lunes, 11 de junio de 2007

OBRADOIROS DO MAR DE ENTRETENDAS C.C.U.


Os días 17, 18, 19 e 20 de maio, ENTRETENDAS C.C.U., estivo presente no evento náutico da Semana Naval RÍA DE PONTEVEDRA, desenrolado na Praza do Mar, no porto deportivo de Sanxenxo.
Foron un total de dezaoito, os agraciados no sorteo das viaxes pola ría, todos eles clientes dos establecementos asociados. Cada premiado puido levar un acompañante que disfrutou igual que eles dun paseo polo mar, e dunhas vistas da costa do noso concello desde unha perspectiva ben distinta. A organización do evento preparoulles unha recepción no Clube Náutico de Sanxenxo, incluíndo un almorzo, a saída pola ría para ver as regatas, unha merenda e a asistencia á entrega de premios aos regatistas.
Na Praza do Mar, e coincidindo coa ponte das Letras Galegas, a asistencia foi progresiva ao ir coñecendo as actividades que alí se estaban a desenrolar. No village, onde se instalaron expositores de diferentes empresas e firmas comerciais, montáronse inchables para os nenos e un toro mecánico e tabla de surf para os non tan nenos. Así mesmo, unha das empresas alí situadas promovía o seu producto cuns aparatos de locomoción moi orixinais, que podían lembrar aos utilizados como taxis nos países da América latina.
A organización da Semana Naval, cedeu un dos toldos do village a ENTRETENDAS C.C.U., para a realización de actividades de artesanía e tempo libre. O obradoiro de arte Ronsel, levou adiante obradoiros adicados ao público infantil. Tódolos nenos que o desexaron poideron disfrutar de actividades creativas e lúdicas, totalmente gratis. Os obradoiros realizáronse en horario de mañá e tarde, os catro días do evento.
Os rapaces comezaron disfrutando de xogos de presentación, con cancións en grupo. Fixéronse manualidades como a decoración de pedras de mar con témperas de cores; obradoiros de pintura, onde cada neno fixo o seu autorretrato; e actividades de modelado en plastilina, que as mans dos máis pequenos conseguiron converter en peixes de cores. Os monitores ensinaron tamén aos nenos a facer formas e figuras con papeis e globos, nos obradoiros de papiroflexia e globoflexia, onde os avións e as flores foron os auténticos protagonistas. Pero sen dúbida, a actividade estrela foi a do maquillaxe. Vese que os rapaces viven nun constante entroido e non quixeron deixar de pintarse a faciana con formas do máis orixinal: dragóns, bolboretas, tigres, demos ou flores. Os nenos disfrutaron e os pais non deixaron de perderse os detalles e as reaccións dos pequenos.

No hay comentarios: