martes, 15 de mayo de 2007

C.C.U. ENTRETENDAS PARTICIPA NAS ACTIVIDADES DA SEMANA NAVAL

Este mes de maio, ENTRETENDAS C.C.U., estará presente nun dos eventos náuticos máis destacados da ría de Pontevedra. Trátase da Semana Naval RÍA DE PONTEVEDRA, unha competición que ten como finalidade a promoción da vela, como disfrute e como deporte de élite. Varios clubes náuticos (Marín, Aguete, Beluso, Portonovo e Sanxenxo) competirán nos seus respectivos campos de regatas. A ría de Pontevedra convertirase no gran estadio da vela no que se estima navegen máis de medio millar de embarcacións, cunha participación de máis de 1.500 deportistas.
O evento desenrolarase no Porto de Sanxenxo, coincidindo coa ponte das Letras Galegas, entre os días 17 e 20 de maio. Na Praza do Mar, instalarase o village, onde se celebrarán actividades complementarias, non só para os participantes e acompañantes dos regatistas, senon tamén para o público en xeral.
O village estará composto dunha serie de expositores de diferentes empresas e firmas comerciais, moitas delas relacionadas co mundo da vela, así como outras institucións e organizacións, entre as que se encontra ENTRETENDAS C.C.U.
A participación de ENTRETENDAS C.C.U. céntrase en dous ámbitos. Por un lado, a posibilidade de disfrutar dun día de regatas coa realización de sorteos entre os asociados e clientes de Entretendas:
1.- Sorteo de 3 viaxes para dúas persoas para o 17 de maio (inclúe almorzo, saída pola ría para ver a regata, merenda e entrega de premios)
2.- Sorteo de 15 viaxes para dúas persoas para os días 18, 19 e 20 de maio (inclúe unha volta pola ría ás 12:00h dunha hora de duración)
O sorteo realizarase o día 11 de Maio ás 21:00h na Oficina de Entretendas e comunicaráselle aos premiados por teléfono ao día seguinte.
Por outro lado, ENTRETENDAS C.C.U. disporá dunha carpa para a realización das seguintes actividades:
1.- Obradoiros de artesanía e tempo libre, adicados ao público infantil, organizados polo obradoiro de arte Ronsel. Tódolos nenos que o desexen poderán disfrutar de actividades creativas e lúdicas, totalmente gratis. Os obradoiros realizaranse na carpa de Entretendas na Praza do Mar, en horario de mañá e tarde, os catro días do evento.
2.- Bautismos de Mar, aqueles que o desexen, maiores e pequenos, poderán sentirse, por unha hora, como patróns dunha embarcación naval. Terán que anotarse anticipadamente na carpa de Entretendas na Praza do Mar, nos seguintes turnos, do 17 ao 20 de maio: (11:30h / 12:30h / 16:30h / 17:30h).
A FEIRA DE LIQUIDACIÓN 2007 RESULTOU UN ÉXITO
A III Feira de Liquidación de Entretendas: EntreRebaixas, resultou un éxito tanto para os comerciantes presentes como para a Asociación. A feira acolleu un total de 17 comercios que ofertaron roupa, calzado e complementos fundamentalmente.
Así mesmo, os que alí estiveron poideron disfrutar do espectáculo Portovisión da Asociación Cultural Teatro do Mar e a exhibición de baile de salón e baile deportivo de “Os Auténticos” da Asociación de Veciños de San Miguel de Adina; tanto os espectadores como os comerciantes quedaron gratamente impresionados con ambas actuacións.
Por parte dos comerciantes, o obxectivo económico cumpriuse satisfactoriamente no 57%. Un 37% afirman que superáronse as súas expectativas. O 7% restante pódese interpretar como “conforme” có resultado obtido.

CATALINA GONZÁLEZ BEA. Candidata á alcaldía do Concello de Sanxenxo polo PP

-Nome completo
Catalina González Bea
-Data e lugar de nacemento
1965, Portonovo
-Profesión
Redeira
-O seu peor defecto
O carácter
-¿Que circunstancias lle levaron a entrar na política?
Unha inquietude de estar sempre metida en cousas que tiñan que ver co desenvolvemento e benestar dos veciños, a través de moitas asociacións. Co tempo chegoume unha proposta, que foi aceptada, e a raíz de aí comezou o que eu denomino como o meu segundo traballo.
-¿Por que aceptou vostede a candidatura neste partido político e non noutro?
Son unha persoa que creo nas ideas do Partido Popular. Creo nas ideas liberales. Non creo nos adoctrinamentos, creo que as persoas hai que ensinalas a ser libres e a pensar por sí mesmas.
-¿Que experiencias e coñecementos pode aportar a súa labor como alcaldesa?
Levo doce anos na política ao carón dunha persoa como Telmo Martín, unha máquina de crear proxectos e levalos acabo. Creo que, pola diversidade de etapas que vivín, tiven a fortuna de aprender moitísimo. Toda esa experiencia é moi importante a hora de levar un proxecto importante adiante.
-¿Cal é a maior necesidade do concello de Sanxenxo nestes momentos?

Creo que podemos presumir dun concello rico e próspero, pero non podremos decilo ao 100% mentras non teñamos cubertas algunhas necesidades: a vivenda para os xóvenes, as axudas para persoas que estén a cargo de persoas dependentes, ou prazas para gardería, que xa están en proxecto.
-¿Que núcleo ou cidade é o espello no que se debería mirar Sanxenxo?
Creo que non se pode reflectir en ningún espello porque o concello de Sanxenxo é moi peculiar. O concello de Sanxenxo está composto de tres vilas con características totalmente diferentes.
-¿Como ve vostede o concello de Sanxenxo dentro de 15 anos?
O concello de Sanxenxo será próspero con calidade de vida, e turístico por excelencia. En calquer sitio de España e do resto do mundo, falar de Sanxenxo é falar dun destino coñecido.
-Unha proposta para a desestacionalización do turismo
Non nos imos enganar, o concello de Sanxenxo non vai ser un municipio de vacacións tódolos meses do ano. Temos un mercado potencial para calquer cidade que esté a tres ou catro horas do noso destino turístico. Vai ser moi importante o turismo náutico, o golf, as ofertas de spa e augas termais...
-¿Pensa que a desestacionalización do turismo fomentaría a estabilidade laboral?
Sí. Non cabe dúbida. O esforzo ten que ser por parte do empresario e polo propio empregado.
-¿Que outras potencialidades económicas poderían desenrolarse no concello de Sanxenxo?
Estamos a piques de rematar co parque empresarial que traerá unha parte de emprego estable. Por outro lado o sector servizos, as pequenas e medianas empresas, os autónomos... é algo que temos que potenciar moitísimo. Porque é parte dos servizos que temos que ofrecer.
-¿Que papel xoga o rural de Sanxenxo no potencial económico do concello?
Fundamental. Creo que non se pode falar da aposta turística do municipio de Sanxenxo sen falar do rural. O concello de Sanxenxo nunca será agrario, porque non temos cultura de agricultura, pero sí de cultura turística.
-¿Como ten pensado potenciar a actividade económica no rural?
Todo vai enfocado ao sector servizos e ao turismo. Durante oito anos dotamos ao rural das necesidades básicas como alcantarillado, auga... e agora estamos no momento de darlle o encanto. Estamos restaurando infinidade de lavadeiros, cruceiros, queremos señalizar rutas...
-¿Que falta para que o concello de Sanxenxo esté a cabeza en benestar social?
Eu creo que moi pouco. Falta que as garderías estén rematadas. Falta un incremento en canto a axuda ao domicilio. Tamén falta, moitas veces, concienciar ás familias de que, recursos como o centro de día non significa desfacerse dunha persona maior. É darlle recursos para estar ben atendido.
-¿Como cre que afectará a nova lei de costas a Sanxenxo, positiva o negativamente?
Negativamente. A lei de costas é unha lei que non ten sentido. Eu estou dacordo que hai que facer un plan de protección do litoral, pero estudando as peculiariedade de cada zona.
-Os altos prezos da vivenda ¿son positivos ou negativos para os habitantes do concello de Sanxenxo?
Para os habitantes do concello de Sanxenxo son negativos sempre. Pero para a comarca son espectaculares, porque estamos sendo o un motor para eles. Non é xusto para os veciños, porque non poden acceder a unha vivenda na súa vila. Por iso agora mesmo estamos co plan da vivenda.
-¿Cales son os espazos naturais que merece a pena conservar no concello de Sanxenxo?
Todos. Temos unha riqueza impresionante nese sentido.
-¿Cómo solucionará os problemas de tráfico e estacionamento na época estival?
O goberno do PP tivo unha proposta moi conflictiva que foi a ronda. Creo que a alternativa de tráfico no concello de Sanxenxo non é outra. Para o estacionamento, remata nestos días o concurso de dous aparcamentos: un no parque da Panadeira e outro en Portonovo a carón da plaza do Enxido.
-¿Onde fai vostede as súas compras de alimentación e vestimenta?
Dentro do concello. Onde podo e atopo aberto.
-Sendo alcaldesa ¿qué cambiará na praza de abastos de Sanxenxo?
A min encantaríame chegar á praza de abastos, atopala ás tres da tarde aberta, poder aparcar, comprar e sair. Estamos estudando a posibilidade de atoparlle un lugar no centro da zona comercial pero en mellores condicións e con sitio para aparcar.
-Denos unha data para a inauguración do centro social e cultural de Adina.
Pois entre dezaoito ou viente meses.
-Seis candidatos para un só posto. Dígame unha definición para cada un deles.
Dulcinea. Unha boa portavoz na oposición. Roberto. Un mal portavoz na oposición. Jorge. Vai ter moito que dicir pero non no P.G. Jose Luis. Unha mala opción de goberno. Dora. O pasado.
Data da entrevista: 28/04/07. Texto: Andrea Rey Prego. Fotografías: Andrea Rey Prego.

ROBERTO FERNÁNDEZ LORES. Candidato á alcaldía do Concello de Sanxenxo polo BNG

-Nome completo
Roberto Alfonso Fernández Lores
-Data e lugar de nacemento.
1957, Vilalonga
-Profesión.
Comercial de banca
-O seu peor defecto
Non me atrevo a decilo
-¿Que circunstancias lle levaron a entrar na política?
O compromiso con este país. Non se pode criticar sen arrima-lo ombro.
-¿Por que aceptou vostede a candidatura neste partido político e non noutro?
Porque son nacionalista ata a médula. E dende logo o único partido nacionalista que hai no país é o BNG.
-¿Que experiencias e coñecementos pode aportar a súa labor como alcalde?
Eu creo que pola miña profesión durante 25 anos traballando en banca pode aportar moito. A miña relación con tódolos sectores sociais, o meu coñecemento do concello ao completo, pode aportar moito.
-¿Cal é a maior necesidade do concello de Sanxenxo nestes momentos?
A vivenda. A falta de vivenda pública para os veciños mozos e non tan mozos que teñen que desplazarse a concellos limítrofes. É a necesidade primordial para solventar neste mandato próximo.
-¿Que núcleo ou cidade é o espello no que se debería mirar Sanxenxo?
Sempre teño como referencia a Allariz. Salvando as distancias, por importancia e similitude. A calidade de vida de Allariz está a anos luz da de Sanxenxo. Non podemos comparar Sanxenxo cunha cidade de 80 mil habitantes, senón sería Pontevedra en primeiro lugar.
-¿Como ve vostede o concello de Sanxenxo dentro de 15 anos?
Ata agora o que se estivo relanzando neste concello foi a imaxe turística de cara afora no verán, no inverno Sanxenxo non existe. Nós queremos trocar esa situación, que Sanxenxo sexa unha vila para poder vivir todo o ano. Cremos que dentro de 15 anos, se goberna o BNG, iso é posible.
-Unha proposta para a desestacionalización do turismo
Cremos que é un cúmulo de cousas. Temos que darlle outras alternativas á xente que queira vir a Sanxenxo en época que non sexa estival. O fundamental, aproveitando as infraestructuras que se fixeron, é traer xente todo o ano con poder adquisitivo alto e que mova a economía do concello.
-¿Pensa que a desestacionalización do turismo fomentaría a estabilidade laboral?
Axudaría. Pero non só temos que depender do turismo. Cremos que ten que haber outras alternativas ao sector servizos. O parque empresarial debería ser o motor supletorio.
-¿Que outras potencialidades económicas poderían desenrolarse no concello de Sanxenxo?
Como dixen antes, o parque empresarial debería ser o motor auxiliar para que o concello teña actividade industrial e mercantil durante todo o ano.
-¿Que papel xoga o rural de Sanxenxo no potencial económico do concello?
Fundamental. O rural está totalmente esquecido. O concello debe potenciar a actividade agrícola e que a xente poida vivir do campo dignamente como calquer outro sector.
-¿Como ten pensado potenciar a actividade económica no rural?
Nós potenciaremos algún tipo de medida en colaboración coa Consellería de Medio Rural por medio do Plan de banco de terras. Trataremos de que a xente que queira, poida desenvolver a súa actividade agrícola como se estivese traballando nunha empresa doutro sector.
-¿Que falta para que o concello de Sanxenxo esté a cabeza en benestar social?
Bastante. Cremos que para poder dar uns servizos sociais en consonancia non se poden facer as cousas sen diñeiro. Cremos que o destinado ata agora son cifras ridículas.
-¿Como cre que afectará a nova lei de costas a Sanxenxo, positiva o negativamente?
Non ten sentido ningún. É unha lei global e sen especificar o tipo de zonas. Paréceme unha dobre moral. Non podemos falar de preservar a costa e estar autorizando urbanizacións en punta Festiñanzo.
-Os altos prezos da vivenda ¿son positivos ou negativos para os habitantes do concello de Sanxenxo?
Totalmente negativos. Con iso estanse enriquecendo catro constructores vidos de fóra. É unha política que hai que desterrala canto antes. Non pode seguir construíndose aquí segunda residencia porque eso non da riqueza, non asenta a poboación.
-¿Cales son os espazos naturais que merece a pena conservar no concello de Sanxenxo?
Xa destragado o Monte Faro, todo o litoral que corresponde á ría de Arousa. Para o BNG é un espazo primordial. Toda a costa de Sanxenxo merece ser conservada e coidada coma un meniño pequeno.
-¿Cómo solucionará os problemas de tráfico e estacionamento na época estival?
Contemplamos os aparcadoiros en Sanxenxo e Portonovo, coma unha parte fundamental para o comercio, habitantes e visitantes do concello. Se os prazos se achican como queremos, para o verán do 2008 podemos ter solventados os atascos do concello de Sanxenxo.
-¿Onde fai vostede as súas compras de alimentación e vestimenta?
Sempre en comercio local.
-Sendo alcalde ¿qué cambiará na praza de abastos de Sanxenxo?
A ubicación será a que hai. Faríamos unha reforma integral do espazo dos vendedores. Buscaríamoslle alternativas ao aparcadoiro, o problema fundamental, nunca máis ala de 100 metros arredor da praza. Dende logo nunca enriba do parque infantil de A Panadeira.
-Denos unha data para a inauguración do centro social e cultural de Adina.
Un prazo de ano e medio. A finais de 2008, principios de 2009 estaría construido e inaugurado.
-Seis candidatos para un só posto. Dígame unha definición para cada un deles.
Eu nada máis que vexo un adxectivo para min: ser alcalde.
Data da entrevista: 27/04/07. Texto: Elisa Franco. Fotografías: Elisa Franco


J. LUIS RODRÍGUEZ LORENZO. Candidato á alcaldía do Concello de Sanxenxo polo VIPS

-Nome completo
José Luis Rodríguez Lorenzo
-Data e lugar de nacemento
1953, Pontevedra
-Profesión
Técnico en ascensores
-O seu peor defecto
Contar sempre a verdade
-¿Que circunstancias lle levaron a entrar na política?
Decidín entrar na política cando vin o mal que o estaban a facer os dirixentes políticos a nivel municipal. Era o que a min máis me inquedaba.
-¿Por que aceptou vostede a candidatura neste partido político e non noutro?
Eu non acepto a candidatura neste partido político, senón que montamos un partido político, somos novos. Os partidos tradicionais todo o fan só contando coas próximas eleccións. Non estou dacordo co proceder dos partidos políticos tradicionais, temos que obedecer demasiadas ordes de arriba.
-¿Que experiencias e coñecementos pode aportar a súa labor como alcalde?
Quizais sexa o candidato que máis experiencia poida aportar. Levo na lista persoas que foron concelleiros. Eu mesmo fun concelleiro, diputado e tamén alcalde.
-¿Cal é a maior necesidade do concello de Sanxenxo nestes momentos?
Asegurar o futuro dos nosos xóvenes e tamén dos non tan xóvenes.
-¿Que núcleo ou cidade é o espello no que se debería mirar Sanxenxo?
Non creo que ningún municipio deba sentirse reflectido en outro. O concello de Sanxenxo debe ter entidade propia. É un municipio único, pola súa situación xeográfica, o seu microclima, os seus cidadáns.
-¿Como ve vostede o concello de Sanxenxo dentro de 15 anos?
Vexo o concello de Sanxenxo presidido por un membro de VIPS. Vexo un concello totalmente modificado.
-Unha proposta para a desestacionalización do turismo
Xa fixen algunha pública e non me gustaría seguir facéndoas ata que saian no programa e por escrito. Van destinadas ao apoio á xuventude e aos menos favorecidos económicamente, e alongar a tempada de ocupación no municipio de Sanxenxo co apoio á industria turística.
-¿Pensa que a desestacionalización do turismo fomentaría a estabilidade laboral?
Por suposto.
-¿Que outras potencialidades económicas poderían desenrolarse no concello de Sanxenxo?
Non podo facer público o programa. Pero pódense establecer empresas que fomenten o emprego, e sobretodo, que aporten tódolos días do ano, ocupación hoteleira. É dicir, máis traballo.
-¿Que papel xoga o rural de Sanxenxo no potencial económico do concello?
O rural é o gran abandoado. É imprescindible volcarse no rural para que este municipio sigua sendo por moitos anos turístico. O gran futuro do concello de Sanxenxo está no rural.
-¿Como ten pensado potenciar a actividade económica no rural?
Temos pensado volcar o presuposto municipal, case todo, no rural. Por ambición propia. Temos que dotalo de determinados servizos que nos axuden a potencialo económicamente.
-¿Que falta para que o concello de Sanxenxo esté a cabeza en benestar social?
O concello de Sanxenxo é outro dende que se aprobou o primeiro PXOM, isto marca un antes e un despois. O que lle falta ao concello é que as corporacións municipais pensen máis nos veciños do municipio e menos no seu propio interese de medrar económicamente.
-¿Como cre que afectará a nova lei de costas a Sanxenxo, positiva o negativamente?
Paréceme que afectará moi negativamente ao concello. Con isto non estou a dicir que non esté dacordo con protexer a costa. Non estou dacordo coa forma en que se quere levar acabo. As vilas máis próximas á costa veríanse moi negativamente afectadas.
-Os altos prezos da vivenda ¿son positivos ou negativos para os habitantes do concello de Sanxenxo?
Moi negativos. Están a conseguir que o concello sexa propiedade de terceiros. Os nosos xóvenes, e non tan xóvenes, teñen que ir a outros municipios limítrofes a buscar vivenda. Como tampouco se lle ofrece un traballo estable, vanse definitivamete. O concello de Sanxenxo está perdendo a sua identidade.
-¿Cales son os espazos naturais que merece a pena conservar no concello de Sanxenxo?
Prácticamente todo o rural que queda. A xente cre que hai máis do que realmente temos. Porque ainda que os teñamos neste momento físicamente, a sua edificación xa está aprobada no PXOM.
-¿Cómo solucionará os problemas de tráfico e estacionamento na época estival?
Hai solucións para o tráfico e estacionamento tanto nas vilas de Portonovo como na de Sanxenxo. Témolas recollidas no programa electoral pero de momento non as imos desvelar.
-¿Onde fai vostede as súas compras de alimentación e vestimenta?
Merco producto galego, sémpre con presa e no pequeno comercio.
-Sendo alcalde ¿qué cambiará na praza de abastos de Sanxenxo?
Esto habería que falalo e negocialo con todo o colectivo de peixeiras. Creo que si queren construir unha nova praza no mesmo lugar, elas tamén deben dar algo a cambio, como por exemplo, abrir algunha tarde do ano. Queremos a dinamización do comercio para atraer á xente.
-Denos unha data para a inauguración do centro social e cultural de Adina.
Honestamente non a ten. Si gañamos, está dentro dos catro anos de lexislatura.
-Seis candidatos para un só posto. Dígame un adxectivo para cada un deles.
Catalina. Unha soa vez e porque nos abandonou o anterior. Dulcinea. De ilusións tamén se vive. Roberto. O imposible non se vai a cumprir nestas eleccións. Jorge. Bisoñez política. Dora. O veciño xa a coñece.
Data da entrevista: 26/04/07. Texto: Andrea Rey Prego. Fotografías: Andrea Rey Prego

JORGE GARCÍA CAAMAÑO. Candidato á alcaldía do Concello de Sanxenxo polo PG


-Nome completo
Jorge García Caamaño
-Data e lugar de nacemento.
1973, Pontevedra
-Profesión.
Operario de mantemento industrial
-O seu peor defecto
Demasiado perfeccionista
-¿Que circunstancias lle levaron a entrar na política?
A principal foi ver a situación de indefensión do veciño ante o poder político.
-¿Por que aceptou vostede a candidatura neste partido político e non noutro?
Primeiro, porque é un proxecto novo. Segundo, porque é un proxecto que se identifica coa terra nosa, nacionalista. Terceiro, porque é un proxecto cun matiz sentimental pola terra e intelectual como evolución dos fundadores do partido.
-¿Que experiencias e coñecementos pode aportar a súa labor como alcalde?
O máis importante é a miña participación na Revista de Adina. Coñezo tódolos problemas do concello e as posibles solucións. Por outra banda a miña integración na asociación de veciños.
-¿Cal é a maior necesidade do concello de Sanxenxo nestes momentos?
Para min, mellorar a atención ao veciño en varios aspectos: pediatra, gardería, tráfico… política social.
-¿Que núcleo ou cidade é o espello no que se debería mirar Sanxenxo?
Eu penso que Vilagarcía é un bo espello, polos servizos. Sendo un núcleo maior que este, o veciño ten tódolos servizos pagando menos impostos.
-¿Como ve vostede o concello de Sanxenxo dentro de 15 anos?
Si goberna o PG moito mellor. Se sigue así a débeda actual vai a impedir que siga evolucionando moi pouco. A política social non existe, a de servizos vai para atrás… en moitos ámbitos retrocedemos. O único no que se invertiu foi en mellorar un pouco o escaparate de Sanxenxo: Silgar.
-Unha proposta para a desestacionalización do turismo
Dende o PG imos enfocar iso desde outra perspectiva. Nós pensamos que non se pode influir no clima. Imos intentar traballar en outros tipos de turismo: invernal ou de outras estacións. Apostamos pola creación dunha axencia municipal de turismo para plans de actuación en conxunto.
-¿Pensa que a desestacionalización do turismo fomentaría a estabilidade laboral?
Por suposto. De feito, tal vez un 70% da poboación vive do turismo. Si só traballa durante 3 ou 4 meses, o resto do ano colle o que hai.
-¿Que outras potencialidades económicas poderían desenrolarse no concello de Sanxenxo?
Está claro que depende moito do desenrolo do polígono industrial. Aquí hai poucas empresas instaladas. Pensamos que para dar un pouco de saída ao tema laboral, existe unha clave anterior: unha escola de formación profesional mancomunada.
-¿Que papel xoga o rural de Sanxenxo no potencial económico do concello?
O rural non se pode desenrolar por sí mesmo. En Sanxenxo hai que olvidarse da gandería e agricultura, xa que co PXOM deixou moi pouca zona para a explotación. Ten que integrarse na economía global do concello. O ten que haber é un equilibrio entre as vilas e o rural.
-¿Como ten pensado potenciar a actividade económica no rural?
Temos 50 propostas de actividades socioculturais dentro do programa de ocio. Outro tipo de actuación sería a atención veciñal do rural, unha delegación en cada parroquia. Temos pensado darlle ao rural outro tipo de vida: servizos de atención ao veciño, servizos comúns de limpeza e mantemento...
-¿Que falta para que o concello de Sanxenxo esté a cabeza en benestar social?
A política social aquí non existe. O noso principal punto é a atención ao veciño no aspecto social. Fan falta moitas cousas: comedor social, albergue para mulleres maltratadas, obradoiros de integración social… O noso proxecto social é brutal.
-¿Como cre que afectará a nova lei de costas a Sanxenxo, positiva o negativamente?
Negativamente, porque hai moitos edificios onde o concello deu permiso de edificación pero non da permiso de ocupación. Hai moita xente con problemas por culpa diso.
-Os altos prezos da vivenda ¿son positivos ou negativos para os habitantes do concello de Sanxenxo?
Negativos. A xente xoven e con recursos económicos axustados non pode acceder á vivenda. Nos 12 últimos anos non se fixeron vivendas de protección oficial.
-¿Cales son os espazos naturais que merece a pena conservar no concello de Sanxenxo?
Monte Faro, punta Festiñanzo, punta Seame… todo o que queda. Hai que recuperar todo o que se poida.
-¿Cómo solucionará os problemas de tráfico e estacionamento na época estival?
O noso proxecto é facer unha circunvalación dende Fontoira ata Poio por zona forestal, e a saída de Montalvo á Vía Rápida. Queremos facer como mínimo, un parking público soterrado en cada vila. Outra medida sería un eficiente transporte público.
-¿Onde fai vostede as súas compras de alimentación e vestimenta?
En todo o concello de Sanxenxo.
-Sendo alcalde ¿qué cambiará na praza de abastos de Sanxenxo?
O noso proxecto é facer no mesmo solar un edificio de cinco plantas. Nel incluimos un parking público e outro para os comerciantes, gardería e un supermercado sen productos frescos.
-Denos unha data para a inauguración do centro social e cultural de Adina.
Estas navidades.
-Seis candidatos para un só posto. Dígame unha definición para cada un deles.
Catalina. Pasado. Dulcinea. Insegura. Roberto. Ineficaz. Jose Luis. Oportunista. Dora. Intermitente.
Data da entrevista: 25/04/07. Texto: Elisa Franco. Fotografías: Andrea Rey Prego

DORA PÉREZ ALARCÓN. Candidata á alcaldía do Concello de Sanxenxo polo IAS

-Nome completo
Dora Pérez Alarcón
-Data e lugar de nacemento.
1944, Portonovo
-Profesión.
Mestra
-O seu peor defecto
A impaciencia
-¿Que circunstancias lle levaron a entrar na política?
Eu entrei na política en 1979, nas primeiras eleccións democráticas. De feito dende que recordo sempre fun unha muller moi comprometida cos poblemas da sociedade.
-¿Por que aceptou vostede a candidatura neste partido político e non noutro?
Porque este partido político fundeino eu, é meu, entón é lóxico que vaia en el. Este partido foi fundado en 1991. Ademáis, considero que as persoas da miña idade están moi pouco representadas na política, e creo que é moi importante un intercambio xeneracional.
-¿Que experiencias e coñecementos pode aportar a súa labor como alcaldesa?
Considero que ser alcaldesa dun municipio é simplemente botarlle moitísimo amor ao traballo. Ademáis de dedicación, ter moita dose de xenerosidade e honradez, por suposto. Non teño intención de ser alcaldesa, senón de ter presenza na corporación para aportar tódalas nosas ideas e experiencias.
-¿Cal é a maior necesidade do concello de Sanxenxo nestes momentos?
Para min, é que a xente se implique máis na vida política. Que non haxa ese divorcio entre o político e o veciño. Esa é unha base da que partir, que a poboación se implique na vida política municipal. A partir de ahí podemos conseguir moitas cousas.
-¿Que núcleo ou cidade é o espello no que se debería mirar Sanxenxo?
Da comunidade autónoma asturiana, pois case todo. Para min Asturias é un exemplo a seguir, sobre todo Oviedo, pola súa infraestructura cultural e por ser unha potencia turística neste país.
-¿Como ve vostede o concello de Sanxenxo dentro de 15 anos?
Non o vexo con moito optimismo. Os problemas que a sociedade está vivindo hoxe irán a máis e non a menos. O vexo incerto.
-Unha proposta para a desestacionalización do turismo
Non é sinxelo, porque nós, queirámolo ou non, seguimos dependendo do bo tempo. En primeiro lugar é imprescindible coidar e potenciar o que temos. E logo, necesitaríamos un Pazo de congresos e exposicións para paliar o problema da climatoloxía. Sempre con eventos culturais todo o ano.
-¿Pensa que a desestacionalización do turismo fomentaría a estabilidade laboral?
Por suposto. As ofertas de traballo que atopamos hoxe en día son inestables, sen futuro. Os soldos son moi baixos, os xóvenes non ven futuro para desenrolarse persoal e profesionalmente.
-¿Que outras potencialidades económicas poderían desenrolarse no concello de Sanxenxo?
Creo que un gran motor económico para este concello é o polígono industrial que se está a levar a cabo en Nantes. Con un viveiro de empresas podemos ter unha esperanza de futuro laboral.
-¿Que papel xoga o rural de Sanxenxo no potencial económico do concello?
Para min moitísimo, o que pasa que está prácticamente esquecido e non se lle presta a importancia que ten. Potenciando a agricultura poderíamos paliar o déficit económico que a sociedade lle ven encima.
-¿Como ten pensado potenciar a actividade económica no rural?
Hoxe en día hai moito turismo rural. Entonces, o que o rural necesitaría é unhas infraestructuras que non ten. Por exemplo, unhas boas vías de comunicación, espazos de ocio… Darlle os mesmos servizos que se lle están dando aos núcleos urbanos do concello de Sanxenxo.
-¿Que falta para que o concello de Sanxenxo esté a cabeza en benestar social?
Faltan moitas cousas, sobre todo políticas de consenso, non políticas de enfrontamento. O cometido dunha administración municipal é que o benestar dos veciños sexa o principal.
-¿Como cre que afectará a nova lei de costas a Sanxenxo, positiva o negativamente?
Eu son moi partidaria de protexe-la costa, ainda que é un tema delicado. Non é o mesmo o solo de costa paisaxístico que os núcleos urbanos.
-Os altos prezos da vivenda ¿son positivos ou negativos para os habitantes do concello de Sanxenxo?
Son negativos para todo o mundo. A vivenda, que é un dereito constitucional non se fai para formar un fogar, faise para especular. Temos que ir a políticas de vivenda asequible para todos.
-¿Cales son os espazos naturais que merece a pena conservar no concello de Sanxenxo?
Prácticamente todo o rural: carballeiras de Bordóns, maizales de Montalvo, todo o entorno da Lanzada....
-¿Cómo solucionará os problemas de tráfico e estacionamento na época estival?
O concello de Sanxenxo necesita dunha circunvalación consensuada, estudiada e dialogada con tódolos afectados. A solución ao problema do estacionamento sería crear máis prazas de aparcamento, pero non para vende-las senón para o servizo dos veciños.
-¿Onde fai vostede as súas compras de alimentación e vestimenta?
Xeralmente polo concello: no mercado de abastos, tendas de Portonovo, Sanxenxo, Vilalonga...
-Sendo alcaldesa ¿qué cambiará na praza de abastos de Sanxenxo?
E moi complexo porque a problemática da praza de abastos é de verán, non de todo o ano. É un tema e hai que estudiar e escoitar aos afectados. O que está claro é que non se debería mover de ahí.
-Denos unha data para a inauguración do centro social e cultural de Adina.
Gustaríame que fose nesta lexislatura que ven ¿Está dentro do programa? Nós non levamos un programa explícito, senón xeral, pero encantaríame.
-Seis candidatos para un só posto. Dígame unha definición para cada un deles.
Non podo calificar aos candidatos porque os respeto profundamente, pero non os coñezo.
Data da entrevista: 23/04/07. Texto: Andrea Rey Prego. Fotografías: Andrea Rey Prego

DULCINEA AGUÍN POMBO. Candidata á alcaldía do Concello de Sanxenxo polo PSOE

-Nome completo
María Dulcinea Aguín Pombo
-Data e lugar de nacemento
1972, Benitiño (Adina)
-Profesión
Economista
-O seu peor defecto
O carácter
-¿Que circunstancias lle levaron a entrar na política?
De casualidade: eu pertenzo a unha familia socialista, de sempre. No 2003, casualmente, un afiliado veume a propoñer se quería participar na lista socialista. A min a política foi algo que me gustou sempre, quizais porque foi unha vocación frustrada.
-¿Por que aceptou vostede a candidatura neste partido político e non noutro?
Porque eu considérome unha persoa de esquerdas e socialista. Eu podo non estar dacordo con cousas, pero nunca me veredes noutra política. Ten que ser neste partido, non pode ser noutro.
-¿Que experiencias e coñecementos pode aportar a súa labor como alcaldesa?
Quizais a persoal e a profesional. Teño unha cultura media, e creo que para ser alcaldesa o que hai que facer é xestión. Coñezo de sobra cales son as necesidades que ten o meu pobo.
-¿Cal é a maior necesidade do concello de Sanxenxo nestes momentos?
Vivenda. O concello estase despoboando. Os nosos xóvenes están en Ribadumia, Barrantes, Raxó... Para que Sanxenxo teña presente e futuro é necesario que os xóvenes queden no concello.
-¿Que núcleo ou cidade é o espello no que se debería mirar Sanxenxo?
Cada concello é moi especial. Unha cidade que a min gústame moitísimo é A Coruña. No que respecta ao contido: servizos, transporte, zonas verdes, pavillóns, asociacións. Sempre dende o apoio do concello a nivel económico, non dende o control do asociacionismo que é o que pasa neste concello.
-¿Como ve vostede o concello de Sanxenxo dentro de 15 anos?
Como cidade dormitorio. Como un concello dun mes. Estará prácticamente invadido por xente de fóra. Hai que apostar pola vivenda, para todos aqueles veciños que a necesitan, non só xóvenes. A vivenda é un motor que move o comercio, a hostelería e todo un pobo.
-Unha proposta para a desestacionalización do turismo
A creación dun Pazo de congresos, porque iso leva implícito varias cousas: xera emprego, xera movemento no comercio e na hostelería. E iso non só no verán, senón todo o ano. É unha prioridade moi importante do concello, como referencia para a comarca e a provincia.
-¿Pensa que a desestacionalización do turismo fomentaría a estabilidade laboral?
Fomentaría a estabilidade do emprego e a mellora para o desenrolo económico en xeral: comercio, hostelería… Eu penso que sería un beneficio grandísimo para o concello de Sanxenxo.
-¿Que outras potencialidades económicas poderían desenrolarse no concello de Sanxenxo?
Todo o relacionado co turismo. Por exemplo o comercio: se conseguimos que abra todo o ano, esa é unha fonte de ingresos moi importante a nivel local. Teño a esperanza de que o novo polígono industrial sexa unha fonte de emprego estable e un motor económico para Sanxenxo.
-¿Que papel xoga o rural de Sanxenxo no potencial económico do concello?
Moito. O rural de Sanxenxo é super atractivo, o que pasa é que non está explotado, está abandonado. Pode ser rico dende o punto de vista agrario e turístico. É un atractivo que habería que potenciar.
-¿Como ten pensado potenciar a actividade económica no rural?
Hai sitios que son ricos en recursos naturais, se os fas atractivos para que a xente os visite, existirá un potencial económico. As parroquias do rural teñen tamén un potencial económico agrario. Poderíase potenciar un asociacionismo para ese tipo de actividades.
-¿Que falta para que o concello de Sanxenxo esté a cabeza en benestar social?
Unha das cousas prioritarias agora mesmo é a gardería. Por outro lado, a aprobación da lei de dependencia a nivel xeral do Estado vai ser un motor moi importante a nivel municipal. Vai facilitar que, aquelas persoas que son coidadoras de xente dependente, teñan unha asignación económica.
-¿Como cre que afectará a nova lei de costas a Sanxenxo, positiva o negativamente?
Sanxenxo agora mesmo ten un desenrolo urbanístico puramente especulativo, nada que ver coa necesidade de vivenda. Penso que a lei afectará positivamente. Sanxenxo ten unha costa bastante importante e xa hai moitas zonas deterioradas. Vai a ser unha lei positiva.
-Os altos prezos da vivenda ¿son positivos ou negativos para os habitantes do concello de Sanxenxo?
Son moi negativos, porque a poboación vaise de Sanxenxo.
-¿Cales son os espazos naturais que merece a pena conservar no concello de Sanxenxo?
A zona do Vicaño, a zona da Granxa, Monte Faro, Montalvo, Arnosa en Vilalonga... Hai moitos. Un concello que queira velar pola saúde e o medioambiente, ten que ter un nivel alto de protección.
-¿Como solucionará os problemas de tráfico e estacionamento na época estival?
Para nós o que esta claro é que Sanxenxo ten un problema de tráfico, pero non no núcleo. Nós temos previsto un convenio coa Consellería de Política Territorial para un estudo de movilidade de Sanxenxo a Pontevedra. Os núcleos grandes do concello teñen que ter estacionamentos públicos.
-¿Onde fai vostede as súas compras de alimentación e vestimenta?
De alimentación: Portonovo e Sanxenxo. De vestimenta, depende: algunhas cousas en Portonovo. O calzado, algún en Sanxenxo. Eu sempre compro pola zona.
-Sendo alcaldesa ¿qué cambiará na praza de abastos de Sanxenxo?
Nós apostamos e seguiremos loitando para que esa praza siga en Sanxenxo. Apostamos por unha praza na mesma ubicación, con aparcamento e facéndoa atractiva aos usuarios e ao turismo.
-Denos unha data para a inauguración do centro social e cultural de Adina.
Depende quen goberne. Eu creo que é unha prioridade. O noso programa é básico, non ten grandes infraestructuras. Só aquelas que consideramos necesarias e que se poidan facer en catro anos. ¿Está dentro do programa? Sí.
-Seis candidatos para un só posto. Dígame unha definición para cada un deles.
Considero que non debo poñerlle un adxectivo a ninguén.
Data da entrevista: 21/04/07. Texto: Elisa Franco. Fotografías: Andrea Rey Prego

INICIO DUNHA NOVA ETAPA

O último número publicado con data 1 de abril, foi un número especial. Non só pola súa brevidade, senón pola finalidade que seguía: a despedida da directiva, e moi en concreto de Jorge García Caamaño.
A Asociación de Veciños San Miguel de Adina, agradécelle a labor desenvolvida dende os inicios, coa posta en marcha dunha publicación inédita, nun ámbito tan reducido como o rural. Jorge levou a cabo o traballo de redacción e elaboración da revista. Aparte diso, convertiuse no enlace entre as distintas asociacións, partidos políticos, organismos e institucións, para que poidesen poñer conxuntamente as súas demandas por escrito.
Foron moitos os números publicados dende setembro de 2005. Ano e medio de ardua e complicada actividade, no intento de darse a coñecer a todo o público local. O nomeamento dunha nova directiva da Revista constitúe unha nova etapa. O noso traballo, a partir de agora, é manter ese apoio do lector e aumentar o interese nas publicacións. Sen embargo, o novo equipo non traballa só. Precisará, como ata agora, da colaboración de todos aqueles que desexen transmitir unha demanda, unha reflexión, un apoio…
Nesa relación de colaboración, comunicámoslles que para poñerse en contacto con nós, terán que modificar os anteriores datos, tanto do correo electrónico, como dos teléfonos. Así mesmo, a Revista de Adina da un paso adiante incorporándose ás novas tecnoloxías. Tódolos artigos publicados terán presenza na rede na seguinte dirección electrónica: http://www.revistadadina.blogspot.com/.
De modo paralelo ao troco de directiva, comezou a elaboración do primeiro número desta nova etapa. Foi un reto importante á hora de colle-las rendas da Revista, xa que non podíamos pasar por alto a convocatoria ás Eleccións Municipais do 27 de maio. É así como os novos puxémonos as pilas e conseguimos concretar as entrevistas cos seis candidatos á alcaldía polo concello de Sanxenxo. Foi un traballo contrareloxo pero non por iso menos serio e prudente. Partimos da base de que tódalas entrevistas redactadas nas páxinas seguintes foron feitas de forma presencial. Tódolos candidatos descoñeceron, ata o último momento, o conxunto das 20 preguntas a realizar. Temos que da-las grazas a todos eles pola colaboración e disposición ante a nosa invitación, xa que estas datas están cargadas de traballo e de numerosos actos públicos para eles.
Ainda que o espazo da Revista fíxose escaso, adicamos a contraportada á información local. Informamos do acontecido na feira de Entrerrebaixas esta Semana Santa. Este resumo irá acompañado do programa de actividades que ten preparado o C.C.U. Entretendas na Semana Naval, neste mes de maio, no porto deportivo de Sanxenxo.
Sen máis, esperamos que disfruten deste novo número e desculpen os posibles erros que poidamos ter. Reciban un cordial saúdo da nova directiva da Revista de Adina.
Elisa Franco


DATOS DOS COMPOÑENTES DA DIRECTIVA DA REVISTA DE ADINA.

NOME COMPLETO: Gerardo Fernández Otero
DATA E LUGAR DE NACEMENTO: En 1940 en Adina
PROFESIÓN: Sastre
POSTO: Presidente da Asociación de Veciños San Miguel de Adina
“Contamos con xente xoven cada vez mellor preparada. Traballaremos xuntos ao máximo. Esperamos facer cousas bastante boas para a xuventude e os maiores, buscando a forma de satisfacer a tódolos veciños”.





NOME COMPLETO: Mª Elisa Franco Torres
DATA E LUGAR DE NACEMENTO: En 1976 en Sanxenxo
PROFESIÓN: Xerente dun Centro de Ensino
POSTO: Directora
“Considero moi atractivo e interesante continuar o traballo da anterior directiva. A finalidade é enriquecer e ampliar a publicación, facendo da revista unha referencia na prensa local”.




NOME COMPLETO: Andrea Rey Prego
DATA E LUGAR DE NACEMENTO: En 1985 en Poio
PROFESIÓN: Estudante
POSTO: Subdirectora
“Desexo transmitir información aos veciños. Do que pasa na parroquia de Adina e no resto do concello, animando aos demais xóvenes a que colaboren na revista”.





NOME COMPLETO: Casimiro Telmo Pérez
DATA E LUGAR DE NACEMENTO: En 1959 en Sanxenxo
PROFESIÓN: Albanel
POSTO: Secretario
“É un privilexio formar parte do equipo na elaboración da revista. Dende o principio animoume Jorge, e formando parte da asociación de vecinos, pasei a colaborar na publicación”.