martes, 15 de mayo de 2007

INICIO DUNHA NOVA ETAPA

O último número publicado con data 1 de abril, foi un número especial. Non só pola súa brevidade, senón pola finalidade que seguía: a despedida da directiva, e moi en concreto de Jorge García Caamaño.
A Asociación de Veciños San Miguel de Adina, agradécelle a labor desenvolvida dende os inicios, coa posta en marcha dunha publicación inédita, nun ámbito tan reducido como o rural. Jorge levou a cabo o traballo de redacción e elaboración da revista. Aparte diso, convertiuse no enlace entre as distintas asociacións, partidos políticos, organismos e institucións, para que poidesen poñer conxuntamente as súas demandas por escrito.
Foron moitos os números publicados dende setembro de 2005. Ano e medio de ardua e complicada actividade, no intento de darse a coñecer a todo o público local. O nomeamento dunha nova directiva da Revista constitúe unha nova etapa. O noso traballo, a partir de agora, é manter ese apoio do lector e aumentar o interese nas publicacións. Sen embargo, o novo equipo non traballa só. Precisará, como ata agora, da colaboración de todos aqueles que desexen transmitir unha demanda, unha reflexión, un apoio…
Nesa relación de colaboración, comunicámoslles que para poñerse en contacto con nós, terán que modificar os anteriores datos, tanto do correo electrónico, como dos teléfonos. Así mesmo, a Revista de Adina da un paso adiante incorporándose ás novas tecnoloxías. Tódolos artigos publicados terán presenza na rede na seguinte dirección electrónica: http://www.revistadadina.blogspot.com/.
De modo paralelo ao troco de directiva, comezou a elaboración do primeiro número desta nova etapa. Foi un reto importante á hora de colle-las rendas da Revista, xa que non podíamos pasar por alto a convocatoria ás Eleccións Municipais do 27 de maio. É así como os novos puxémonos as pilas e conseguimos concretar as entrevistas cos seis candidatos á alcaldía polo concello de Sanxenxo. Foi un traballo contrareloxo pero non por iso menos serio e prudente. Partimos da base de que tódalas entrevistas redactadas nas páxinas seguintes foron feitas de forma presencial. Tódolos candidatos descoñeceron, ata o último momento, o conxunto das 20 preguntas a realizar. Temos que da-las grazas a todos eles pola colaboración e disposición ante a nosa invitación, xa que estas datas están cargadas de traballo e de numerosos actos públicos para eles.
Ainda que o espazo da Revista fíxose escaso, adicamos a contraportada á información local. Informamos do acontecido na feira de Entrerrebaixas esta Semana Santa. Este resumo irá acompañado do programa de actividades que ten preparado o C.C.U. Entretendas na Semana Naval, neste mes de maio, no porto deportivo de Sanxenxo.
Sen máis, esperamos que disfruten deste novo número e desculpen os posibles erros que poidamos ter. Reciban un cordial saúdo da nova directiva da Revista de Adina.
Elisa Franco


DATOS DOS COMPOÑENTES DA DIRECTIVA DA REVISTA DE ADINA.

NOME COMPLETO: Gerardo Fernández Otero
DATA E LUGAR DE NACEMENTO: En 1940 en Adina
PROFESIÓN: Sastre
POSTO: Presidente da Asociación de Veciños San Miguel de Adina
“Contamos con xente xoven cada vez mellor preparada. Traballaremos xuntos ao máximo. Esperamos facer cousas bastante boas para a xuventude e os maiores, buscando a forma de satisfacer a tódolos veciños”.





NOME COMPLETO: Mª Elisa Franco Torres
DATA E LUGAR DE NACEMENTO: En 1976 en Sanxenxo
PROFESIÓN: Xerente dun Centro de Ensino
POSTO: Directora
“Considero moi atractivo e interesante continuar o traballo da anterior directiva. A finalidade é enriquecer e ampliar a publicación, facendo da revista unha referencia na prensa local”.




NOME COMPLETO: Andrea Rey Prego
DATA E LUGAR DE NACEMENTO: En 1985 en Poio
PROFESIÓN: Estudante
POSTO: Subdirectora
“Desexo transmitir información aos veciños. Do que pasa na parroquia de Adina e no resto do concello, animando aos demais xóvenes a que colaboren na revista”.





NOME COMPLETO: Casimiro Telmo Pérez
DATA E LUGAR DE NACEMENTO: En 1959 en Sanxenxo
PROFESIÓN: Albanel
POSTO: Secretario
“É un privilexio formar parte do equipo na elaboración da revista. Dende o principio animoume Jorge, e formando parte da asociación de vecinos, pasei a colaborar na publicación”.


No hay comentarios: