martes, 15 de mayo de 2007

ROBERTO FERNÁNDEZ LORES. Candidato á alcaldía do Concello de Sanxenxo polo BNG

-Nome completo
Roberto Alfonso Fernández Lores
-Data e lugar de nacemento.
1957, Vilalonga
-Profesión.
Comercial de banca
-O seu peor defecto
Non me atrevo a decilo
-¿Que circunstancias lle levaron a entrar na política?
O compromiso con este país. Non se pode criticar sen arrima-lo ombro.
-¿Por que aceptou vostede a candidatura neste partido político e non noutro?
Porque son nacionalista ata a médula. E dende logo o único partido nacionalista que hai no país é o BNG.
-¿Que experiencias e coñecementos pode aportar a súa labor como alcalde?
Eu creo que pola miña profesión durante 25 anos traballando en banca pode aportar moito. A miña relación con tódolos sectores sociais, o meu coñecemento do concello ao completo, pode aportar moito.
-¿Cal é a maior necesidade do concello de Sanxenxo nestes momentos?
A vivenda. A falta de vivenda pública para os veciños mozos e non tan mozos que teñen que desplazarse a concellos limítrofes. É a necesidade primordial para solventar neste mandato próximo.
-¿Que núcleo ou cidade é o espello no que se debería mirar Sanxenxo?
Sempre teño como referencia a Allariz. Salvando as distancias, por importancia e similitude. A calidade de vida de Allariz está a anos luz da de Sanxenxo. Non podemos comparar Sanxenxo cunha cidade de 80 mil habitantes, senón sería Pontevedra en primeiro lugar.
-¿Como ve vostede o concello de Sanxenxo dentro de 15 anos?
Ata agora o que se estivo relanzando neste concello foi a imaxe turística de cara afora no verán, no inverno Sanxenxo non existe. Nós queremos trocar esa situación, que Sanxenxo sexa unha vila para poder vivir todo o ano. Cremos que dentro de 15 anos, se goberna o BNG, iso é posible.
-Unha proposta para a desestacionalización do turismo
Cremos que é un cúmulo de cousas. Temos que darlle outras alternativas á xente que queira vir a Sanxenxo en época que non sexa estival. O fundamental, aproveitando as infraestructuras que se fixeron, é traer xente todo o ano con poder adquisitivo alto e que mova a economía do concello.
-¿Pensa que a desestacionalización do turismo fomentaría a estabilidade laboral?
Axudaría. Pero non só temos que depender do turismo. Cremos que ten que haber outras alternativas ao sector servizos. O parque empresarial debería ser o motor supletorio.
-¿Que outras potencialidades económicas poderían desenrolarse no concello de Sanxenxo?
Como dixen antes, o parque empresarial debería ser o motor auxiliar para que o concello teña actividade industrial e mercantil durante todo o ano.
-¿Que papel xoga o rural de Sanxenxo no potencial económico do concello?
Fundamental. O rural está totalmente esquecido. O concello debe potenciar a actividade agrícola e que a xente poida vivir do campo dignamente como calquer outro sector.
-¿Como ten pensado potenciar a actividade económica no rural?
Nós potenciaremos algún tipo de medida en colaboración coa Consellería de Medio Rural por medio do Plan de banco de terras. Trataremos de que a xente que queira, poida desenvolver a súa actividade agrícola como se estivese traballando nunha empresa doutro sector.
-¿Que falta para que o concello de Sanxenxo esté a cabeza en benestar social?
Bastante. Cremos que para poder dar uns servizos sociais en consonancia non se poden facer as cousas sen diñeiro. Cremos que o destinado ata agora son cifras ridículas.
-¿Como cre que afectará a nova lei de costas a Sanxenxo, positiva o negativamente?
Non ten sentido ningún. É unha lei global e sen especificar o tipo de zonas. Paréceme unha dobre moral. Non podemos falar de preservar a costa e estar autorizando urbanizacións en punta Festiñanzo.
-Os altos prezos da vivenda ¿son positivos ou negativos para os habitantes do concello de Sanxenxo?
Totalmente negativos. Con iso estanse enriquecendo catro constructores vidos de fóra. É unha política que hai que desterrala canto antes. Non pode seguir construíndose aquí segunda residencia porque eso non da riqueza, non asenta a poboación.
-¿Cales son os espazos naturais que merece a pena conservar no concello de Sanxenxo?
Xa destragado o Monte Faro, todo o litoral que corresponde á ría de Arousa. Para o BNG é un espazo primordial. Toda a costa de Sanxenxo merece ser conservada e coidada coma un meniño pequeno.
-¿Cómo solucionará os problemas de tráfico e estacionamento na época estival?
Contemplamos os aparcadoiros en Sanxenxo e Portonovo, coma unha parte fundamental para o comercio, habitantes e visitantes do concello. Se os prazos se achican como queremos, para o verán do 2008 podemos ter solventados os atascos do concello de Sanxenxo.
-¿Onde fai vostede as súas compras de alimentación e vestimenta?
Sempre en comercio local.
-Sendo alcalde ¿qué cambiará na praza de abastos de Sanxenxo?
A ubicación será a que hai. Faríamos unha reforma integral do espazo dos vendedores. Buscaríamoslle alternativas ao aparcadoiro, o problema fundamental, nunca máis ala de 100 metros arredor da praza. Dende logo nunca enriba do parque infantil de A Panadeira.
-Denos unha data para a inauguración do centro social e cultural de Adina.
Un prazo de ano e medio. A finais de 2008, principios de 2009 estaría construido e inaugurado.
-Seis candidatos para un só posto. Dígame unha definición para cada un deles.
Eu nada máis que vexo un adxectivo para min: ser alcalde.
Data da entrevista: 27/04/07. Texto: Elisa Franco. Fotografías: Elisa Franco


No hay comentarios: