sábado, 24 de noviembre de 2007

HISTORIA DO CAMPOSANTO.

O Cemiterio de Adina vai cumprir 42 anos, durante este tempo acumuláronse unha gran cantidade de sucesos, que intentamos rescatar a través da testemuña da persoa que máis tempo leva traballando nel, facendo obras varias na ampliación do mesmo, así coma diversos traballos de mantemento, ordenación e limpeza.
Antonio García Esperón traballa na construción dos panteóns dende 1974, pero colabora de xeito voluntario co mantemento do cemiterio porque non existe ningunha persoa que o realice.
O día 23 de Novembro do 1965 (Día das Ánimas) foi inaugurado, o Alcalde Leopolodo Agís, Benito “da Xesteiriña”, Don José (o cura) e varios directivos da Confradía de Portonovo foron os principais promotores do proxecto. A primeira fase rematou no 1983, coa construción (de xeito desordenado nalgúns casos) da parte antiga do cemiterio que consta duns 1600 nichos aproximadamente, a segunda fase aínda está en marcha e conta cuns 1360 nichos de momento. A xestión da compravenda dos panteóns creo algúns problemas, os rexistros e documentacións máis antigas non están perfectamente controladas, polo que non se sabe a ciencia certa quen son os verdadeiros propietarios de algúns nichos, hai herdanzas non rexistradas, documentos extraviados e pleitos familiares. Por outra banda, o Pósito vendeu as propiedades sen cota de mantemento ou comunidade, (algo habitual en tódolos cemiterios )o que complica a posta en marcha dun servizo que tarde ou cedo terá que funcionar. Por agora , a Confradía ofrece varios servizos gratuítos ós usuarios, incluso está construíndo servizos públicos.
Durante os primeiros anos, os nichos da Igrexa fóronse trasladando ó novo emprazamento, pero o primeiro defunto foi un veciño de Arra que foi enterrado o 31 do 11 do 1965. Existen moitas persoas de relevancia pública que descansan neste camposanto como o ex alcalde Leopoldo Agís , Sandalio Alonso De La Riva (exalcalde republicano de León) ou Ramón de Valenzuela (escritor e político galeguista).
Tamén descansan aquí os restos dos nenos e adultos falecidos no tráxico accidente da Fábrica de Peña o 17 de Novembro do 1962, despois dunha primeira ubicación.Tamén é destacable o defunto veciño de Portonovo Miguel Carballa Otero que foi o de máis idade con 106 anos no intre da defunción.
O Pósito decidiu facer un panteón para defuntos “temporais”, aqueles mariñeiros que aparecían e non eran identificados nos primeiros días. En Outubro do 1976, apareceu nas redes dun barco un neno de vinte días sen identificar, nunca se soubo quen era pero despois de ser enterrado, apareceron flores na súa tumba de xeito anónimo, un enigma que dura ata hoxe. Os que visitan con asiduidade o lugar o coñecen coma o “neno descoñecido” e lle seguen poñendo flores.
Como anécdota, Esperón destaca a ocasión na que o antigo enterrador estaba cambiando de nicho o corpo moi deteriorado dun defunto, cando o cigarro que estaba fumando se lle caeu entre os restos do corpo e rebuscou entre eles ata que o recuperou sen inmutarse.
Tamén cabe destacar a rodaxe dunha película neste lugar, que mantivo en uso unha sala de autopsias ata o 2 do 7 do 1987, cando o médico forense trasladouse ó hospital.
A historia do cemiterio dalle unha volta a perspectiva da nosa vida.
Texto: Jorge García.

No hay comentarios: