jueves, 27 de marzo de 2008

RÍOS QUE NON SON RÍOS


Non sei quen trouxo este modelo de “río que non é río” e que está cambiar os regatos do Salnés. A min ocórreseme que o iluminado que chegou con esa idea, previamente estivo en Versalles e alí tivo unha revelación. Ao chegar aquí decidiu facer unha relectura deste xardín renacentista á luz dos regatos do Salnés, como dirían os bispos. E así foi como os seus prosélitos “fixeron un esforzo económico” que non lles costou ningún esforzo, porque o fixeron con cartos públicos, e converteron os regatos en xardíns pseudorenacentistas con árbores autóctonas podadas, ao longo de curso de auga unidireccional, o que nun proxecto de Concello ou Deputación se daría en chamar “Recuperación ambiental do río …” . En tanto, moita xente está contenta con este novo estilo de beira ”non fluvial” sometida a poda, despoxada de matogueira, socavada na súa canle e nos seus bordos polas escavadoras, e alumeada por faroliños baixos, por eso do impacto lumínico, mesmo a altas horas da madrugada. Agora podemos pasear polos camiños de terra batida ou de taboas, da beira dun “non río”, podemos sentar nun banco, apoiarnos nunha pasarela a non fumar un pitillo, andar cun carriño dun neno, cunha accesibilidade que xa lles gostaría a moitas vilas do Salnés. Mesmo hai profesores, que sen ser moi conscientes delo, levan aos rapaces para que vexan por primeira vez – que emoción!-, o que non é exactamente un río, ainda que teña algo de parecido. Na mentalidade de moita xente non entra a vexetación da primavera, pois todo debe ser paseable… Se nalgún lugar hai herba non segada, se considera que ese sitio está abandoado. Para moita xente toda a natureza debera ser coma un xardín de tipo francés, renacentista, o máis similar posible a Versalles, controlado ata o absurdo. Moitos queren gozar, como Luis XIV , XV e XVI, dunha natureza capada e ridícula. Odian que as herbas nazan espontánea, libres…, e queren sometelas. E tamén os ríos sofren os efectos reais desa mentalidade. Regatos fortificados nas súas beiras por horribles muros de pedra; árbores aliñadas en duas filas a espazos definidos e comprobados por cinta métrica, nada de vexetación que sobresaia dunha liña recta, marcada previamente nun mapa de situación, paneis interpretativos sobre o que había no río antes das obras, e que quedan moi monos…
Pero como debe de ser un río?
A vexetación da ribeira de ríos e regatos, tamén chamada bosque galería, conta con todos os estratos de vexetación: matogueira, arbustos, ramas baixas, plantas trepadoras, árbores medianas, árbores altas, e mesmo vexetación asolagada Son bosques que crean por si mesmos un ambiente distinto e se estenden, distribuídos en dúas franxas, máis ou menos anchas, ao longo das dúas beiras do río. Mesmo ás veces se expanden formando rodais adxuntos ao borde fluvial. Así é un bosque de río porque ás lontras, ás cobras de auga, ás ras, ás toupas de río, aos martiños peixeiros…, non lles fai moita graza que a xente os mire. Gústalle vivir en galerías naturais, escondidas, umbrías e frescas, con moitas follas e ramiñas no chan, con currunchos de olor a terra húmida onde agocharse e estar en intimidade. Aos peixes non lle gusta que o sol lles chegue ao río, precisan sombra e tamén vexetación morta nas augas para que eles e o seu alimento, os invertebrados acuáticos, teñan estancias para vivir e tamén, por que non, para xogar ás agachadas, aínda que isto pareza pouco científico. O río debe de ser un lugar fresco, cunha temperatura, no verán, algo máis baixa ca do seu entorno e, no inverno, algo superior. Sempre coa auga tirando a fría, porque o frío das augas garante o osíxeno disolto e o osíxeno garante a vida. As árbores, os fentos…, toda a vexetación que vive a carón do río, son valedores da calidade das augas: protéxena das altas temperaturas, asegúranlle materia orgánica inerte que serve de reserva e dispensador lento de nutrientes, filtran os contaminantes que se ían introducir no río desde as veigas próximas, sobre todo os fitosanitarios e os abonos químicos, pero, sobre todo, se o que nos interesa é gozar dun río, son lugares fermosísimos e ateigados de vida.

Por que se quere cambiar isto? Ten sentido?
Pois paradoxalmente a maior desfeita dos ríos do Salnés levouna a cabo nestes últimos meses a administración que ten as maiores competencias sobre as augas de Galicia, e que así se chama: Augas de Galicia. Coa desculpa de evitar posteriores riadas, as obras que este organismo da administración autonómica acometeu nos regatos, con carácter urxente, foron brutais. Converteron moitos regatos en canles case artificiais, cortando árbores enteiras, porque cometían o delito de adentrarse algo na beiras, eliminaron as máis chamativas e elegantes matas de fentos do Salnés, cambiaron nalgúns lugares, os bordos vexetais por bloques de perpiaño. Augas de Galicia por medio de empresas subcontratadas, é responsable da desfeita de quilómetros de río: os pequenos regatos que pasan polos concellos de Meaño, Meis, Ribadumia, algúns tributarios do Umia, outros da propia Ría de Arousa. Posiblemente, nos momentos de precipitacións máis torrenciais, as augas discorran máis rápido agora por estes regatos acanalados, pero tamén asolaguen máis deprisa as zonas que máis sufriron as pasadas inundacións. As augas chegarán a máis nivel nos lugares con risco de inundación, porque se non hai nada que as pare chegará máis axiña ás desembocaduras e atopará dificultades para desafogar no mar, sobre todo cando a marea estea alta. Pero tranquilos, non vai pasar nada que estamos mellor organizados que en Nova Orleáns. Todas estas obras que fixo Augas de Galicia foron realizadas sen ningún proxecto nin previsión. Ata tal punto foi a falta de previsión que o material que arrincaron ao río, miles de toneladas de restos vexetais, acumulárono, sen ningún permiso, en fincas de particulares e tivérono alí meses, pese ás chamadas e denuncias dos propietarios. Pódese gozar dun río, débese gozar dun río sen hipotecar a súa esencia, e hai formas de facilitalo, pero sobre todo unha: deixando ao río ser quen é. Tamén se poden facer paseos preto dos ríos, non son necesarios grandes lucimentos, nin sistemas de iluminación, pero si se poden habilitar camiños, se respectan as distancias ao curso de auga e a zona máis íntima do bosque galería. Mesmo pódese facilitar o acceso á beira das augas en lugares determinados. Así se vería e sentiría o río sen danalo. Hai problemas de abondo nos ríos, e para solucionalos hai que invistir:
• Na eliminación das verteduras líquidas urbanas directas ás augas.
• Na erradicación da vexetación alóctona que vai ocupando as beiras e o leito das canles e desprazando á propia.
• No control e eliminación dos recheos consentidos das xunqueiras e brañas que son as extensións naturais dos humidais e ademais son factores fundamentais na regulación do equilibrio hídrico, como controladoras das crecidas e receptoras das augas de inundación. Se queremos mellorar os cursos fluviais, debemos ter moi claro o que é un río para saber o que lle impide ser el mesmo. Iso si que é un esforzo, especialmente para algunha xente.

1 comentario:

Plataforma O Pombal (David Leiro) dijo...

O que dí aqui é verdade! Eu son do Pombal e os fins de semana vou dar unha volta ata o rio de Barbeito onde restauraron un muíño e esa zona toda esta moi ben para pasear porque cheira a natureza pero o río está todo cheo de merda e da pena. Recordo qu e de pequeno facíamos expedicións por alí abaixo e tamén por onde está agora o camping. Que tempos xd!