miércoles, 9 de enero de 2008

A TORRE DO GAIÁS

En 1913, o arqueólogo alemán Robert Koldewey, descubriu no que sería a antiga Mesopotamia, unha escaleira entre o ceo e a terra, que deu pé á fabulosa historia da Torre de Babel. Este episodio está presente no texto do Xénesis, onde se relata que os homes, reunidos na chaira de Shinear, despois do Diluvio Universal (outra fabulosa historia que noutro momento interpretarei), resolveron levantar unha torre xigantesca. Deus, ao ver o que intentaban, obstaculizou os seus plans "confundindo as súas linguas" de modo que os obreiros non se puidesen entender entre si. Ao quedar incapacitados de traballar de común acordo, os construtores abandoaron a empresa e dispersáronse en diferentes direccións. A torre inconclusa e a cidade edificada en torno a ela chamábanse Babel ou Babilonia.
E como din que a historia é cíclica, recóllese dos textos de Heródoto (historiador e xeógrafo grego do século V a.C.) o que se presaxiaba que ía acabar pasando en Galiza:
En 1999, o entón presidente do goberno galego Manuel Fraga, iniciou o que chamaría “o soño de calquer gobernante”, proxectou a chamada Cidade da Cultura de Galiza. Quería atraer “visitantes e riqueza”, e pensou que a construción da Cidade da Cultura suporía unha nova peregrinaxe cultural a Santiago de Compostela, como se dunha nova Catedral se tratase. Non sei se Deus estaría moi de acordo en compartir a peregrinaxe ao seu Santo con esta mastodóntica oferta cultural. Posiblemente, vendo a competencia co icono relixioso, decidiu no deixar que o proxecto se vese rematado. A súa fórmula foi a seguinte:
As obras comezadas no 2000 seguindo os planos de Peter Eisenman, paralizáronse a mediados de setembro de 2005. Un dato importante do que non fala Herodoto é do financiamento da obra, que naquel tempo tiña que resolverse posiblemente polo sistema de troco, que aínda que non era moi exacto, sí era xusto. Neste caso, a incertidume de canto custaría o proxecto e ata o de agora unha constante. O presuposto inicial de 133 millóns de euros facía tempo que non daba nin para os ladrillos, tendo que sacar dos petos públicos máis do dobre do estimado: 274 millóns de euros, quedando pendentes de adxudicación 37 millóns de euros. Non só os cartos quedaban desfasados, as datas de conclusión das obras tamén: entre finais de 2004 e principios de 2005. A día de hoxe non hai data exacta para a entrada en funcionamento do complexo.
Xunto coas trabas económicas, existía unha falta de contido e funcionalidade nese entramado de edificios que configuraría a Cidade da Cultura. Diso encargouse o novo goberno, que a falta de ideas pedía opinión ao pobo. Pero despois de probar o ben que resultou no episodio da antigüidade a confusión de falas, Deus aproveitou para poñela en práctica de novo. E así foi como na chamada Comisión de Investigación da Cidade da Cultura conseguiu confundirnos a todos cos testemuños de aqueles que tiveran relación coas actuacións públicas referidas á construción. As testemuñas definiron o complexo arquitectónico do Monte Gaiás cada unha en cadanseu idioma. Dende logo, o último que fixeron foi poñerse de acordo na finalidade do proxecto. Foi visto como un beneficio persoal en moitos casos, aínda que Pérez Varela botara bágoas dicindo que non ten un peso. Tamén foi canteira de xóvenes licenciados, coma no caso de Manuel Fernández Balboa, que non traballou como becario precisamente. E aínda que existira un incomprensible erro de cálculo según Juan Hernández López, a Xunta en funcións tirou pola borda os cartos que non lle correspondían en adxudicacións de obras.
Pero si entre eles non se aclaran, os que están agora o teñen tamén complicado. Mentres Emilio Pérez Touriño afronta o marrón como algo irreversible que naceu mal; Anxo Quintana dálle a volta á tortilla, propoñendo utilizalo para fortalecer, normalizar e darlle futuro á cultura galega.E nós mentres tanto, sen ver de preto iso do que todos falan, mantémonos a espera de que os obreiros se poñan de acordo entre sí e resolvan rematar a obra que tantos cartos, incompetencias e dicires está a malgastar. Porque non nos enganemos, o problema non se encontra nun monte de Santiago de Compostela. O problema témolo tódolos galegos, e como promotores da obra é consecuente esixir responsabilidades e resolucións que seguen sen aparecer.

No hay comentarios: