miércoles, 22 de agosto de 2007

ASOCIACIÓN CULTURAL ABIÑADOIRA

Dentro do panorama folclórico local é preciso destacar as actividades levadas a cabo pola Asociación Cultural Abiñadoira de Sanxenxo, en prol do mantemento e proxección das manifestacións tradicionais galegas de música e danza. Cristina Ramallo e Mª Carmen Sueiro, compoñentes e mestras de baile da asociación, levan dende moi cativas neste mundo. Adícanse, xunto co resto da agrupación, a promover actividades relacionadas co noso patrimonio cultural galego.
¿Cando xurde Abiñadoira?
Como asociación cultural e co nome de Abiñadoira, xurde no ano 90. Pero a agrupación folclórica, adicada a dar clases de baile e música, xa funcionaba dende moito tempo antes. Nós mesmas comezamos na primeira agrupación con cinco anos.
¿Quenes foron os propulsores no seu comezo?
Por un lado, a que agora é presidenta, Mª Carmen. Tamén participaron Conchi González e a súa irmá Mª Carmen do Hotel Justo. Foron máis ben pais dos nenos que xa bailaban e que decidiron crear uns estatutos para a constitución dunha asociación.
¿Que actividades leva a cabo a Asociación?
De forma continuada están as clases de gaita, percusión e baile, os sábados no pazo de cultura de Sanxenxo, xa que non temos local propio. Tamén hai unhas clases para maiores os mércores pola noite. Logo organizamos o Festival de Nadal, unha mostra de baile cun grupo folk tradicional invitado. E estamos implicados na Semana Cultural, a finais de xuño, con mostras de teatro e actuacións de grupos galegos de música tradicional. Tamén se realiza unha exposición fotográfica, que por motivo de espazo, nos últimos anos non poidemos levar acabo. O último día ten lugar a romería no atrio da igrexa de San Xinés.
¿Con canta xente conta a asociación?
Socios haberá sobre trinta, pero temos que contar tamén cos fillos dos asociados que participan nas actividades. Logo o grupo de mestres de baile e instrumentos somos unhas doce persoas.
¿Que idades comprenden os alumnos das actividades?
Pois dende os catro anos. Agora mesmo, na clase dos máis pequenos temos dez. Hai rapaces que veñen só no verán.
¿O número de participantes vai en aumento?
Por desgraza non. Fai dez anos, poderíamos se-lo triple. Vemos que non son un tipo de actividades que se promocionen moito.
¿É só coñecida Abiñadoira no concello de Sanxenxo ou tamén por fóra?
Sí. Temos relación con moitos grupos, sobre todo de Santiago. Ó longo do ano actuamos moitas veces fóra en concursos, mantendo moi boas relacións con outros grupos similares.
¿Organizan actividades con outras asociacións ou institucións ao longo do ano?
Organización non, ainda que sí colaboramos nos festivais realizados por outras asociacións do concello e da comarca.
¿Reciben algún tipo de colaboración para o seu mantemento?
Temos as cuotas dos socios, que non chegan nin para pagar aos mestres. Os gastos mensuais os imos cubrindo grazas ás actividades que organizamos. Agora mesmo temos un gasto a maiores pola publicación do 2º volume de Albores de Sanxenxo. Recibimos subvencións, ainda que tendo en conta a difusión e promoción que facemos da cultura galega, en relación con outras asociacións, o importe tería que ser maior, xa que implicamos a todo o pobo nas nosas actividades.
¿Como ven o paronama cultural a nivel local e autonómico?
A nivel local está moi mal. Estase prescindindo cada vez máis das asociacións. O Concello está a centralizar máis as actividades, o que provoca que a xente participe e se implique menos na actividade cultural do pobo. A nivel da Xunta hai boas intencións, pero pasa un pouco o mesmo que a nivel local.
¿Cren que se está a producir un abandono ou desinterés pola tradición e o patrimonio cultural galego?
Sí, por suposto. O que vemos é unha falta de promoción deste tipo de actividades da tradición galega, fronte a outras actividades que se fomentan máis por parte da administración.
¿Ten proxectos de futuro Abiñadoira?
Sí, sempre se queren facer máis cousas. Agora mesmo estamos inmersos na venta do 2º volume de Albores de Sanxenxo, que se pode conseguir a través da propia asociación ou na librería Nós. É unha recopilación de 150 fotografías antigas dos lugares e parroquias de Sanxenxo. Estase vendendo moi ben, grazas tamén á colaboración desinteresada de Xaime Corral.

No hay comentarios: