viernes, 7 de septiembre de 2007

UNHA VIDA DE CANS

Matan e despelexan a dous cans e feren a outro nunha canceira en Cambados (Pontevedra)."Un estaba morto no centro do recinto e ao outro faltáballe toda a pel da parte de arriba", explica a xerente da canceira. Todo apunta a “persoas sen sentimentos” que “meteron outros cans para realizar pelexas” entre animais.
Este fragmento de noticia, recollida de Europa Press, non é nada axeno ao conxunto das novas sobre abandono de animais que lemos a cotío na prensa local. Os abusos que se fan aos animais non deixan de estremecer a algúns e de pasar desapercibidos para outros. Non é cuestión de sensibilidade, é cuestión de poñerse na pel dese ser vivo e pensar no que sinte ao ser abandoado polo que cre o seu dono ou a recibir maltrato do que pensa que é o seu protector.
Os cans derivan do lobo e na súa vida tenden a relacionarse en manada, guiados por un xefe, que na súa domesticación pasa a ser o home. O afecto e a obediencia é un pilar básico que levan no seu instinto dende que nacen e que se contradice, na meirande parte das veces, coas actuacións que os humanos levamos a cabo.
Todos os que posuimos animais de compaña sabemos da intelixencia e o entendemento que estes seres chegan a ter sobre os seus donos. Fanse oir e a comunicación é case total; “só lle falta falar”, din moitos. A sensación de confianza, seguridade e compaña está asegurada, de feito os especialistas recomendan a convivencia cun animal doméstico para tratar problemas sicolóxicos e fisiolóxicos, dende as idades máis tempranas ata a vellez. Sen embargo, a cotío, paseamos polas rúas vendo cans aboandoados por aqueles que non souberon responsabilizarse dun capricho que convertiríaos co tempo nun estorbo.
Son tamén compañeiros de ocio, como os cans de caza. Unhas razas que son recollidas polas canceiras, procedentes de donos que mostran a súa gratitude cun maltrato e un abandono cada vez máis numeroso. E por outra banda están as pelexas de cans encubertas que deixan cadáveres e cans agonizantes en escombreiras ou recunchos escondidos.
Calquera persoa que convive con animais de compaña sabe da súa nobreza e dedicación ao seu amo. Son un máis da familia e a súa perda xenera un vacío difícil de esquecer. Este sentimento debe ser xeneralizado para que aqueles que teñen animais os respeten, e os que non os teñen e queiran telos sepan da responsabilidade que iso carrexa.

No hay comentarios: