viernes, 7 de septiembre de 2007

A LONGA EXPERIENCIA DO PRESIDENTE DA ASOCIACIÓN DE VECIÑOS

Neste cumpreanos da publicación veciñal, a cal leva xa dous anos publicándose, quero facer un pequeno balance sobre a miña vinculación con este tipo de actividades, que levo a cabo dende que teño uso de razón. Lembro con certa nostalxia a fermosa imaxe que a vila de Sanxenxo nos ofrecía alá polos anos 60, onde non había máis de 50 casas “das de antes” e en particular , recordo o Salón de Baile do Marycielo e o Cine da Terraza. Sendo moi novo abandonei a miña aldea, Forxán, con só 19 anos tomei rumbo a Alemania, onde desenrolei a maior parte da miña “vida social” durante 41 anos. A miña vida de emigrante foi bastante dura nun principio por descoñecemento do idioma, as costumes e os problemas laborais, despois funme asentando, e a miña vida foise dividindo en tres partes, a familiar, a laboral e a socio-cultural. Desta última teño que destacar a creación do Centro Galego (1985) de Frankfurt, que foi un dos maiores retos que tiven en Alemania, do cal estou moi orgulloso porque foi un dos grandes referentes socio-culturais da emigración galega en Europa. Por este centro pasaron as autoridades e personaxes galegas e españolas máis importantes da época. A actividade cultural naqueles tempos era enorme, con intercambios con outros centros de todo o mundo, Sudamérica, Europa, etc.
No ano 1999 abandono Alemania e a presidencia do Centro Galego e intento formar outra asociación en Sanxenxo, pero de alemáns para desenrolar actividades similares ás que facíamos alá. Tras moitas xestións, todo parecía ir ben, incluso tiñamos unha serie de actividades xestionadas para levar a cabo, con descontos en compañías aéreas incluído, pero non chegou a colaboración do alcalde de turno para poñer todo en marcha e desestimamos o proxecto.
Finalmente, alá polo finais do 2004, propóñenme facerme cargo da A.V. de Adina, unha asociación inactiva, sen socios, sen auga, sen luz, sen fondos económicos, un auténtico desastre que suporía un reto para min e para as persoas que me acompañan nesta nova directiva, como Jorge, Casimiro, Andrés, Leopoldo, Manuel e as rapazas que dirixen a Revista, Elisa e Andrea.
Todos eles traballan sen ningunha remuneración, máis ben poñendo os seus cartos e o seu tempo para intentar mellorar as vidas dos demais, e gracias a todos eles conseguimos poñer esto a funcionar dun xeito exitoso.
Tamén quero destacar a axuda da nova alcaldesa neste último ano, pois é unha das máximas responsables de que o noso colectivo recuperara unha gran cantidade de socios, pois sempre nos apoiou nas nosas iniciativas, que en definitiva é o que demostra que imos polo bo camiño. Só nos queda que inicien as obras do novo Centro Social de Adina o antes posible, pois urxe de xeito inminente que dispoñamos dun centro destas características para desenrolar as actividades que temos planeadas para o vindeiro ano.
Esperando que esta promesa se faga realidade, mando un saúdo para tódolos veciños en xeral e socios en particular, sen eles as nosas reivindicacións non terían sentido.

No hay comentarios: