará a replantexar as súas estratexias para a vindeira lexislatura.
O Partido Socialista encóntrase nunca situación similar, pese a ter unha pequena subida, pois pasou dos 1352 votantes do 2003 ós 1950 votantes do 2007, o que supón un aumento de 598 votos para conseguir un concelleiro máis. Escasa bagaxe para unha gran forza electoral que tocou fondo no 2003 e que parece non termina de arrancar, pese a posuír o goberno nacional e autonómico, e que contou coa visita de apoio de varios concelleiros autonómicos. Calificar coma un éxito estes resultados di moi pouco das aspiracións do partido, e confirma a gran crisis na que se mantén a executiva local nestes últimos anos, con continuas dimisións e abandonos durante toda a lexislatura anterior que culminan coas últimas dimisións poselectorais. Complexo futuro para a candidata socialista, que foi sinalada por demasiados enemigos, tanto dos partidos rivais coma do seu propio. Con tantos problemas internos é difícil conseguir a confianza do electorado.
Os independentes VIPS, foron outro dos grandes fracasos electorais polos seguintes motivos. Non conseguiron a chave de goberno que perseguían pese a que declaraban que ían conseguir 4 ou 5 concelleiros, todo isto despois dun investimento sen precedentes para un partido independente, con cuñas radiofónicas, entrevistas en televisión e prensa, carteleira en todo o concello, viaxe a Madrid, pancartas, festas de presentación e de cerre de campaña con orquestra, megafonía, etc., pese a todo este respaldo económico non pasaron das 700 persoas que apostan por un candidato exalcalde, xa coñecido, e que demostrou ata onde pode chegar.
Este candidato terá unha lexislatura complexa, por tódalas enesmistades que se gañou en campaña electoral, algunha incluso dentro do seu propio partido, e outras persecucións obsesivas coma a da candidata socialista, con descalificacións persoais (tal vez por despeito por non ser aceptado no PSOE) e sen máis argumentos que apuntan a unha falla de recursos coma político, e que lle pasarán factura os vindeiros catro anos.
Todas estas forzas políticas intentaron xustificar o seus fracasos alegando a excesiva participación de candidaturas nas eleccións.
Ridícula forma de analizar as votacións, coma se os votos dos restantes participantes foran a ser para eles. Se non os apoiaron foi porque non quixeron, houbera un ou mil partidos máis. Estes análises poselectorais demostran que os candidatos carecen de capacidade de autocrítica. Confunden a velocidade co touciño e despois venden porcos de carreiras. Xa está ben!!!. Recoñezan os seus fracasos como fixo o PG.
Admitan que non poden competir co PP por moitos motivos, porque os populares tiñan a candidata que máis votos arrastra, teñen a loxística electoral máis impresionante xamais despregada neste concello, con furgonetas rotuladas, anuncios nos medios de comunicacións, mitins con despliegues similares a grandes concertos de pop-rock, grandes despilfarros millonarios en papatorias que ven nos virían para resolver os problemas do día a día, e porque o día das eleccións conseguiron arañar eses catro ou cinco votos en cada mesa que lle deron a maioría absoluta, acarrexando ós maiores de confianza, convencendo ó “Parrulo” segundo el por catro euros, o que sexa, todo vale con tal de seguir sumando. E ademais de todo isto está a lealdade do electorado popular, que é infinita, (incluso unha muller de avanzada idade preguntoume “¿eiquí onde se vota por Fraja?”), entón dinme conta de que ser do PP, para a maioría da xente é coma unha relixión que che inculcan de pequeno e co que vas medrando coma un sentimento propio, moi difícil de cambiar por moitos Prestiges e Guerras de Irak que vivamos, coma ser do MADRID, non fai falla criterio propio, o importante e defender os colores e gañar, aínda que o forofismo non deixa ver a diferenza entre o que se gaña ou se perde. Xa o dicía a candidata popular no mitin da lonxa “Xa non sei que contarvos porque sempre sondes os mesmos” o que resume estas eleccións, un pouco máis do mesmo.
Jorge García

No hay comentarios: