
A labor non foi nada doada, xa que aínda estamos pagando as letras do préstamo que tivemos que pedir para pagar a viaxe a Oriente. Para topar as Súas Maxestades investimos horas e a apertada axenda que teñen nestas datas deixáronnos moi pouquiño tempo para facer esta entrevista.
¡¡Pero conseguímolo!! E aquí a tendes.
_ ¿Que tal están? ¿Como se lles presenta o ano 2008?
Melchor: Ben, con ganas de que chegue a noite de Reis para poder facer felices a tódolos nenos do mundo.
Baltasar: Si, comparto a idea de Melchor, eu tamén o esto desexando.
Gaspar: É incrible o felices que son os nenos cos nosos regalos, isto paga con creces o traballo que nos supón esta longa viaxe cada ano por todo o mundo.
_ ¿Están os camelos preparados para esta longa viaxe?
Gaspar: Pois si, xa están listos. Foron esta semana a pasar a ITV e sen problema.
Melchor: O meu tiña unha luz de freo fundida, pero xa está arranxado.
Baltasar: E ó meu tiven que cambiárllelos cascos de adiante, que xa non se lles vía o debuxo e se me pillaban os de Tráfico…
_ ¿Como fan para chegar a tempo a tódalas casas do mundo?
Baltasar: É difícil, pero tentamos ir o mais rápido posible para que nos de tempo. Moitas veces, os nenos déixannos cousas de comer, tanto a nos coma os camelos, pero non podemos pararnos moito.
Melchor: O problema témolo co do carné por puntos, xa que se nos collen… E ademais este ano co da reforma do código penal…
Gaspar: Pero xa equipamos os camelos cuns GPS de última xeración, que detectan os radares tanto fixos como móbiles. Aínda que non son legais de todo, pero…
_ ¿Pórtanse ben os nenos durante todo o ano para que lles levedes o que vos piden?
Baltasar: Os nenos soen portarse ben, en xeral non hai queixa.
Gaspar: Non esaxeres Baltasar, que este ano temos bastante carbón que repartir.
Melchor: Si Gaspar, pero moito dese carbón tamén é para os maiores.
_ O reparto en Sanxenxo, ¿resulta moi complicado?
Melchor: Sanxenxo é un dos lugares onde mais regalos deixamos. ¿O reparto? Pois eu penso que como todos os demais lugares, ¿non compañeiros?
Gaspar: Home, damos grazas de que o Nadal non sexa no verán, por que polo que vemos isto esta a tope de coches, e meter os pobres camelos na caravana…
Baltasar: Sí, e ademais dende que meteron isto de “R” polas rúas non hai quen circule. Todo son fochancas e eu xa lle tiven que cambiar as suspensións ó camelo dúas veces.
_ ¿A que hora, aproximadamente, comezades o reparto dos regalos?
Baltasar: Pois a iso da unha da madrugada, mais ou menos. Depende tamén de cómo estea a noite, xa que se chove hai que ir máis a modo xa que os camelos vanse nas curvas e leva máis tempo.
Melchor: Os anos anteriores comezábamos sobre as 12 da noite, pero este ano o sindicato arranxounos o tema e comezamos unha horiña mais tarde.
Gaspar: Iso, ¡traballamos unha hora menos!
_ ¿Cal é o voso truco para que nunca ningún neno fose capaz de velos deixándolles os regalos?
Os tres a vez: ¡¡Pois porque somos máxicos!!, ¿ou que pensades?
Melchor: Ademais, se algún neno nos está esperando para vernos pasamos de longo e volvemos logo.
_ ¿Non resulta moi cansado facer as cabalgatas antes do reparto de regalos?
Baltasar: Home, cansado cansado non é, pero que se nos acumula moito o choio si que é verdade.
Melchor: A nos o que nos dá forzas é ver a ilusión coa que os rapaces nos miran, escoitar o que queren, compartir con eles eses pouco minutos… con iso, temos forzas para afrontar toda a noite.
Gaspar: Ademais iso é outra cousa na que está a traballar o sindicato, ¡que para iso estamos afiliados! Que nos repartan algo mais o traballo.
_ ¿Qué fan os reis magos durante o resto do ano?
Gaspar: Pois dígovos: Eu collo a segunda quincena de Xaneiro de vacacións, e logo collo os outros quince días no verán. Melchor colle todo Setembro para repor forzas cara o Nadal e Baltasar… ¿ti cando as colles Baltasar? !E que este cambia cada ano¡
Baltasar: Pois este ano… collerei agosto. Estou pensando en irme ata Sanxenxo á praia.
Gaspar: Logo o resto do ano vixiamos ós nenos e nenas, a ver como se portan, e vamos preparando cousiñas para o Nadal, sacamos os camelos a pastar…
Melchor: ¡¡Sempre che hai cousas que facer meus fillos!!
_ Unha pregunta un tanto indiscreta. ¿Teñen moza?
Risas.
Risas.
Máis risas.
Melchor: Moza eu non teño, pero amigas…algunha hai por aí.
Gaspar: Eu tampouco teño nada serio.
Baltasar: Eu unha vez tiven unha, pero cando lle dixen que traballaba de noite deixoume. ¡¡Non sei eu o por qué!!
_ Despois de tantos anos de traballo ¿Teñen prevista a xubilación?
Melchor: Non, esta é a nosa forma de vida, existimos para isto e non queremos deixalo nunca.
Baltasar: A ilusión coa que os nenos nos agardan todo o ano é algo que te enche tanto que amas este traballo máis que a nada no mundo.
Gaspar: !!Por iso non temos mozas¡¡
Risas.
_ Ben Súas Maxestades, a entrevista toca a súa fin. ¿Queredes dirixirvos os nenos e nenas que leen esta revista?
Gaspar e Baltasar: Que fale Melchor que é o que ten máis facilidade de palabra, nos somos moi tímidos.
Melchor: Pois falo eu, tranquilos.
Nenas e Nenos, como cada ano, a noite do 5 ó 6 de Xaneiro pasaremos polas vosas casas a deixarvos os regaliños. Esperamos que fosedes moi bos, xa que se foi así teredes a vosa recompensa.
Se este ano nos ides deixar comida, por favor, non deixedes moito doce, xa que somos moi lambóns, e nas últimas análises saíunos algo alto o colesterol.
Nada máis, unha forte aperta a tod@s e deica logo amig@s.
No hay comentarios:
Publicar un comentario