jueves, 27 de marzo de 2008

INAUGURACIÓN DA NOVA PRAZA DE ADINA

O pasado 25 de decembro inaugurouse a nova praza de Adina. Ó acto acudiron os principais membros da corporación municipal, xunto co cura da parroquia, quen dou a bendición á nova praza e, por certo, a algún deulle un bo baño de auga bendita (se coñece que viu que lle facía falta tamén algo de bendición). Un bo número de veciñas e veciños que non se quixeron perder o acontecemento acudiron ó lugar para gozar do primeiro día na praza. Tamén se deu por inaugurado, ese mesmo día, a restauración da tribuna da Igrexa de Santa María de Adina.
Aínda que a climatoloxía non acompañou, algúns cativos aproveitaron para estrear tanto o parque como os agasallos traídos por Papá Noël.
Por fin Adina conta cun espazo de ocio en condicións, no que os pequenos, e non tan pequenos, poidan pasar parte do seu tempo de lecer dun modo tranquilo sen ter que desprazarse ata os parques de Portonovo ou Sanxenxo.
Aínda así, hai cousas que se deben engadir a esta nova praza. Dende a Revista de Adina, e logo de consultar con distintas personalidades do entorno, chegamos as seguintes conclusións do que falta na praza e expoñémolas a continuación, coa esperanza de que se teñan en conta.
A praza actual debería de contar con:
_ Unhas baias para a pista polideportiva. Esta pista debería de ter todo o seu perímetro balado, para impedir que as pelotas saísen sen control cara calquera das estradas que estreman co recinto, xa que o perigo que isto supón é moi grande, e máis, tendo en conta a velocidade á que pasan os coches pola recta que vai a Portonovo.
_ Pasos de peóns elevados en toda a recta que baixa cara Portonovo. Quizais esta sexa unha das medidas máis urxentes que se deben levar a cabo. Dentro de moi pouco a praza atoparase chea de nenos pequenos, e pola estrada da que estamos a falar, os vehículos alcanzan velocidades de verdadeiro pánico. Isto, de momento é un perigo en potencia, e debemos tomar cartas no asunto para non ter que lamentarnos logo. Colocar pasos de peóns elevados inflúe de xeito directo na seguridade desta zona, xa que obriga a reducir a velocidade ós conductores, que poderán reaccionar ante calquera neno ou nena que cruza, por exemplo detrás dun balón. Non quero imaxinarme isto sen pasos elevados. Estaríamos a falar dunha desgracia e ninguén quere tal cousa.
_ Diferentes tomas de corrente, que faciliten a colocación de aparatos de música, megáfonos, etc. en calquera acontecemento que alí poida ter lugar. Do contrario, a dificultade para celebrar actos será moito maior.
_ Dotar a pista polideportiva de porterías e canastras, xa que sen elas, a práctica destes deportes vai a resultar unha tarefa complicada. Marcar os campos de baloncesto e incluso non estaría de mais, pintar un campo e instalar unha rede de voleibol.
_ Un novo local social, que converterá a esta zona no verdadeiro centro neurálxico de Adina, onde os veciños poidan acudir cos seus fillos a todo tipo de actos, tendo a tranquilidade de contar cun parque no que deixar ós seus fillos, suficiente aparcamento, zonas verdes, etc. Un local dotado de ordenadores e internet sen cables que faciliten a labor da Asociación de Veciños e de calquera veciñ@ que se queira conectar á rede mediante a WIFI.

Cremos que estas reformas, xunto coa construcción da nova casa cultural transformarían este espazo público e colocarían a Adina á cabeza das parroquias do Concello.
Un saúdo a tod@s e ¡a gozar da nosa praza!

1 comentario:

Plataforma O Pombal (David Leiro) dijo...

menos mal que eu non aparezco na foto, pero xa saín no periodico xdxd é que isto de ser sancristan é moi duro.Boa inauguracion si señor!!!