miércoles, 22 de agosto de 2007

SANXENXO, SEGURO DE SOL

Vivimos nun concello, onde só o nome é sinónimo de vacacións, de tempo libre, de chiringuitos de praia, de copas nas terrazas, de saídas nocturnas e festas de todo tipo. Sen esquencer as citas gastronómicas de acá e acolá, tan concentradas nestes meses de calor. Estos quefaceres e máis, non son os que ocupan o verán dos nosos veciños.
Os que vivimos aquí non recoñecemos esta tempada de calor coma os de fóra. Dende sempre aprendimos a identificar estes dous meses con traballo. Algúns din que mal pagado, tendo en conta que se traballa a reo; outros din que sen un día libre, se temos presente o horario de cada xornada. Contra isto, as respostas son unha falta de profesionalidade e un “non querer traballar”. Calquer veciño de Sanxenxo pode presentar o seu propio testemuño, Fumos e somos moitos os que adicamos os verans da nosa vida a traballar para o inverno. As consecuencias as coñecen os empresarios, reflectidas na ampla lista de ofertas de emprego que o servizo de colocación do concello pon en mans de calquera.
Pero de que nos queixamos se o turismo é o motor do concello, traballamos dous meses para todo o ano, quen o soñara!. Se non fora porque eses ingresos non chegan nin para a volta ao cole. Porque son dous meses e non máis, se o tempo o permite, tal como estamos a ver este ano.
E despois que?. Non sabemos se vivimos da pesca, do comercio, da agricultura ou dun incipiente parque industrial que non se da posto en marcha. Os dez meses restantes, a nosa economía depende para algúns dos fins de semana en que saia o sol, e para moitos dun traballo que nos manteña a flote ata o verán seguinte. A excelencia turística non nos da de comer, todo é pasaxeiro e cambiante. Vivimos en dous pobos á vez, un de verán e outro de inverno, un aberto e outro pechado, un aglomerado e outro pantasma.
A estabilidade non existe e iso sabémolo ben moitos dos que decidimos alonxarnos para manter un ritmo de vida máis consecuente, cun futuro menos incerto. Precisamos esclarecer e concretar o noso motor económico, plantexarnos outras posibilidades laborais, incentivar outros sectores para abrir un abano laboral máis permanente.
Todos sabemos en que tellados está a pelota. Sectores públicos e privados teñen que deixar de centrar as súas actuacións no turismo, mostrándoo como a panacea do futuro de Sanxenxo. Comezemos a plantexar outras posibilidades que salven a economía de tódolos vecinos en vez de enriquecer a duns poucos.

No hay comentarios: