martes, 12 de junio de 2007

HUGO ANDRADE PADÍN, PRESIDENTE DA ASOCIACIÓN CULTURAL TEATRO DO MAR

A Asociación Cultural Teatro do Mar creouse en febreiro de 2002 como unha actividade do I.E.S. de Vilalonga. Era un grupo de teatro formado por alumnos e dirixido por alumnos. Dende setembro de 2005, ese grupo de aficionados pasou a converterse nunha asociación. Un cambio importante na configuración do novo equipo, que atopou na persoa de Hugo Andrade Padín, a figura que a partir de entón levaría as rendas deste grupo teatral.
Este veciño de Adina, naceu en xullo de 1984 en Portonovo. Cos estudos do Ciclo Superior de Animación Sociocultural aparcados temporalmente, traballa como monitor de teatro no Colexio “O Cruceiro” de Vilalonga, no I.E.S de Vilalonga e na Academia de Artistas de Luis Queimada en Sanxenxo. Como él dí, a dirección de Teatro do Mar debería ser unha actividade máis, pero ocupa a maior parte do seu tempo. Non en van, esta Asociación conseguiu en moi pouco tempo, ter un amplo programa de representacións e actividades culturais, dentro e fóra do noso concello.
¿Cales foron os seus inicios ou experiencias no mundo do teatro e a representación?
Comecei no teatro cando a miña tía foi presidenta de “Lembranzas”, fai doce anos. Dende esa estiven en grupos de teatro nos colexios onde estudei: Portonovo, Salesianos de Cambados, I.E.S. de Vilalonga, e no grupo de teatro da Asociación Avante.
¿Que lle animou a crear un grupo de teatro?
Cando se fundou Teatro do Mar fai cinco anos, dinme conta das escasas actividades extraescolares que tiña Vilalonga. Isto animoume e suscitou entre os meus compañeiros a creación dun grupo de teatro.
¿Con que equipo conta a Asociación?
Primeiro, coa colaboración da Xunta Directiva, que son os meus compañeiros. Despois co grupo de alumnos, un total de trinta e cinco, de tódalas idades, dende os sete anos aos vinte e tres que teño eu. E sobretodo coas familias dos alumnos para cada unha das actividades que realizamos.
¿Teñen feito xa moitas representacións?
Nestes cinco anos non nos podemos queixar, porque aínda nos piden a primeira obra que estreamos. Por primeira vez, o ano pasado, fumos actuar fóra do concello de Sanxenxo: a Lores e a Dena. Ainda que quedan aquí ao lado, estabamos moi emocionados.
¿Que actividades, aparte do teatro, realizan?
Realizamos por primeira vez unha comparsa no Entroido. Organizamos un maio o pasado día 1 de maio. Tamén está Portovisión que é un espectáculo musical–teatral que gusta moito. E en setembro sairán os novos obradoiros, dos que aínda non podemos falar, relacionados coa música.
¿Posúen xa algún tipo de galardón ou premio teatral?
No ano 2004, na IV Edición do concurso “Entre Nós, en Galego”, promovido pola Consellería de Educación, premiáronnos na modalidade de Teatro. Quedamos primeiros da provincia de Pontevedra e terceiros de Galicia, de entre máis de cen grupos de teatro. Foi coa obra Triste chegada, que nunca máis se volveu a representar.
¿Con qué orzamento contan?
Cada ano contamos coa cota de socio, que son doce euros e coas actuacións que realizamos. Tamén dispoñemos da subvención do concello que este ano é de oitocentos euros, así como a colaboración de comercios do concello de Sanxenxo.
¿Os integrantes poden ver nesta actividade unha saída laboral?
De momento vena como unha ocupación do tempo libre, pero non podo dicir que non teña o meu relevo entre algún dos integrantes nun futuro. Veñen pisando moi forte e con moitas gañas.
¿Teatro do Mar pode ser unha canteira de futuros actores?
De tantos alumnos o difícil sería que algún non saíra directo ó estrelato. Coido que hai moito talento en Teatro do Mar e estou seguro de que algún ou algunha triunfará.
¿Que cre que necesita un bo actor de teatro?
Podo dicir o que necesito eu para poder representar una obra de teatro. En primeiro lugar, confianza nos teus compañeiros e en segundo lugar, ilusión polo que estás a facer. Para min, se perdo a ilusión por un proxecto, é moi complicado que o poida levar a cabo.
¿Cales son os seus actores ou obras de cabeceira?
Lola Herrera gústame moito e tamén María Galiana. En canto a obras, teño La casa de Bernada Alba, que será un futuro proxecto, e as que estamos preparando ocupan sempre a miña cabeceira.
¿Como ve o futuro do teatro no concello?
Coido que, entre todos os grupos e o Concello, estamos intentando sacar á xente da casa para ir ver teatro. Penso que faltan lugares para facelo e apoialo un pouco máis. De tódalas maneiras, a xente xa sabe que estamos aquí e pouco a pouco, coido que crecerán os espectadores.
¿A que aspira Teatro do Mar?
Aspiramos a ocupar o lugar que cada un sinta como propio, no que se poidan expresar artística e culturalmente aqueles que queiran.

No hay comentarios: