sábado, 24 de noviembre de 2007

PRECAUCIÓN:RECADACIÓN

Dende a súa implantación, o pasado 1 de Xullo de 2006, o carné por puntos non está a cumprir coas expectativas.
En España xa son miles os condutores que perderon o seu permiso de conducir por mor da retirada de tódolos seus puntos. Nembargante, as cifras de mortos nas estradas non se reduciron, que era o obxectivo co que se facía. Isto non se pode discutir, xa que son cifras oficiais que vemos cada día nos medios de comunicación. Agora que ven que as cousas non funcionan, endurecen as leis de tráfico e van a castigar coa prisión a aqueles condutores mais perigosos. Paréceme ben, hai que retirar das estradas a estes perigos en potencia, pero, señores pensadores da Dirección General de Tráfico, eu como condutor, dende a entrada en vigor deste marabillosísimo permiso ando mais pendente de mirar o contaquilómetros para non excederme do límite de velocidade que de atender a estrada. Estou seguro de que ó igual que eu, a moitos mais condutores lles pasa o mesmo, e de que unha gran porcentaxe dos accidentes que se producen “por despistes” son mais ben por esta outra razón.
Pero non pasa nada, como condutores temos que estar tranquilos e atender ó volante, que se nos pasamos coa velocidade xa nos avisarán moi amablemente mediante unha foto dalgún radar que estaba situado nalgún punto escondido dalgunha estrada. E non só nos avisan de que nos pasamos de velocidade, senón que tamén te informan da cantidade de euros que tes que abonar as arcas do estado e dos puntos a detraer do teu permiso de conducir. A verdade, ¡¡hai que ver que ben se portan connosco!!
Non creo que sexa eu o único que pensa que os obxectivos ocultos que hai detrás de toda esta pantalla publicitaria non é outro que o de financiar coas nosas multas unha parte moi importante do gasto estatal. Os radares nunca están en puntos negros das estradas, mais ben atópanse xusto detrás dalgunha sinal de 50 km/h situada en rectas inmensas e sen perigo de ningún tipo, cousa bastante estraña cando a súa función é a de evitar accidentes. Estas sospeitas que eu teño de que isto das multas é mais ben unha boa forma de recadar cartos confirmáronse o día que escoitei na televisión, de boca de un ex axente de tráfico, que a cada Guarda Civil se lle esixe un mínimo de denuncias mensuais. Isto ben a aclarar todo. Si os teus superiores che esixen un mínimo de multas, ti colocarás os radares onde sabes seguro que vas a pillar a xente para poder despreocuparte de futuros problemas, e iso dos puntos negros e da precaución deixámolo para outro.
Agora, cada vez están a morrer mais motoristas, e a culpa é de que “non están preparados nin práctica nin teoricamente”. Pois de novo se confunden. Cada vez morren mais motoristas por unha simple razón: cada vez hai mais motos na estrada, xa que pagar o combustible dun coche estase a converter nun luxo e hai que irse a vehículos mais económicos.
Na miña opinión as solucións non son aumentar a idade mínima para conducir, nin facer mais exames, nin inventarse carnés por puntos. Eu creo que a solución podería ser investir tódolos cartos que se gasta o “Gobierno de España” en propaganda, en facer estradas mais seguras, eliminando os gardarraíles, que son os que de verdade matan motoristas, pavimentando de xeito coherente, etc.
Con isto non estou dicindo que se deban sacar as multas nin os castigos os malos condutores, só digo que fagan as cousas buscando o obxectivo que se nos vende nas campañas publicitarias: reducir o número de mortes nas estradas.
¡¡Espero que a DGT non me coñeza para que non tomen represalias contra min por este artigo!!

Texto: Carlos Názara Blanco.

No hay comentarios: